Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Feijóo, tras a polémica de Álvarez de Toledo: Sería "un erro" que a oposición "perda os papeis"

“Xa abonda deste tipo de espectáculos parlamentarios que estamos a ver no Congreso”, reclama o barón popular galego

SANTIAGO. EP. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu, tras a polémica suscitada ao chamar "terrorista" a portavoz parlamentaria do PP, Cayetana Álvarez de Toledo, ao pai do vicepresidente Pablo Iglesias, que sería "un grave erro" que a oposición caese "nas provocacións" do Goberno e "tamén perdese os papeis".

Despois da reunión semanal do seu Goberno, preguntado acerca de se apoia as palabras de Álvarez de Toledo, o tamén líder do PP galego referiuse aos 30.000 falecidos pola pandemia do coronavirus, así como aos "millóns de españois" que agora están preocupados polo seu futuro.

Nesta conxuntura, o barón popular defendeu que deben cesar este tipo de "espectáculos" na Cámara baixa. "Xa abonda deste tipo de espectáculos parlamentarios que, en pleno ou en comisión, estamos a ver no Congreso", esixiu.

"Os gobernos o que deben facer é gobernar e tratar de aproximar posturas coa oposición", advertiu Feijóo, convencido de que un Goberno "non pode buscar enfrontamentos" cos seus rivais políticos, como, ao seu modo de ver, si está a facer o Executivo estatal.

E é que, ao seu modo de ver, o Executivo que dirixe Pedro Sánchez "perdeu os papeis nas últimas semanas" e agora pretende "que a oposición tamén os perda".

"COMETERIAMOS UN GRAVE ERRO"

"E eu o que creo é que ningún compañeiro do meu partido ou doutros partidos da oposición debe entrar ao reclamo do Goberno para crispar, provocar e perder os papeis", trasladou.

"Aínda que só sexa polo respecto aos 30.000 falecidos e polos millóns de cidadáns que están a perder o seu emprego, neste contexto máis que nunca cometeriamos un grave erro se contestamos as provocacións dun Goberno que perdeu os papeis e se a oposición tamén perde os papeis", resolveu.

29 may 2020 / 19:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.