Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 25 septiembre 2021
11:15
h
ENTREVISTA
Maximino Vázquez, portavoz

“Lanzar o Partido Galego é unha tarefa titánica pero pensamos que hai espazo”

“As eleccións municipais están a anos vista, e nós, como na empresa privada, formulámonos obxectivos realizables e alcanzables. Os obxectivos ilusorios non conducen a ningún sitio”

Maximino Vázquez (Santiago, 1974), licenciado en Administración e Dirección de Empresa (ADE) e máster MBA, asume “por responsabilidade civil e por intentar mudar algo cos seus compañeiros de viaxe” a portavocía do Partido Galego. Con ampla traxectoria profesional en distintos ámbitos da empresa privada e “inquietude política” dende novo, tras militar no PSOE e Compromiso por Galicia, implícase agora na tarefa “titánica” de tratar de lanzar un novo partido para o que cre que “hai espazo en Galicia”.

Onde sitúa o Partido Galego, que ten unha imaxe moi semellante a do Partido Galeguista?

Precisamente por eso nos chamamos Partido Galego. Son siglas manidas pero se realmente en política un quere transmitir a defensa da sociedade, economía e o medio ambiente de Galicia, ten que referirse ao país, que neste caso, insisto, é Galicia. No Partido Galego estamos ubicados nun centrismo ideolóxico, aínda que non cabe dúbida de que temos militancia máis de dereitas ou máis de esquerdas.

En Galicia, dado que o mapa político parece asentado e simplificado alomenos nas institucións, haberá espazo con impacto real na sociedade para o Partido Galego?

Eso imos velo co paso do tempo. Se montamos un partido é porque entendemos que hai un espazo. A maioría absoluta do país e o 41 por cento que non votou nas últimas eleccións autonómicas. Co cal, catro de cada dez galegos en idade de votar non exerceron o seu dereito ao voto. Con independencia diso, o que se demostra é que hai posibilidades de cambio. Acabamos de ver como un partido, como En Marea, que era a segunda forza no Parlamento de Galicia desapareceu do mapa. Hai espazo, pero hai que definilo.

A potencia dun partido, en liñas xerais aínda que hai excepcións como sucedeu con En Marea, mídese polo número de militantes e a implantación territorial. Ten fuelle o Partido Galego?

Algúns dos que militamos no PG temos xa traxectoria política como sucede no meu caso, aínda que non nun cargo institucional, pero tamén é verdade que hai moita xente que non ven de ningún partido político. Contamos con afiliados ou simpatizantes nas catro provincias de Galicia. O último grupo en constituírse foi hai escasos días, o de Vigo.

As municipais son a vindeira cita electoral. Que esperan?

As eleccións municipais están a anos vista, e nós, como ocorre na empresa privada, formulámonos obxectivos realizables e alcanzables. Os obxectivos ilusorios non conducen a ningún sitio.

É factible que se poidan aliar con outras forzas que estén actuando en Galicia nas mesmas coordenadas ca vostedes? Cales poderían estar nesa órbita para sumar sinerxias, en caso de explorar esa vía para seguir medrando?

Nós temos unha idea clara. Temos un documento raíz cos principios que nós defendemos e o que nos levou precisamente a actuar e dar este paso, que é titánico, de crear un partido político. Con base ao pensamento do que nós queremos facer para este país estaremos dispostos a falar con calquera forza política. Loxicamente, dentro de que ese obxectivo converxa. A nosa idea é ter unha capacidade de negociación o máis ampla posible porque tamén entendemos que esa é unha maneira de acadar obxectivos. Nós imos ter toda a cintura do mundo.

Quenes están no seu radar para un posible acordo?

No Partido Galego partimos da base de que posible é todo, pero, negociando en función dos intereses de Galicia. Con calquera forza que parta do mesmos principios poderemos facelo.

07 feb 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito