Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Inditex, PharmaMar e San José inmunízanse do virus e medran moi por encima do Ibex 35

A construtora sube un 30 % en Bolsa este ano, a téxtil recupera 17.400 millóns e xa case vale cen mil e a farmacéutica duplica a cotización de 2019

O ano 2020 foi tráxico para a humanidade. A pandemia do coronavirus recordou o fráxiles que somos como seres vivos e como un virus pode poñer en risco a nosa sociedade e economía. Os parqués bursátiles non foron alleos: o Ibex 35, referente da Bolsa española, perdeu o pasado exercicio preto do quince por cento do seu valor. Pero os gobernos e a ciencia acudiron ao rescate. Os estímulos e apoios económicos, por un lado, e as vacinas, polo outro, acadaron que nos parqués comezase, tamén, a inmunización.

A principal preocupación hoxe é que Pfizer, Moderna, AstraZeneca, Sinovac e mesmo a Sputnik sigan pinchando brazos a bo ritmo e en todo o mundo. Neste contexto, o Ibex marcou o pasado venres o seu novo máximo deste ano e suma xa cinco semanas consecutivas medrando, acadando 9.145,6 puntos, dato inédito desde febreiro de 2020, precrise, que supón avanzar un 13,3 % anual.

Valores vinculados a Galicia como a construtora San Jose (+30,3 %), Inditex (21,5 %) e PharmaMar (18,2 %) evolucionan moito mellor. Abordamos a marcha das cotizadas galegas unha por unha.

Adolfo Domínguez. Son tempos complicados para o grupo de moda que lidera Adriana Domínguez. As últimas novas son que rebaixa a 259 os traballadores afectados polo ERE que presentou para 295 persoas inicialmente, que recolle 55 son prexubilacións de maiores de 58 años. Haberá 204 despidos: 139 en tendas e 65 en servicios centrais. En Bolsa o grupo perde no que vai de ano só un 1,8 %, cos seus títulos en 4,46 € e unha capitalización ou valor global do seu capital de 41,1 millóns de euros.

Altia (BME Growth). A compañía tecnolóxica coruñesa salvou recentemente un torpedo contra a súa liña de flotación, pois pese a que por un contrato con Deloitte para a Smart City de Bilbao foi multada con 30.000 euros por prácticas anticompetitivas, a empresa que preside Tino Fernández evitou o veto para participar en concursos públicos que sería nefasto. A día de hoxe as súas accións iniciarán a xornada no BME Growth –antigamente era o Mercado Alternativo Bursátil ou MAB, bolsa das pemes– cotizando en 25,4 euros, que é un 9,5 % máis que a inicios de ano. O seu valor global acada os 174,7 millóns de euros.

Commcenter (BME G.). A compañía que lidera José Luis Otero Barros e cuxas tendas traballan para Movistar-Telefónica baixa no que vai de exercicio un nove por cento no parqué, onde cun valor de un euro por título, acada os 6,6 millóns de capitalización. Os seus últimos resultados certifican que despois dunha restruturación financeira mellorou a súa caixa, aínda que reduciu un 22 % os seus ingresos e perdeu 390.000 euros pola COVID.

Ecoener. Estreouse hai menos de dúas semanas esta compañía galega de renovables no Mercado Continuo da Bolsa de Madrid. Presidida por Luis de Valdivia, iniciou a súa cotización en 5,90 euros e 336 millóns de valor global; o pasado venres pechaba en 5,55 €/título e 316 millóns de capitalización, un 5,9 % por debaixo. Pero é so o principio.

Ence. O grupo de enerxía e celulosa salvou o match-ball da lei de transición ecolóxica, pero todavía ten pendente a decisión sobre a duración da súa concesión en Pontevedra pola Audiencia Nacional. A compañía que preside Ignacio de Colmenares está a vivir boas perspectivas tanto nos prezos da pasta de papel como da electricidade, o que levou a que no que vai de ano recupere un 3,8 % do seu valor e roce os 855,9 millóns de capitalización, acadando os 3,52 euros por acción.

Euroespes (BME G.). Esta outra cotizada no antigo MAB que preside o catedrático de Mediciña Xenómica Ramón Cacabelos rexistra un repunte de case o 15 % no que vai de ano, acadando os 4,85 millóns de valor global e 0,45 de cada unha das súas accións. Controlada polo fondo Moira Capital, gaña forza como o conxunto do sector biotech segundo avanza a vacinación.

San José. A construtora pontevedresa que preside Jacinto Rey está a ser unha das sensacións na Bolsa de Madrid no que vai de ano, cun repunte do 30,3 %. Acaba de pagar dividendo e recentemente formalizou un megacontrato con ADIF de 100 millóns de euros que levaba dous anos estancado. Acada case 380 millóns de capitalización, a 5,84 euros por acción.

Inditex. A cara a semana pasada foi o lanzamento da liña de cosmética exclusiva de Zara, chamada Zara Beauty; a cruz foi coñecer que pechará 5 tendas máis en Galicia este verán, recolocando a medio cento de empregados en outros establecementos. En toda España baixará a reixa en 56 locais, o que afectará a 475 traballadores. No parqué, a compañía que preside Pablo Isla e fundou Amancio Ortega recuperou todo o perdido durante a pandemia, e con 31,64 euros por acción, na actualidade revalorizouse un 21,5 % en relación ao peche de 2020. Con 98.556 millóns de valor global, volve a ter os cen mil que conquistou en 2019 a tiro de pedra tras revalorizarse en case 17.400.

PharmaMar. A bioafarmacéutica que preside José María Fernández volve a ser unha das estrelas do mercado español, de novo grazas á redirección do seu antitumoral Aplidin para o tratamento da COVID-19. Porque funciona. No que vai de ano elevou o seu valor o 18,2 %, tras pasar dos 71 euros por título de xaneiro aos 83,96 do pasado venres. Iniciou o ano con 1.303 millóns de capitalización e supera agora os 1.540, o dobre que en 2019.

GREENALIA (BME G.). Cada vez máis forte na eólica mariña canaria –acaba de firmar un acordo con clúster sectorial da comunidade– ten moitos plans para Galicia. A compañía de renovables coruñesa que comanda Manuel García e onde participa co 5 % do capital José María Castellano baixa no que vai de exercicio un 21,8 % na bolsa das pemes, con 14,2 €/acción e un valor total de 301,5 millóns.

Netex (BME G.). A ensinanza on-line continúa a medrar pola pandemia, e a empresa de Oleiros que lidera Carlos Ezquerro amosao ao superar os 10 millóns de facturación (+17 %). As súas accións, a 4,1 euros, suben un 11,4 %.

Pescanova
27,5 %

A sociedad de carteira ven de comprobar, trala última ampliación de capital asumida por Abanca, que tan só é propietaria dun 0,34 % de Nueva Pescanova. Con todo, é un dos valores xa non unicamente galegos, senón de toda España, máis ‘quentes’. Sin que polo momento faga moito máis que ser a depositaria dese exiguo capital, no que vai de exercicio bursátil a cotizada no mercado continuo sube de 0,40 a 0,51 € por acción, ata un valor global de 14,65 millones de euros.

17 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.