Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Fuga de intelixencia natural pública á intelixencia artificial privada

    Desde a súa orixe e durante décadas, a investigación en intelixencia artificial (IA) realizouse sobre todo nas universidades e centros de investigación, na súa maior parte públicos. Os principais proxectos e programas de investigación en IA tamén foron financiados fundamentalmente con recursos públicos. Pero a canción agora é outra. Na última década, sobre todo, o centro de gravidade da IA, tamén da investigación neste ámbito, foise situando cada vez máis na empresa. A intelixencia artificial move hoxe miles de millóns de euros en investimentos (o capital privado investido en empresas centradas en IA foi duns 93,5 mil millóns de dólares en 2021) e o mercado de produtos, servizos e de todo tipo de aplicacións da intelixencia artificial estímase en máis de 400 mil millóns de euros en 2022 e por riba do medio billón de euros en 2024, segundo datos da consultora IDC.

    Isto explica que case todos os novos doutores en IA, que xa son un de cada cinco de entre quen consegue un doutoramento en ciencias da computación en EE. UU., acaben en empresas. Sen dúbida as oportunidades de emprego, os elevados soldos que paga a empresa por este perfil profesional e as posibilidades de participar en proxectos de alto interese e impacto, son poderosos argumentos para atraer este talento.

    O mercado da IA está ávido destes perfís profesionais, cuxo número segue sendo insuficiente para atender a demanda dos empregadores. Pero non son só os novos titulados das universidades os que son fichados pola empresa, ás veces mesmo antes de acabar os seus estudos, senón que ocorre cada vez máis entre os académicos senior, sobre todo nos países que contan con empresas á vangarda da intelixencia artificial. Sirva de mostra o caso dos gañadores da Medalla Turing no ano 2018, o premio máis importante no ámbito das ciencias da computación. Yann LeCun, Geoffrey Hinton e Yoshua Bengio obtiveron este recoñecemento polas súas brillantes achegas á computación neuronal, un ámbito da intelixencia artificial con décadas de vida, pero cuxo desenvolvemento foi fulgurante na última década. As súas traxectorias de investigación discorreron en universidades de EE. UU. e Canadá, pero desde hai algún tempo LeCun tamén está ligado a Meta, ata hai pouco Facebook, e Hinton a Google.

    Esta progresiva perda de talento en IA que se está producindo na Universidade e nos centros públicos de investigación, está a minguar non só a capacidade de investigación da academia, senón que tamén afecta á formación. Mentres tanto, quen acaba na empresa, aínda que sexa en responsabilidades de investigación, ven como a súa produción científica redúcese, froito en boa medida das limitacións que poñen as empresas para facer públicos os resultados do seu I+D. A diminución na produción científica afecta tamén aos investigadores das universidades, xa que desenvolven unha crecente actividade investigadora para ou en colaboración con empresas, e aínda que a investigación se realice na contorna académica, os compromisos de confidencialidade impostos pola empresa son a miúdo un freo para as publicacións científicas.

    Adoito dicir que mentres que ningunha universidade do mundo ten centos de investigadores en intelixencia artificial, nin sequera as que lideran as listas de excelencia académica, como Harvard, Stanford ou o MIT, hai un bo número de empresas que si os teñen, mesmo máis dun milleiro algunhas delas. Isto non só supón que son as empresas as que marcan as liñas de investigación a seguir, senón tamén as que obteñen os máis importantes logros tecnolóxicos, algúns, de feito, completamente fora do alcance da investigación pública. Teñen os medios, así que fixan os fins e conséguenos con frecuencia. Pensemos en ChatGPT ou LaMDA, que son case como oráculos de Delfos, ou en Dall-e, que permite xerar imaxes incribles a partir de breves descricións de texto. Estes “xoguetes” están a comezar a transformar cousas moi importantes da economía e das nosas vidas, pero neste momento están fóra do alcance do sector público.

    Cando o público desatende o máis relevante, sexa a sanidade, a educación, a exploración do espazo ou a investigación, o que supostamente se aforra acabamos pagándoo entre todos, e págano máis os que menos teñen.

    15 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.