Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Luis Álvarez // Portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE

“Hai unha oposición frontal do PP ao desenvolvemento da nova lei educativa”

{El Franco, 1963} O portavoz parlamentario do Partido Socialista de Galicia, comparte nunha conversa con EL CORREO a súa opinión sobre os temas de maior actualidade na nosa comunidade, que ocuparán un oco importante do pleno no Parlamento do vindeiro martes co que se inicia o novo período de sesións deste curso político que acaba de comezar.

Que valoración fai destes seis anos no Parlamento de Galicia?

Vai a parecer un tópico, pero estar no Parlamento de Galicia é unha honra. Representar á cidadanía e que che elixan os cidadáns para estar aquí é unha honra, e polo tanto síntome moi agradecido. A valoración ten que ser necesariamente positiva porque estou aquí de forma voluntaria, pareceríame unha soberbia queixarse. Eu non me adiquei profesionalmente á política ata ben entrado na década dos 40; procedo do mundo da docencia, polo que sinto agradecemento por esta oportunidade.

E, máis concretamente, como voceiro do PSdeG?

Con respecto á miña faceta de voceiro, tamén teño un agradecemento especial a Valentín González Formoso por ter confiado en min para levar a portavocía do Grupo Parlamentario Socialista. Non contaba con ter que desenvolver esta responsabilidade, que é moi importante porque es a cara visible do grupo parlamentario, e neste sentido sempre afrontei esta nova etapa con responsabilidade.

Estamos a comezar o curso político, que cuestións é mais importante abordar?

Hai un aspecto sobre o que vimos falando con moitísima intensidade nos últimos meses, o ámbito sanitario. Forma parte da preocupación maioritaria da poboación de Galicia, que é consciente de que as competencias son todas autonómicas. Tamén os servizos sociais. Evidentemente hai unha demanda crecente de prazas para a atención ás persoas maiores, que cremos que aquí en Galicia é moi mellorable.

Outro tema que preocupa moito é o servizo público educativo. Imos debater sobre isto no pleno, e, de feito, a pregunta que lle vou a facer ao presidente de Galicia é sobre a súa valoración do inicio de curso logo de que se tiveran producido unhas declaracións que a min me pareceron absolutamente inadmisibles, e é que o conselleiro de Educación, o último responsable do sistema educativo de Galicia, dixese que ía ser un “comezo de curso caótico”.

Inadmisibles por que?

Neste momento no que a sociedade está a atravesar unha situación tan complicada, os responsables públicos non debemos contribuir a facer declaracións, como dicía, inadmisibles, que fan que a percepción que teña a sociedade sexa de que non somos quen de superar esta situación e que incluso vaia a ser caótica. O feito de que tivese comezado o curso con normalidade é a proba de que o conselleiro de Educación se excedeu ampliamente nesas declaracións ás que fixen mención.

Se o curso vai funcionar cunha ‘relativa normalidade’, alén de moitas carencias, non é grazas a ese tipo de declaracións, senón á profesionalidade dos docentes e dos equipos directivos, que foron quen de poñer a funcionar o curso con certa normalidade a pesar da falta de profesorado e de recursos.

Falaban no PSdeG de “dinamitar o inicio do curso escolar” e dun “debate absurdo” arredor da aplicación da Lomloe. Cre entón que é algo intencionado?

Eu creo que si. Cando o ministro de Educación Wert aprobou a Lomce, foi exclusivamente cos votos do Partido Popular. Houbo un acordo unánime do resto de forzas que naquel momento formaban parte do Congreso dos Deputados de que cando se desen as circunstancias políticas esa lei íase derogar. O que se fixo foi cumprir con ese acordo. O propio PP é consciente de que esa lei Wert era mala, e moitos deles defendíana coa “boca pequena” porque era unha cuestión de partido. Agora o que están facendo é unha oposición fontal ao desenvolvemento da Lomloe.

Oposición frontal, como?

En primeiro lugar, dixeron que era unha lei non participada. Mentira, porque houbo miles de aportacións ao seu desenvolvemento a través das consultas públicas, que é como se desenvolve a normativa tanto en Galicia coma no Estado español. Dixeron que os currículos ían publicándose tarde por parte do Ministerio de Educacion e que era imposible telos publicados no DOG. Mentira tamén, porque si que houbo outras comunidades autónomas que foron capaces. Pudo terse feito un traballo en paralelo co Estado que Galicia e outras comunidades gobernadas polo Partido Popular non quixeron facer.

O Grupo Socialista presenta 182 enmiendas ao Plan Estratéxico de cara 2030, máis que ningún outro partido. Que deficiencias considera que deben ser correxidas?

No Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, que se vai debater no próximo pleno, plantéxase cal é o desenvolvemento que queremos ver nesta comunidade autónoma deste este momento ata o ano 2030. Pero ten unha deficiencia básica, que é que non considera en ningún momento todo o que pasou no ano 2020, que foi absolutamente crítico para Galicia, para España, para Europa e para o mundo.

A min gústame unha expresión que se usa moito en América do Sur para este tipo de documentos, que é que son moi pintones. No sentido de que están moi ben feitos, moi ben maquetados e estructurados, pero teñen que ter unha coherencia, porque un plan estratéxico é algo diseñado para un futuro. Dado que o documento non contempla esa relaidade, cremos que o que plantexa é pouco viable.

Tamén no pleno van falar sobre a prohibición de pesca de fondo por parte da Comisión Europea.

A CE está a cometer un erro importante porque as prácticas extractivas que leva a cabo a flota galega son perfectamente compatibles co mantemento dos recursos mariños. O que demandamos é que antes de que se adopten medidas que van ter unha repercusión importantísima sobre un sector estratéxico para Galicia como é a pesca, se analice se os informes en base aos que se pretenden tomar estas decisións responden ou non á realidade. Cremos que é un erro, que é polo que iniciamos a campaña de recollida de firmas que foi apoiada polas cofradías.

Alén disto, vai o Grupo Socialista demandar un “cambio radical” no modelo de prevención de incendios. En que aspectos?

O que se está facendo mal non ten unha resposta sinxela, porque hai que recoñecer que hai factores que son alleos á política que está desenvolvendo a Xunta, como é o indudable cambio climático. Isto supón grandes periodos de sequía e calor excesivo que crean eses famosos escenarios 30-30-30: ventos superiores a 30km/h, temperaturas por encima dos 30º e humidade por debaixo do 30 por cento.

Isto non depende da política que poida facer a Xunta de Galicia, pero si que é certo que dende hai décadas demandamos un cambio no modelo de coidado e de prevecnción, porque o que non se pode facer é dedicar a maior parte dos recursos á extinción de incendios si este escenario é consecuencia do abandono do medio rural. Vímolo ao longo de todo este verán, hai hectáreas e hectáreas de terreo abandonado e xérase unha gran masa de combustible que nun contexto de cambio climático arde cunha facilidade impresionante.

E que hai que facer?

Eliminar esa masa de fácil combustión, que require prevención ao longo de todo o ano para que cando se den esas circunstancias, os incendios que se poidan producir non alancen as magnitudes que teñen alcanzado. Tamén demandamos que esas brigadas de traballadores non teñan en gran medida contratos soamente nos periodos máis críticos ou de risco alto, que é o que está a acontener na realidade tal e como o establece o propio Pladiga, senón que teñan continuidade ao logo de todo o ano facendo labores de prevención. E cando sexa necesario que estean dispoñibles con todos os recursos humanos e materiais para extinguir os incendios da forma máis rápida posible.

Asemade, tachaban vostedes de escándalos en manipulación informativa o acontecido recentemente na TVG. Cales son as súas críticas neste sentido?

Levamos anos demandando a renovación da dirección, do estatuto dos traballadores... Non é razoable que se teñan cometido situacións de abuso sobre as condicións laborais, e as veces de persecución dos traballadores, por emitir opinións públicas contrarias á liña do PP. Un medio público non debe estar ao servizo propagandístico do Goberno.

Neste sentido, ás dúas últimas situacións que protagonizou a CRTVG, son, por dicilo vulgarmente, case de ‘xulgado de garda’. Facer unha valoración dos 100 días de Rueda e que non haxa máis voces que as do PP é o punto antágonico a falar de obxectividade e pluralidade. Que o único corte que saia con relación á intervención da ministra do Goberno do Estado sexa unha pregunta que fai un blog de extrema dereita, xa é de ‘Audiencia Nacional’. Paréceme que xa van sin careta, e é algo inadmisible para un servizo público, polo que imos a preguntar ao presidente do Goberno qué valoración fai desta situación.

A quen prefire como presidente, a Rueda ou a Feijóo?

Se se me pregunta ‘que prefires, o malo ou o malo’ non podo discernir para decir un ou o outro. Evidentemente hai un cambio, que é que vemos a unha Xunta absolutamente paralizada, e un presidente cunha escasa proxección pública. Creo que neste mometo hai unha absoluta deriva á improvisación por parte de Núñez Feijóo na capitanía do PP, e as autonomías non saben a que aterse. O PP non sabe que resposta dar ás necesidades que ten a poboación de España, e trasladando isto ás autonomías, Rueda non sabe moi ben como dar resposta ás necesidades que ten Galicia e sobre as que ten competencia exclusiva.

Está o PSdeG disposto, de cara as eleccións, a pactar con Pontón?

As maiorías absolutas son moi caras e os pactos son necesarios. Cando Sánchez accedeu ao Goberno de España como presidente, falabase de gobernos Frankestein, que como frase é bonita, é creativa e destructiva, pero esa realidade dase en moitos outros estados ao longo do mundo. Agora ben, convén distinguir claramente entre o PSdeG e o BNG. Nós temos a mesma mensaxe ás nove da mañá e ás catro da tarde; a mesma opinión en Ribadeo e na Guarda. Pero o BNG non pode decir o mesmo. Entón, aspiramos a gobernar co BNG? Non, aspiramos a gobernar nós, pero, despois, a realidade que den os resultados electorais configurarán un goberno alternativo, que é o desexable para esta comunidade.

Falando agora dos trens Avril, cal é o motivo do retraso e hai algunha previsión de cando van chegar?

Non se poden poñer a funcionar se non os hai. Quere dicir isto que non hai compromiso por parte do Goberno do Estado? Por suposto que non, pero o PP emprega todo para dicir que hai unha falta de compromiso. O PP non impulsa, e cando os demais impulsan e teñen o máis mínimo atranco, neste caso cos trens Avril, resulta que o problema é o goberno.

Hai un problema en xeral na industria automovilística de falta de compoñentes por consecuencia da ruptura das cadeas de distribución, e iso afecta a todo. Pero non é un problema político, nin de falta de impulso, nin de que o Goberno do Estado lle teña posta unha cruz a Galicia para que non teña os trens. O problema e que non os hai.

E sobre o ‘Villa de Pitanxo’, considera necesario baixar?

O PSdeG teno claro, e votou no Parlamento de Galicia a favor de que se baixase ao pecio. A nosa postura é evidente: nós apoiamos ás familias e a súa demanda. Nunha comisión hai uns meses votamos a favor para que se baixase ao pecio, na medida de que isto poida contribuir a esclarecer os motivos do accidente. Non negamos a complexidade que poida ter nin se iso vai a dar novos indicios de cal foi a causa, pero si.

Para rematar, que valoración fai do debate desta semana entre Sánchez e Feijóo no Senado?

O debate queríao Feijóo e tívoo e se non lle gustou que lle imos a facer. Eu teño asistido xa como voceiro a algunha comparecencia, e cando Feijóo debatía eu tiña o tempo limitado e el non. Como se pode un queixar dun regulamento que estivo empregando de xeito idéntico durante todos os seus anos de mandato?

Alén disto, o debate en si foi duro, porque a realidade é dura. Isto que vou a decir seguramente é políticamente incorrecto, pero eu creo que Alberto Núñez Feijóo estaba moi habituado a ter unha cobertura mediática favorable nesta comunidade, neste momento xa non a ten e estanse amosando as súas debilidades. O que non se pode dicir é que un Goberno se “forra” con impostos, que foron palabras literales de Feijóo. O que non se pode facer é falar de “pufos”, porque se dis que o Goberno do Estado xerou un pufo para cada español de, redondeando, 6.000 euros. parece razoable que tamén se lle diga “e que tí xeraches un pufo de 4.900 euros para cada galego e cada galega durante ous teus trece anos de goberno”. Feijóo esta intentado trasladar a mesma estratexia que o levou á Xunta no ano 2009 ao goberno do Estado. É dicir, cuestionar todo o que fai o Goberno central. Considero que o debate foi duro porque o escenario que plantexa Feijóo é moi duro e é destructivo con respecto ao adversario político, e iso a min non me gusta. O Partido Popular está empregando unha mensaxe excesivamente simple, reduccionista, que apela aos instintos primarios... e iso non lle vai resolver os problemas á xente.

Traxectoria política

Explica Luis Álvarez que comezou no mundo da política pasados os 40 anos. Licenciado en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela, e é funcionario dos corpos de profesores de educación secundaria e de inspectores de educación.

No 2007 foi nomeado delegado provincial da Consellería de Educación da provincia de Lugo, posto que ocupou ata o 2009, e no 2011 foi escollido como edil do Concello de Lugo, ocupando o posto de concelleiro delegado de urbanismoe medio ambiente.

Xa no 2016 é cando se incorpora ao Parlamento de Galicia, onde continúa hoxe en día. Neste momento foi nomeado viceportavoz do grupo parlamentario socialista e portavoz de educación e infraestruturas durante a X lexislatura. No 2020 volveu ser escollido como parlamentario pola provincia de Lugo, e xa dende o 15 de xaneiro deste 2022, ocupa a posición de voceiro parlamentario do PSdeG-PSOE.

10 sep 2022 / 22:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.