Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Feijóo quere un PP "centrado" e non "copiar formulacións excesivas e populistas" de Vox ou a "falta de criterio de Cs"

Reivindica “a importancia do equipo de cinco presidentes autonómicos” de Casado e déixalle “autonomía” para decidir se cambia a súa cúpula // Ve “unha urxencia” que o PP gañe “as próximas xerais” e móstrase “convencido” de que pode pasar: “Non vexo outro escenario”

SANTIAGO. EP. O presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, reivindica un PP "centrado" e, aínda que rexeita dar "consellos" ao seu xefe de filas, Pablo Casado, considera que a formación debe evitar "copiar a falta de criterio" de Ciudadanos (Cs) nin "as formulacións excesivas e populistas de Vox". En todo caso, valora que "non se estea facendo" e ve ao seu partido "por bo camiño". Nunha entrevista con Europa Press, Feijóo reflexionou acerca dos "dez millóns de votos do PP" e constatou que no actual campo de batalla político "repártense entre tres siglas", en referencia ao propio PP, Vox e Ciudadanos. Lonxe de entender que os populares deberían renunciar a unha parte deste electorado, defendeu que estes dez millóns de votos son "moi importantes". "Nós non podemos dar por perdido nigún voto, nin socialdemócrata, nin de Vox. Ese voto de Vox foi noso. Pero tampouco podemos obsesionarnos co que fagan os dirixentes de Vox. Imitar os seus comportamentos, cousa que non estamos a facer, sería un erro. E non ocupar o deserto que deixou Cs, cousa que si estamos a ocupar, tamén serían un erro", remarcou.

E é que, baixo o seu punto de vista, pelexar por volver a reunificar no PP todo o apoio deste espectro ideolóxico, "non" é incompatible con priorizar "a primeira denominación" do PP: o "centro", con independencia do apelido que lle acompañe ("centro dereita, centro liberal ou centro reformista", enumerou). "Somos un partido centrado, con ás liberais, reformistas e conservadoras; e habémolas de despregar para conseguir altura suficiente no teito electoral que necesitamos para que haxa un cambio de goberno en España", sentenciou, convencido de que o PP vai "por bo camiño" neste reto, a pesar da "difícil" conxuntura na que Casado tomou as rendas --após a moción de censura que expulsou a Mariano Rajoy da Moncloa-- e a que "non o tivo fácil".

"O PP TEN QUE GAÑAR AS XERAIS"

Preguntado acerca de se Casado merecerá unha segunda oportunidade se non logra o éxito esperado nas próximas eleccións xerais, o presidente galego evitou dar unha resposta e escudouse en que el non vai caer "na trampa" de especular con "que ocorre se o PP perde".

"É que o PP ten que gañar. Co Goberno que tnemos é unha urxencia que o PP gañe", esgrimiu, á vez que se declarou "convencido" de que pode facelo, igual que el puido conseguir unha cuarta maioría absoluta consecutiva en Galicia aínda que "era moi difícil" ou Isabel Díaz Ayuso logrou a vitoria de Madrid.

"Creo que o PP ten que gañar as xerais e non vexo outro escenario", concluíu.

REIVINDICA O EQUIPO DE PRESIDENTES AUTONÓMICOS DO PP

Coa Convención Nacional de Valencia á vista e preguntado sobre se Casado debería aproveitar ese conclave para facer tamén cambios no seu núcleo máis próximo e reforzar o seu equipo, Feijóo respondeu que o seu xefe de filas "ten toda a autonomía" para rodearse na cúpula dos que "considere oportuno".

Pero remarcou varias veces que, máis aló dos que o acompañan na cúpula de Xénova, "o equipo" de Casado son el mesmo e os outro catros presidentes autonómicos que goberna en Madrid, Andalucía, Castela e León e Murcia, así como os alcaldes populares. Sobre todo, remarcou o papel dos 'baróns' autonómicos que xestionan comunidades.

"O equipo de Casado ten cinco bos presidentes autonómicos. Ese equipo é moi importante; se non tes territorios ben xestionados, a xente non pode comparar a xestión popular e socialista. E aquí hai cinco territorios que están bastante ben xestionados", reivindicou Feijóo.

RENOVAR O CONSELLO XERAL DO PODER XUDICIAL?

En canto ao deserto de acordos nesta lexislatura e se cre que Casado debería tentar alcanzar un punto de consenso co PSOE para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, respondeu que "o problema" para selar outros pactos é "o acordo de base" que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez ten "con ERC e Bildu".

"E ese acordo de base fai ás veces imposible outros acordos. Non se pode estar pola mañá defendendo a Constitución e pola tarde pactando con partidos cuxo obxectivo público e notorio é destruíla", aseverou, moi crítico con que "ser independentista cotice á alza" en España e sitúe nunha posición privilexiada para "negociar" co Goberno de forma bilateral.

"SÁNCHEZ NON SERÁ O MELLOR PRESIDENTE DE ESPAÑA NIN DO PSOE"

Por outra banda, ante as súas habituais críticas ao Executivo central e a Sánchez, preguntado sobre se considera que vai ser o peor presidente da democracia española, Feijóo apelou a esperar a que o dirixente socialista salga da Moncloa para "facer balance". Pero si ten claro que "non vai ser en ningún caso o mellor presidente da democracia española nin do PSOE".

E cal o foi, ao seu xuízo? Feijóo evitou unha resposta tallante pero si avaliou aos distintos mandatarios. Así, destacou as "achegas enormes" de distintos presidentes estatais, sendo "o primeiro deles Adolfo Suárez". Tamén do socialista Felipe González apuntou que foi "un personaxe crave para finalizar a Transición e que un partido socialdemócrata puidese gobernar con normalidade" varios anos no país.

Do popular José María Aznar, apuntou que "puxo en orde as contas" e situou a España "entre as economías máis avanzadas do mundo". Con todo, considera que o socialista José Luís Rodríguez Zapatero "non foi un bo presidente". "Atopouse cun enorme superávit e non o soubo xestionar; ocultounos unha crise económica e iso é un fallo imperdoable, e foi moi frívolo coa política territorial", afeou.

E finalmente, do popular Mariano Rajoy destacou que "evitou o rescate, deu a volta ao marcador en economía e emprego" e devolveu España "á senda dun país confiable".

08 ago 2021 / 13:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.