Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Multimillonaria demanda de Acouga por comisións de apertura en hipotecas

Presentada en Galicia e en galego, Pérez Lema estima que pode haber dous millóns de préstamos afectados // Suporía para os 11 bancos afectados a devolución duns 2.000 millóns de euros

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) presentou a semana pasada perante o xulgado do Mercantil número 1 da Coruña unha demanda colectiva na que se lles reclama a 11 entidades bancarias, en concreto Abanca, Sabadell, Santander, Bankia, Bankinter, BBVA, Caixabank, Ibercaja, Kutxabank, Novo Banco e Unicaja a devolución das comisións de apertura cobradas indebidamente aos seus clientes na formalización de préstamos hipotecarios.

Acouga recorda que no momento de asinar unha hipoteca, a entidade prestamista acostuma introducir unha cláusula na escritura de préstamo pola que o consumidor vese na obriga de pagar unha porcentaxe do importe prestado en concepto de comisión de apertura.

Esta porcentaxe, que hai que pagar ao banco só polo feito de conceder a hipoteca, varía normalmente entre o 0,5 % e o 1% do capital prestado.

O secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, entende que “a comisión de apertura non obedece a gasto ou servizo ningún que o consumidor teña que retribuírlle ao banco pola xestión da hipoteca”.

O avogado explicou que, seguindo a doutrina fixada polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) na súa sentenza de xullo de 2020, esta comisión “supón un custo adicional que, para ser legal, ten que estar ben clara para calquera consumidor”.

Engadiu que se trata “dunha comisión, non dunha condición esencial do préstamo”. “Pódese pactar dunha forma acaída se o consumidor a entende perfectamente e responde a un servizo prestado”, pero de non ser así, ten que ser devolto.

Máis de dous millóns de posibles afectados

Pérez-Lema considera que, de ser admitida a trámite, a demanda será unha das máis importante de España na defensa dos dereitos dos consumidores, polo elevado número de entidades demandadas e de prexudicados por estas comisións.

A este respecto, calculou que podería haber máis de dous millóns de afectados e que a cantidade que terían que devolver as entidades financeiras podería superar os 2.000 millóns de euros.

Pérez-Lema precisou que, ás 11 demandadas habería que engadir varias xa extintas (como Caixagalicia, Caixanova, NCG Banco, os bancos Pastor, Popular, Gallego, de Galicia, Banesto e Caja España, entre outras) que foron absorbidas por algunhas das agora demandadas.

Desde Galicia e en galego

Aínda que só unha das entidades demandadas (Abanca) ten domicilio en Galicia, a Lei de Axuizamento Civil prevé que cando puidera corresponder a competencia territorial aos xuíces de máis dun lugar, a demanda poderá presentarse perante calquera deles a elección do demandante.

Acolléndose a esta previsión legal, Acouga decidiu presentar a súa demanda perante o Xulgado do Mercantil da Coruña e en galego, coa pretensión de defender non só aos consumidores galegos, senón tamén aos de todo o Estado, fronte a entidades financeiras con domicilio dentro e fóra de Galicia, o que amplía o número de persoas que poderían beneficiarse dunha eventual sentenza favorable.

Sentenza do TXUE a prol do consumidor

En apoio da súa demanda e da súa pretensión de que se declaren nulas as cláusulas de comisión de apertura, Acouga refírese á sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) de 19 xullo de 2020 que, entre outros aspectos, imponlles aos xuíces e xuízas de cada país a nacional o deber de realizar o control de transparencia desas cláusulas.

A este respecto, habería que determinar se as entidades informaron debidamente aos prestameiros sobre o contido e funcionamento da cláusula de comisión de apertura, e a súa función dentro do contrato de préstamo.

Ademais, o TXUE vén recoñecer que existe un desequilibrio esencial entre as partes cando o banco non demostra que a comisión de apertura responde a servizos efectivamente prestados e a gastos nos que tivera incorrido.

Para Acouga, é nidio que coa resolución do TXUE, a cuestión sobre a nulidade da cláusula de comisión de apertura queda resolta a favor do consumidor, e esa é a liña que seguen as audiencias provinciais á hora de pronunciarse sobre este asunto.

Pola súa banda, o presidente de Acouga, Manuel Pérez Arias, animou aos consumidores afectados a poñerse en contacto coa asociación á través do correo electrónico acouga@acouga.net ou do teléfono 981 113 402 para seren informados dos seus dereitos e do procedemento de adhesión á demanda.

26 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.