Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia puxo a proba a súa capacidade de resposta ante o risco de contaminación

O porto de Laxe acolleu un simulacro de colisión dun quimiqueiro cun pesqueiro // Na última década fixéronse máis dun cento de exercicios

O porto de Laxe acolleu este venres un simulacro marítimo co obxectivo de comprobar o funcionamento e a coordinación dos medios dos que dispón a comunidade para loitar contra hipotéticos episodios de contaminación mariña accidental. Este exercicio, que se suma aos máis dun cento realizados na última década, permitiu testar a capacidade de resposta dos medios galegos ante o risco de contaminación trala suposta colisión dun buque quimiqueiro -que finalmente non sufriu danos- cun pesqueiro -coa perda de combustible derivada do choque- a 15 millas do porto laxense.

O simulacro enmárcase nas probas e adestramentos realizados no marco do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal), creado no ano 2012 para loitar de forma máis eficaz, operativa e eficiente ante unha emerxencia deste tipo ao simplificar os órganos de resposta ante unha continxencia marítima.

O Camgal é o plan de actuación da comunidade autónoma e enmárcase no Sistema Nacional de Resposta, que recolle dous subsistemas -marítimo e costeiro- en función do impacto que teña o episodio contaminante. No marítimo inclúense o Plan Marítimo Nacional e os Plans Interiores Marítimos e no subsistema costeiro o Plan Ribera, os plans territoriais (como o Camgal) e os plans locais.

Unhs probas que foron presenciadas polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Esta explicou que este tipo de simulacións contribúen a que os medios humanos e técnicos estean nunha situación óptima para intervir en caso de que sexa necesario e que a resposta sexa áxil e eficiente na protección da costa e do medio mariño.

Salientou que desde 2012 se realizaron máis dun cento de exercicios coma este -coa participación de distintos organismos da Xunta- aos que hai que sumar as 75 activacións reais do Plan Camgal, das que 67 foron en fase de alerta, sete en situación 1 (emerxencia de nivel mínimo) e unha en situación 2 (emerxencia nivel medio).

Rosa Quintana puxo en valor que, malia que o risco cero non existe, “a comunidade está mellor preparada ca nunca para facer fronte a calquera episodio de contaminación mariña accidental”. Neste sentido, incidiu en que Galicia é a única comunidade cun servizo de gardacostas propio e que nos últimos anos incorporou importantes medios e equipamentos como os buques Irmáns García Nodal e Sebastián de Ocampo -dotados de EPI de protección nuclear, radiolóxica, biolóxica e química (NRBQ)- así como o Ría de Vigo, designado para o Noroeste de Península Ibérica pola Axencia Europea de Seguridade Marítima e no que a Xunta contribúe a manter a súa operatividade.

A maiores, todas as bases do Servizo de Gardacostas e as súas patrulleiras contan con material de loita contra a contaminación ao tempo que a comunidade dispón de cinco naves de almacenaxe de distintos equipamentos en Cambados, Sada e Viveiro, Cambados e A Pobra.

A titular de Mar subliñou que á necesidade de contar con medios técnicos se engade a relevancia de que o persoal que intervén en episodios destas características conte coa mellor formación posible. Ese é o obxectivo de simulacros e a participación de Galicia en máis dunha quincena de proxectos europeos relacionados coa oceanografía e a loita contra a contaminación mariña. Entre eles están Erocips, Arcopol, EasyCo, Mycoast, CleanAtlantic, Raia, MarRisk, Drifter, Mariner ou Manifests.

Ao simulacro de Laxe tamén asistiron o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia -como director do plan Camgal-, Lino Sexto, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axega, Marcos Araújo.

De feito, o Camgal, malia non ser un plan de protección civil, intégrase no Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) para activarse nos casos nos que fose necesario se a emerxencia ademais de contaminación mariña tivese consecuencias para a poboación.

Nesta liña, Diego Calvo puxo en valor o labor do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, desde o que se mobilizan e coordinan os efectivos e recursos precisos ante unha incidencia.

diego calvo
“A prevención é a mellor ferramenta”

O vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Diego Calvo, destacou a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de preparación para garantir a eficacia ante as posibles emerxencias, motivo polo que periodicamente se programan simulacros.

12 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.