Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Non mordas a man de
quen che da de comer

de Física da USC

Non é novidoso afirmar que a cidade de Santiago de Compostela está sustentada en tres pilares: administración autonómica, universidade e turismo. Estes deberían ter sido suficientes para facer de Santiago unha gran vila que superara hai tempo o teito dos cen mil habitantes.

Unha oportunidade perdeuse cando se adxudicou a Santiago a capitalidade autonómica. A escaseza e carestía da vivenda obrigou a moitos traballadores a instalarse en municipios veciños. Este comportamento sostívose no tempo favorecendo o crecemento dos concellos lindeiros ao longo dos últimos 30 anos, que acollían a todos aqueles que non podían adquirir unha vivenda acorde aos seus gustos ou necesidades na capital galega. Ames, con más de 32.000 habitantes, destaca por ser un dos dous concellos galegos con saldo vexetativo positivo, categoría que perdeu este ano o Concello de Oroso cun saldo de -4.

Con respecto á universidade, durante os anos 80, corenta mil estudantes se instalaban cada curso na cidade e tanto o sector inmobiliario como a hostalaría estaban volcados neles e na poboación permanente. A creación das universidades de Vigo e Coruña, a proliferación das mesmas no territorio español e o descenso demográfico supuxeron unha caída importante do número de alumnos. Esta redución repercutiu na economía da cidade pero o pulo dado ao Xacobeo a partir do ano 1993 propiciou que a hostalaría, comercio e o sector de aluguer reaccionara orientándose progresivamente aínda máis ao turismo, o terceiro pilar.

As consecuencias do confinamento e distancia social puxeron de manifesto as debilidades da economía santiaguesa á que lle costaba sobrevivir sen a axuda dos turistas, dos universitarios e dos veciños dos concellos lindeiros, en especial Ames e Teo que superan entre os dous os 50.000 habitantes.

Na recuperación da normalidade e na declaración dun bienio Xacobeo, o sector do aluguer veu unha oportunidade de recuperar o tempo perdido dedicando a maioría das vivendas a aluguer vacacional, que ten certas vantaxes fronte ao aluguer de longa duración: máis ingresos, menos desgaste da vivenda ao tratarse de estadías curtas, máis control sobre o estado da vivenda, por exemplo.

E, de novo Santiago non pode ofrecer vivenda digna a un prezo digno nin ás familias nin a estudantes universitarios.

Non vou a entrar a analizar sobre cal debe ser o destino dos pisos en propiedade. Pero o que está claro é que hai que darlles unha alternativa a eses dous colectivos.

Garantindo, por un lado, un lugar para vivir; e por outro un prezo razoable que poidan afrontar as familias cando nos alcance o declive económico que se anuncia que está por vir.

Con respecto ao estudantado con praza na USC, se a situación do aluguer non mellora, contémplanse dúas posibilidades a corto prazo, aínda que non de implementación inmediata. A primeira é que concello e universidade se poñan de acordo para transformar edificios baleiros en residencias universitarias. Un bo destino sería o Hospital Vello de Galeras. Beatriz Castro facía referencia en El Correo Gallego a un novo Burgo das Nacións adaptado aos tempos como medida desesperada.

A segunda, que non favorece a Santiago, é facilitar que se poidan instalar nos concellos veciños que non teñan saturado o mercado de aluguer. Para elo debe mellorarse a frecuencia do transporte público entre as vilas principais pensando tanto na actividade académica como no ocio, aínda que este último é fácil que tamén se traslade cando un volume importante de estudantes se concentre nesas vilas. Trátase dunha oportunidade para os concellos cercanos menos poboados. Ollen o mapa.

Sorte ten Santiago de que a pandemia puxo de manifesto os problemas da ensinanza telemática. De non ter sido así, moitas familias optarían por este tipo de docencia nuns tempos caracterizados por unha inflación elevadísima resultante dunha crise enerxética sen precedentes de escura orixe. Non perdamos o tempo e aseguremos o futuro.

Feliz 25 de xullo

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito