Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Ana Pontón Mondelo // Portavoz nacional do BNG

“No Bloque non renunciamos a ningún sector do electorado”

A líder nacionalista mantén que a organización está convencida da aposta seria por ampliar a base social para acadar a presidencia do goberno galego nas eleccións previstas para 2024. Na asemblea na que se reflexionou sobre esa folla de ruta explica que se viviu con ilusión e coa disposición a facer todos os esforzos necesarios para seguir aumentando apoios cara á convocatoria electoral.

Vostede optou á reelección como portavoz nacional despois dunha reflexión para saber se era a persoa acaída para ampliar a base social do BNG. Está satisfeita da reflexión colectiva da organización no mesmo sentido?

Acabamos de ver un BNG que sae fortalecido desta asemblea. Un BNG unido, cohesionado, máis forte que nunca. Esa reflexión foi necesaria porque na vida e na política nunca hai que dar nada por feito. Cando estamos no punto no que nos situou a cidadanía nas últimas eleccións galegas podiamos ter a tentación de dicir “xa está todo feito”, hai unha inercia que nos vai seguir aumentando apoios. Eu son das que creo que iso é moi perigoso porque a autocompracencia é o peor que nos pode pasar. Temos que reflexionar ben en como acertar para poder seguir avanzando cun obxectivo moi claro, que é chegar á maioría social e poder optar á presidencia da Xunta no 2024.

Notou ese optimismo e alegría dos momentos expansivos que marcan a folla de ruta para conquistar o poder ou faltou algo dese calor?

Sentín unha asemblea como había moito tempo que non se sentía no BNG. A xente estaba contenta e ilusionada e ademáis en disposición de facer todos os esforzos que sexan necesarios para chegar a esa maioría social. Eu, polo tanto, síntome máis ilusionada que nunca e con máis gañas de traballar para poder darlle unha alternativa aos galegos e galegas, porque non podemos seguir permitindo que Galicia cada vez se faga máis pequena, que é a onde nos conduce o Partido Popular. Temos que construír a Galicia en grande que pensa o BNG.

Vostede está convencida de que o BNG vai seguir facendo eses esforzos para cativar esa maioría social do país. É consciente o BNG de que parte desa maioría social non é de esquerdas nin nacionalista?

Ás veces poñemos nós etiquetas onde a sociedae é moito máis complexa. A sociedade galega é diversa, moi complexa, e hai unha maioría social que pode ter receptividade ás nosas propostas, porque estámolo vendo nos últimos tempos. Cando nós explicamos exactamente cales son a alternativas concretas que defendemos non só é que haxa moitos galegos e galegas e cada vez máis nos escoitan, senón que nos dan a razón. Así é cando defendemos a tarifa eléctrica galega, cando defendemos que este país ten dereito a ter a chave dos seus cartos, cando defendemos que hai que pór en marcha medidas que freen a invasión do eucalipto, cando impulsamos medidas para darlle futuro á xente moza... aí é onde está a clave para poder seguir avanzando e saír por todas a gañar.

O PPdeG ten nestes momentos 42 escanos. Para que fragüe a alternativa é necesario que Alberto Núñez Feijóo ou quen sexa candidato perda catro. Está o BNG en disposición de entrar nese electorado popular ou déixalle esa función ao PSdeG?

Nós temos que ter capacidade para mobilizar moitas das persoas que participan nos procesos das eleccións xerais e non no proceso das eleccións galegas, e tamén para decantar ese voto que é un voto de país e que neste momento vai a outras forzas políticas e que temos que canalizar no BNG. O gran reto que temos é que ese sentimento de país sexamos capaces de canalizalo desde o punto de vista político e electoral e concentralo no BNG.

Eu falaba de entrar no electorado do Partido Popular.

Nós non renunciamos a ningún electorado. Nós temos unha vocación de dirixirnos á maioría social e creo que nesa liña temos capacidade desde os nosos principios, desde a razón de ser dunha forza política como o BNG, sen renunciar a nada, chegar a sectores cada vez máis amplos da sociedade galega.

Na asemblea chamou a atención que o BNG puntualizase que non é independentista senón soberanista. É unha maneira de acercarse máis a ese electorado que aínda non ve con bos ollos aos nacionalistas?

O Bloque, cando se constituíu no 1982, tivo un debate que era sobre o propio nome. A decisión que se adoptou, desde o meu punto de vista correcta, foi poñer no nome que eramos unha organización nacionalista. O BNG está onde estivo sempre, que é na súa definición como unha organización nacionalista, que defende que Galicia é unha nación, que temos polo tanto dereito de tomar as rendas do noso futuro e que canta máis capacidade de decisión teñamos aquí mellor para o noso país, porque estamos vendo que o máis grave que nos está pasando é que normalmente cando deciden por nós en Madrid deciden contra nós. E temos exemplos múltiples: expolio enerxético, o que está pasando coa AP-9, o retraso nas infraestruturas estratéxicas do país... nós aí creo que temos un retrato de como Galicia, para gañar, necesita ter maior capacidade de decisión, e o BNG defendeu iso no ano 1982 e defende isto no ano 2021.

Antes das eleccións galegas de 2024 está o test das eleccións locais de 2023. O BNG collerá todos os restos das mareas municipais que reteñen aínda unha parte da tarta do poder nas grandes cidades?

Temos que enfrontar as municipias, e así o decidimos nesta asemblea, coa vocación de crear proxectos maioritarios. Hai que afianzar a organización pola base e imos ir por todas.

Coincidindo coas municipais tamén haberá xerais. No momento álxido o BNG tivo os alcaldes de Vigo, Pontevedra e Ferrol e tres deputados en Cortes. Que dirán os test das vindeiras municipais e xerais?

Nos últimos procesos electorais vemos que a xente diferencia moito cando vota nunhas eleccións locais, xerais ou galegas. Nós imos facer unha aposta forte por incrementar a representación do BNG. O nosa aposta e porque Galicia poida contar cun grupo galego forte para defender os intereses dos galegos. Cun deputado sabemos poñer os intereses de Galicia por diante, hai uns descontos históricos na AP-9 grazas a ese acordo de investidura que asinamos desde o BNG. Pero temos que avanzar na representación para que Galicia xogue igual que xogan outras nacións.

Romperá o BNG os seus teitos históricos nas xerais e nas municipais?

Estou convencida de que o que imos demostrar é que quen tocou teito e o PP e que o teito do BNG está moito máis alto e imos avanzar en todos os procesos electorais: municiapis e xerais. E ademáis cun obxectivo moi claro: no 2024 darlle esperanza aos galegos e galegas. Esa é a folla de ruta que acabamos de definir na asemblea e na que imos traballar con toda a humildade e toda a xenerosidade.

Onde está o talón de Aquiles do PP de Feijóo que o pode levar a perder a Xunta en 2024?

Cada vez se nota máis a falta de proxecto político. Cal é o balance que deixa Feijóo? Deixa unha Galicia con máis emprego, industria, innovación, xente nova con oportunidades? Deixa todo o contrario: unha Galicia máis pequena na industria, na innovación, cunha crise demográfica galopante e máis de 200.000 mozos e mozas emigrados. Ese balance o que denota é a falta de proxecto de país e que reflicte a falta de confianza que teñen en Galicia. Necesitamos un proxecto que pense Galicia en grande e a forza política que pensa en grande neste país é o BNG.

“Darlle unha alcaldía ao PP é unha irresponsabilidade”

MOCIÓN DE CENSURA NO PORRIÑO. A portavoz nacional do Bloque cargou este luns contra os movementos que se están producindo no Porriño (Pontevedra) para presentar unha moción de censura contra a socialista Eva García de la Torre e darlle a alcaldía ao Partido Popular. “Darlle unha alcaldía ao Partido Popular é unha irresponsabilidade que non vai contar co aval do BNG”, sinalou Pontón respecto ao Goberno local actual que está conformado por sete concelleiros: os catro do PSOE, dous do Bloque e un de UDDL.

Así, a líder do Bloque lamentou nunha comparecencia ante os medios de comunicación en Santiago, segundo recolleu Efe, que Esquerda Unida teña decidido negociar unha moción de censura no Porriño para situar ao Partido Popular na Alcaldía e insistíu en que lle parece unha “moi mala idea”. Na súa opinión, “esa moción de censura non debería ir adiante. Esa é a posición do Bloque”, zanxou.

09 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito