Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galicia contará cun selo de sustentabilidade para a produción alimentaria

A comunidade vai ser a primeira en regular unha certificación que vai dar valor engadido

Santiago. Galicia será a primeira comunidade autónoma do país en regular unha certificación de susentabilidade para a producción alimentaria, tal e como quixo salientar onte o titular do Executivo galego, Alfonso Rueda. “Unha cuestión que cada vez máis o consumidor ten como un valor engadido”, apuntou logo da reunión semanal do Consello do Goberno galego.

Isto conseguirase a través da Lei de calidade alimentaria, en cuxa tramitación está avanzando a Xunta e que se prevé poder levar ao Parlamento antes de que remate este ano 2022.

Axencia de calidade alimentaria. A nova norma recolle a regulación do fomento e do desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada, como son as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas. Asemade, contempla tanto a calidade estándar (en consecuencia de requisitos obrigatorios) como a calidade diferenciada (en función de normas de carácter voluntario), e tamén especifica as competencias e organización administrativa ao respecto, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Deste xeito, os produtos co logotipo específico implican que están elaborados de acordo a criterios de calidade, de respecto ao ambiente, de protección dos traballadores e da cidadanía e que xeraron unha renda axeitada para todos os elos da cadea de valor. Prevese, ademais, crear dous órganos específicos de consulta e participación: o Consello Alimentario de Galicia e a Mesa dda Calidade Alimentaria Diferenciada.

Asemade, entre outras novidades, a norma regulará de maneira innovadora a promoción de marcas de garantía sectoriais e dunha marca global para toda a produción alimentaria galega que conte con requisitos de calidade específicos.

O presidente da Xunta explicou que con esta iniciativa, que actualizaría á Lei 2/2005 do 18 de frebreiro, trátase de actualizar o marco normativo de Galicia en relación ao impulso da calidade dos produtos alimentarios, tanto os que se producen como os que se comercializan na comunidade.

Os principais obxectivos da lei son, entón, “dar un novo pulo á excelencia dos nosos produtos, incrementar o seu atrativo e éxito no mercado, impulsar o desenvolvemento local”, debullou Rueda. Isto é, impulsar “o emprego e a actividade no rural e achegar todas as garantías de calidade aos consumidores.”

Ao tempo, tamén se quere fomentar, potenciar e garantir a produción de alimentos de calidade diferenciada en Galicia e regular o funcionamento dos consellos reguladores como entidades de xestión de figuras de protección da calidade diferenciada.

“Son algunhas das novidades, en definitiva, dunha nova lei que pretende reforzar a produción dos nosos produtos de calidade, darlles un novo impulso no mercado, unir forzas cos produtores e ser máis eficaces contra as prácticas fraudulentas”, valorou o presidente.

Unha lei coa que se busca, polo tanto, dar resposta aos cambios no marco legal comunitario e español neste eido e a unha nova necesidade, como explican dende a Xunta, de sistematizar “nunha única disposición a complexa normativa na materia da calidade alimentaria. E.N.

22 sep 2022 / 21:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito