Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
voluntariado. Con só 24 anos, Juan Corral decidiu formar parte da Asociación de Protección Civil de Boqueixón como voluntario // Afirma que a formación é cada vez máis completa // Agarda que exista relevo xeracional // TEXTO Lorena Rey

“Levar o uniforme laranxa non implica que cobremos”

No 1994, con 24 anos, Juan Corral Sánchez comezou como voluntario de Protección Civil en Boqueixón, coincidindo co inicio da creación das agrupacións da comarca. “Seguimos a referencia de Silleda, que foi a pioneira na zona de Santiago”, indica Corral. A el persoalmente gustáballe todo o relacionado co voluntariado, poder axudar, formarse no sector de incendios ou na atención a persoas accidentadas. De feito, o seu punto de partida foi un curso que realizou de primeiros auxilios pola Cruz Vermella e a partir de aí foi cando lle comezou a gustar máis este mundo. Agora, case trinta anos máis tarde, comparte vivencias con outros 20 voluntarios.

Ao preguntarlle pola intervención máis dura que tivo que vivir non ten dúdidas na súa resposta: o accidente do Alvia. “Hoxe en día é como se fora unha vivencia que non queres asimilar, como se fora unha película”, afirma. Recorda á perfección o vivido ese día en Angrois. “Tiñamos a tradición de xuntarnos en familia para cear algo e despois ir ver os fogos ao Pedroso. Chegando a Santa Lucía lembro que vin un coche da Policía dando voltas nunha rotonda, pero nun primeiro momento non lle din moita importancia. De súpeto, comezou a soar o teléfono para informar do que pasara, que de feito daquela estaba de presidente da Asociación provincial. Nin roupa no coche tiña, só un peto. Cando cheguei a Angrois quedei en shock uns segundos. Despois viñeron os medios e comezamos a mobilizar máis agrupacións. O desenlace xa o sabemos todos”, relata.

Na agrupación de voluntarios de Boqueixón conviven dúas xeracións, unha delas formada por mozos e mozas duns vinte anos. “Como todo voluntariado ten que gustar, pero este particularmente xa que hai unha formación determinada. Tes cousas bonitas, de pasalo ben, como operativos en partidos de fútbol ou nun concerto, pero hai temas tristes como os accidentes”, asegura. É consciente, ademais, de que “ten que ser xente feita doutra pasta e que lle gusten as emerxencias”.

grandes avances dende a década dos 90 A Protección Civil en Galicia naceu a principios dos anos 90, momento no que se comezaron a constituír as asociacións. Os inicios foron complicados, non tiñan nin uniforme nin vehículo propio, e nas administracións escaseaban os recursos. “Unha agrupación vai funcionar e tirar para adiante sempre que o Concello e o alcalde aposte pola mesma”, aporta. Ademais, a nivel Xunta o apoio está sendo importante, cun forte investimento para medios dende os últimos cinco anos.

Tamén houbo avances na formación, que na actualidade está nas mans da Academia Galega de Seguridade (AGASP) e practicamente cumpre todas as necesidades.

Nestes dous anos de pandemia, tanto Juan como os seus compañeiros tiveron que involucrarse maiormente en desinfeccións e apoios a familias que estaban pasando a covid e non podían desprazarse ao supermercado ou ben por medicamentos. Ademais, fixeron reparto de apuntes. No Concello habilitouse un correo ao que se mandaban as tarefas do colexio de Vedra e Boqueixón, imprimíanse alí e despois os voluntarios acercábanllos aos rapaces e rapazas que o precisaban. “Basicamente ao verse restrixida a movilidade fomos nós os que fixemos de intermediarios”, comenta.

recoñecemento da súa labor En todos os momentos hai xente que con este sector é crítica porque non son capaces de diferenciar realmente entre a xente voluntaria e a que cobra. “Hai que concienciar de que o uniforme laranxa non implica que todos sexan servizos municipais que cobran. Hai persoas que adican o seu tempo libre aos demais”, afirma. Según Corral o voluntariado soe ser gratificante e realmente os cidadáns valoran o esforzo que fan.

Nas súas intencións está seguir como voluntario sempre que poida axudar. Despois desexa que exista un relevo xeracional. “A xente que ven por detrás debe ser capaz de seguir tirando disto porque merece a pena. Non deixamos de ser unha escola de cidadáns. Uns están durante un período de tempo determinado e outros levan toda a vida coma min”, manifesta.

O obxectivo no voluntariado de Protección Civil é formar persoas para o día a día tendo en conta que unha emerxencia pode xurdir en calquer momento e coa formación que teñen na actualidade os voluntarios, poden salvar vidas. “Seguramente isto é o máis satisfactorio, o que te anima a seguir adiante e a alentar a outras persoas para que axuden co posible”, conclúe.

provincia de a coruña
Cerca de 2.500 voluntarios

··· A asociación de voluntarios de Boqueixón está dentro da Asociación Provincial de AVPC da provincia de A Coruña, integrada por 72 agrupacións municipais, o 100 % das inscritas no Rexistro da Xunta de Galicia. Nelas o número de voluntarios e voluntarias sitúase preto dos 2.500.

“A Asociación constitúese co fin de aunar esforzos e efectividade entre as AVPC da provincia para unha maior efectividade e defensa dos intereses das entidades de Protección Civil e os seus voluntarios e voluntarias”, afirma Oliva García, secretaria da Asociación provincial de AVPC de A Coruña.

21 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito