Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Feijóo e o arcebispo de Santiago abordarán co Papa Francisco a importancia do Xacobeo 21-22

Os dous manterán unha xuntanza co pontífice o vindeiro 14 de xuño

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, reuniranse co Papa Francisco o vindeiro 14 de xuño, segundo confirmou o executivo autonómico este domingo. O encontro ten especial relevancia, tendo en conta que estamos en plena celebración do Xacobeo 21-22.

Tal e como traslada a Xunta, durante a audiencia Feijóo exporá a importancia que esta ocasión ten para Galicia no seu conxunto, así como para todos os peregrinos que se deciden a emprender o Camiño a Santiago. Ademais o presidente aproveitará a ocasión para agradecerlle ao Papa a súa decisión de estender o Ano Santo ata 2022. Unha ampliación que brindará moitas máis oportunidades a Galicia e aos visitantes que se queiran achegar a visitala, polas limitacións actuais debido á crise sanitaria da COVID.

No encontro o dirixente autonómico tamén exporá os esforzos que está a realizar o Goberno galego para garantir un desenvolvemento seguro do Xacobeo e para promovelo no mundo como unha porta aberta á espiritualidade e o acougo en tempos tan complexos. Cabe supoñer que tanto o presidente como monseñor Julián Barrio aproveitarán a visita para reiterar o seu convite ao pontífice para que visite Galicia durante esta celebración.

A última vez que Núñez Feijóo e o arcebispo de Santiago asistiron xuntos a unha audiencia co Papa foi en marzo de 2010. Daquela os dous foron recibidos no Vaticano, tamén para falar do Xacobeo, por Benedicto XVI.

06 jun 2021 / 10:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.