Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Non ás fusións de concellos

    O domingo 20 de febreiro aprobouse por menor marxe do esperado – unha décima– a fusión dos concellos estremeños de Don Benito e Villanueva de la Serena, facendo, segundo toda a (unanimemente positiva) cobertura da prensa española “a terceira cidade de Estremadura”. Como a sabedoría galega nos ensina, “depende”. As fusións teñen sentido cando as xeografías o permiten (núcleos urbanos próximos) ou o cambio de hábitat (mellores transportes, públicos ou máis correntemente privados). Noutros casos –hábitat disperso, por exemplo– determinados servizos non necesariamente se proveen mellor a unha escala maior. Depende do servizo e do contexto concreto. Pero os concellos non son só son entidades provedoras de servizos –esta é unha dos maiores fallas da ideoloxía da xestión pública– senón os piares de todo sistema democrático, e mais nun con tan breve e feble tradición coma o noso. O xigantismo é ademais un vicio. Escocia ten o dobre de extensión e poboación que Galicia. Ten só 32 Concellos. E hai quen a nivel autonómico gustaría que houbese a metade. Non teñen alcaldes, pero os 1200 concelleiros –para cinco millóns de persoas– pedirían ter alomenos 90 municipios. A autonomía escocesa xa lles quitou a policía local e agora os servizos sociais – en beneficio da escala malia que empeore o servizo, como xa foi o caso. Non existe o dereito ó autogoberno municipal. Escocia leva 30 anos sen ratificar sequera a Carta da Autonomía Local Consello de Europa. Ten concellos do tamaño de Lugo. Normal que vote só un 40% nas locais. En Galicia a fusión de Oza-Cesures foi unha moda pasaxeira. Mellor así, estas cousas hai que pensalas. Comezando por recoñecer as parroquias coma manda o noso Estatuto. E definir áreas de servizos supra-locais coma tentou Xavier Vence outros hai xa 15 anos para o Instituto Galego de Vivenda e Solo que non dependan da vontade dos alcaldes. Trillo Santamaría e Paul Carril estudan as xeografías do rural galego e o impacto das límites administrativos. E repensar o papel das comunidades de montes –ese modelo tan galego de xestión do territorio– como ten feito Leiceaga e outros. Hai uns meses a Deputación de Lugo publicou o libro Os Gobernos Locais Intermedios: Presente e Futuro das Deputacións Provinciais e tiven a honra de acompañar aos catedráticos Santiago Lago e Fernando López Ramón na súa autoría. O Foro Económico de Galicia xuntou o verán pasado no Casal de Armán as mellores experiencias de desenvolvemento local de Galicia e que ninguén coñece. O mesmo podemos dicir do traballo de Red Localis. O Consello de Contas, que reuniu aos seus homólogos autonómicos e central en decembro en decembro pasado, está a pensar en mellorar a nosa xestión local. Empecemos por aí, logo falaremos de fusións.

    14 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.