Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lei Celaá: a outra mirada, as necesidades específicas

Pilar Anta: “Se non hai investimento non vai haber inclusión, aínda que se conte coa vontade dos mestres e mestras”

O pasado mes de decembro publicábase no Boletín Oficial do Estado a LOMLOE, unha lei orgánica que procedía á modificación da lei educativa do ano 2006. Esta lei foi nomeada como ‘Lei Celaá’ debido ao nome da Ministra de Eduación e Formación Profesional do Goberno Central, Isabel Celaá. Nesta reforma expóñense medidas referentes á modificación da escola concertada ou a contorna lingüística, entre outros. Pero neste caso do que imos falar, principalmente, é esa “outra mirada” dun colectivo como son as familias con nenos e nenas con necesidades específicas. Persoas que debido a diferentes circunstancias como enfermidades raras ou outras condicións, é necesario que acudan a centro educativos que ofrezan un plan acorde coa súa diversidade e características.

Para contar cunha visión acorde coa realidade que vive este colectivo falamos con Pilar Anta, mestra de educación secundaria na cidade da Coruña e nai dunha filla con diversidade; Carmen Blach Anido, presidenta da Asociación West Galicia ademais de ser nai dun fillo con diversidade, e tamén con Carmen López Rodríguez, directora socio-sanitaria e responsable do servizo de acollida da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas. Estas tres mulleres cóntannos, con coñecemento de causa, a súa opinión sobre este tema tan polémico.

Carmen López, que leva máis de 10 anos formando parte da equipa de FEGEREC, graduada en psicoloxía pola USC e especializada en psicoloxía clínica, explícanos que esta lei vertébrase en 5 eixos xerais: os dereitos da infancia, a igualdade de xénero, a personalización da aprendizaxe, a educación para o desenvolvemento sostible e a competencia dixital. Ademais, destaca por darlle prioridade á detección e atención as NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo) desde cativos. É dicir, unha educación inclusiva como principio fundamental, e para isto fai fincapé na coordinación como elemento de gran importancia. Carmen tamén fai crítica de que a lei non vén cunha memoria económica, facendo desconfiar de se se trata dunha inclusión real e efectiva ou non.

A directora deixa claro que supón un avance para os nenos e nenas con NEE (Necesidades Educativas Especiais), xa que favorece á promoción da formación profesional para este colectivo, un maior grao de accesibilidade aos estudos universitarios, posibilidade de lingua de signos na aprendizaxe e ademais, como di ela “pon o foco nas barreiras que limitan o acceso e non na discapacidade do menor”.

Pilar Anta, unha nai da cidade da Coruña que traballa como mestra de secundaria na mesma, tamén se atopa dentro deste colectivo debido a que ela ten unha filla con diversidade. Pilar móstranos unha opinión máis persoal, cre que a LOMLOE é unha iniciativa positiva se a comparamos coa LOMCE pero ela mesma dinos que podería ser un impacto máis positivo se se botase man de asociacións e mestres para levar unha lei desta clase. Ademais, a pesar de mostrar un texto esperanzador, Pilar mantense dubidosa de se na práctica se levarán a cabo certos aspectos como o número de mestres por aula para unha educación máis personalizada xa que, segundo as súas palabras “se non hai investimento non vai haber inclusión aínda que se conte coa vontade dos mestres e mestras”. Ela representa unha nai de tantas que non ven os dereitos dos seus fillos e fillas reivindicados da maneira correcta na que se debería.

Por último, temos a Carmen Blach Anido, unha nai loitadora cun fillo con síndrome de West e con necesidades específicas. Ela mesma é a presidenta da Asociación West Galicia, que loita por darlle visibilidade a esta enfermidade rara e normalizar a súa situación. Confésanos que ela ve o problema no mesmo case que Pilar, o modo de aplicación desta lei, xa que a lei en si non é un problema. Tamén fala disto como un impacto positivo para o sistema educativo, pero que sempre hai que levar por bandeira o consenso. Ademais, denuncia as carencias que ten o noso sistema educativo en xeral e para educar persoas como o seu fillo, nenos con diversidade. Ela insiste en que fan falta máis profesionais e máis recursos. Pechando a súa intervención, Carmen transmítenos que se non hai una aposta concreta e clara no sistema educativo “imos seguir cunha sociedade chea de prexuízos e medos desde pequenos”.

Esta é a visión de 3 mulleres loitadoras, cada unha na súa propia batalla, que a mensaxe que nos deixan é chegar a ter unha educación que non estigmatice aos nosos fillos e fillas para obter unha sociedade igualitaria, diversa e tolerante o día de mañá.

18 mar 2021 / 17:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.