Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Conferencia Sectorial de Agricultura

Medio Rural pide máis valentía ao Goberno para actuar fronte a venda a perdas na agrogandeiría

Reclamacións para dotar de liquidez ás explotacións, evitar o desabastecemento de cereal, conseguir a suba dos prezos pagados en orixe aos gandeiros, ampliar as superficies destinadas á plantación de cereais e mellorar a situación dos agricultores e gandeiros en materia fiscal // O conselleiro urxe ao Goberno central a tomar medidas urxentes para garantir o abastecemento ás explotacións e a recollida do leite // A Xunta apoia as peticións que vai facer o Goberno central diante da UE, pero sae “decepcionada” pola pouca disposición de Madrid a actuar no seu marco de competencias

A Xunta fai un balance “agridoce” dos resultados da Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural celebrada onte en Madrid. Así, o Goberno galego considera positiva a propia convocatoria desta reunión -e así llo agradeceu publicamente o conselleiro do Medio Rural ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA)-, pero continúa pedindo “máis valentía e arroxo” a Madrid á hora de adoptar medidas urxentes e extraordinarias para atallar a situación de venda a perdas xeneralizada nos sectores primarios. Neste sentido, Galicia apoia as peticións que vai facer o Goberno central diante da UE -e que coinciden en parte coas que xa levaba a Xunta a esta reunión-, pero sae “decepcionada” pola pouca disposición de Madrid a actuar no seu marco de competencias. Así, o titular de Medio Rural insiste en que o Goberno galego fará “o que teña que facer” dentro das súas competencias, pero que cómpre ese dinamismo por parte do MAPA para garantir a sustentabilidade dun sector estratéxico en Galicia e en España, como é o gandeiro.

En primeiro lugar, canto ao máis preocupante, que é a paralización da actividade no sector primario (e particularmente no leiteiro) pola folga do transporte, a Xunta amosa a súa sorpresa diante das declaracións de onte do ministro Planas, nas que falaba de “problemas puntuais”. Chama a atención esta valoración, cando todo o sector -gandeiros, fabricantes de pensos e cooperativas- trasladaron ao propio conselleiro que están a rexistrar problemas serios para desenvolver o seu traballo e cando a propia Federación nacional de industrias lácteas anunciou que paraliza a súa actividade por este motivo.

Nesta liña, o Goberno galego insiste en reclamar ao central medidas urxentes, dentro das súas competencias na materia, porque os animais non poden agardar e precisan alimentos todos os días, ademais de seren muxidos. Por iso, no caso do alimento é esencial que os camións cheguen ás granxas para facilitalo e no caso do leite é preciso que se garanta a súa recollida. Polo tanto, non se pode esperar ao 29 de marzo para tomar medidas. Ao tempo, séguense demandando outras actuacións, como a inmediata baixada de impostos dos carburantes e doutros insumos claves para o sector primario. Medidas que cómpre adoptar xa, porque se trata de produtos perecedoiros.

Venda a perdas. Ademais, o conselleiro do Medio Rural, José González, reitera a reclamación ao MAPA para que actúe de inmediato no sentido de facer efectiva a prohibición da venda a perdas no sector. Nesta liña, González lembra que este problema vén xa de atrás, malia que se agravou coa invasión rusa de Ucraína. Galicia consensuou coas demais comunidades da Cornixa cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) un paquete de medidas que considera urxentes e necesarias e que teñen que ver con cinco ámbitos de actuación: dotar de liquidez ás explotacións; evitar o desabastecemento de cereal; acadar a suba dos prezos pagados en orixe aos gandeiros; ampliar as superficies destinadas á plantación de cereais e mellorar a situación dos agricultores e gandeiros en materia fiscal.

Nesta estratexia, o conselleiro advertiu que algunhas destas medidas son competencia directa da Administración Xeral do Estado e que outras dependen de Bruxelas, pero teñen que ser trasladadas dende Madrid, porque a interlocución coa UE lle corresponde ao Estado. Así, á hora de debullar as actuacións propostas por Galicia, o conselleiro celebrou que xa se tomaran por parte da UE iniciativas para evitar o desabastecemento de cereais e que o Ministerio se comprometera a seguir na liña de favorecer a importación destes produtos desde terceiros países, como poden ser Arxentina ou Brasil. En parecidos termos, a Xunta tamén considera positivo o anuncio do ministro de favorecer a plantación de cereais e oleaxinosas en terreos en barbeito ou nas superficies de interese ecolóxico. Iso, advertiu o conselleiro, era algo que tamén pedía Galicia para paliar, precisamente, a situación de desabastecemento. Outra cuestión tamén trasladada dende a Xunta e que se abordou nesta Conferencia Sectorial foi a de pedir que se flexibilice a PAC para que se recorra a fondos Feader que non estean utilizados co fin de habilitar axudas directas, como xa se fixo durante a pandemia.

Porén, hai outras cuestións que Galicia propón e que non foron atendidas, como as medidas “enérxicas” no ámbito fiscal e laboral, as destinadas a dotar de liquidez aos agricultores e gandeiros e -a máis importante-, a de facer cumprir a prohibición de venda a perdas e que se respecte a Lei da cadea alimentaria. Canto ás medidas fiscais, Galicia reclama actuacións ambiciosas, porque se se considera “estratéxico” o sector gandeiro, cómpre unha auténtica reforma neste eido, segundo o conselleiro. Algo que se debería recoller nun proxecto de lei específico, unha proposta que Galicia apoiaría e, de feito, xa ten unha escolma de accións para propoñer.

No que atinxe ás medidas directas, o conselleiro trasladou ao ministro que as de liquidez aprobadas para facer fronte á seca son “totalmente insuficientes”. Así, advertiu que só no sector de vacún de leite e de carne o incremento dos custos de produción se pode cifrar na contorna dos 300 millóns de euros e que polo tanto falar de cen millóns de euros para toda España non abonda en absoluto. Neste mesmo sentido, José González sinalou que as liñas de liquidez avaladas pola Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria (Saeca) teñen que estar territorializadas, ser sinxelas de conceder e chegar a todos os gandeiros que as necesitaran. Galicia pide tamén que por parte do Banco de España ou da autoridade comunitaria competente se autorice ás entidades financeiras unha moratoria dun ano na amortización dos préstamos a longo prazo que teñan vivos os gandeiros, algo que tamén se fixo a causa da pandemia do covid-19. Na mesma liña, reclámase tamén o anticipo da PAC, acompañado dun réxime de axudas para que esta medida non tivera un custo engadido aos agricultores e gandeiros.

Custos de produción. Con respecto á venda a perdas, o conselleiro sinalou que esta situación se esta a dar dende o ano 2021, non tanto pola invasión rusa de Ucraína como polo incremento dos custos de produción. Así, González puxo de manifesto que no vacún de leite de Galicia houbo unha suba de catro céntimos, pasándose de 36 a 40 céntimos o custo de producir un litro de leite, mentres que o prezo do leite en xaneiro de 2022 está en 35,9 céntimos. No vacún de carne, segundo os datos da Xunta, o incremento do custo de produción se sitúa arredor dun euro por quilo de carne producida. Isto supón que todo o sector entrou en perdas, que van ser moito maiores este ano a causa da invasión rusa de Ucraína, advertiu o conselleiro. Por iso, a Xunta reitera a súa chamada ao MAPA para que promova un gran acordo nacional coa distribución, a industria e os gandeiros e que traia consigo un incremento dos prezos dos produtos dos gandeiros. Isto, mediante unha prima de emerxencia excepcional, temporal, que pode ser perfectamente compatible coas normas da competencia e que evite que este eido produtivo entre en moitas dificultades canto á súa sustentabilidade económica.

Neste mesmo sentido, reclámanse controis e suficiente dotación orzamentaria que permitan á administración autonómica garantir o cumprimento desa prohibición. Así, tanto Galicia como o País Vasco transmitíronlle ao ministro que están creando os seus observatorios da cadea alimentaria e que é preciso que a normativa nacional recolla que os seus informes poidan acreditar o custo de produción, para que os gandeiros poidan negociar coa industria. Isto, porque facer ese control contrato a contrato é practicamente inviable -só en Galicia fálase de 7.000 contratos-, polo que cómpre utilizar ditos informes para comprobar esta cuestión. Por último, o conselleiro matizou que os gandeiros non piden só axudas directas, que tamén, senón que se lle pague polos seus produtos o prezo que corresponde. Sobre estes temas en particular, o conselleiro lamentou que o ministro respondera “con palabras, pero non con feitos nin con medidas concretas e urxentes”.

17 mar 2022 / 13:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.