Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Ana Pontón // Portavoz nacional do BNG

“Nós non temos vocación de oposición, témola de gobernar”

{Sarria, 1977} A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón Mondelo, comparte nunha entrevista concedida a EL CORREO GALLEGO a súa opinión sobre os temas de maior importancia para este vindeiro curso político, inevitablemente marcado polos incendios do verán, pola crise de prezos, pola situación da sanidade pública e polas eleccións municipais do 2023.

Está a comezar o curso político. Dende o BNG que asignaturas pendentes considerades que son máis imprescindibles abarcar?

É evidente que hai unha situación moi complexa, pero diría que hai tres grandes temas que temos que abarcar. O primeiro é esta crise de prezos, que ademais en Galiza está afectando máis que na media do Estado. Isto quere dicir que os galegos e galegas nos estamos empobrecendo máis e, dende o BNG, o que dicimos é que o Goberno galego ten que saír desta “política de brazos cruzados” ante a crise, e poñemos sobre a mesa unha proposta moi completa para facerlle fronte.

O segundo bloque é a sanidade, xa que vemos como o PP cos seus recortes está poñendo en risco a saúde das persoas, polo que nós propoñemos un plan de choque de 200.000 euros para a Atención Primaria, e conseguir, polo menos, que invirtamos o mesmo que a media do Estado.

E a terceira cuestión?

Hai que afrontar o debate sobre o abandono do noso medio rural, porque ten consecuencias dramáticas todos os anos, e non queremos que os lumes sexan un titular de verán que no inverno se esquece. Hai que poñer en marcha cambios estruturais no noso monte, porque os incendios apáganse no inverno, con prevención e con ordenación do territorio.

Vaiamos punto por punto. Que medidas propoñedes entón para paliar a crise de prezos?

Acabamos de facer unha proposta de plan fronte a crise económica, e poñemos sobre a mesa unhas medidas que se poden aplicar xa. No ámbito social, un flotador para a xente que o está pasando peor, incrementando as axudas públicas e dando máis recursos a quen menos ten. En segundo lugar, un plan extraordinario para a pequena e mediana empresa e para os sectores productivos, con axudas directas. Sabemos das dificultades que teñen as PEMES e os autónomos e autónomas do noso país.

Sobre a sanidade, como valorades que o PP veña de impedir cos seus votos a comparecencia de Rueda no Parlamento para dar conta do acontecido en Baltar e da situación da sanidade pública?

O caso que vimos en Baltar é un exemplo máis de a onde nos conducen os recortes e a falta de medios. Paréceme dunha cobardía política terrible que o máximo responsable desta situación, que é o Presidente da Xunta, non acceda a dar a cara no Parlamento. Que ten que ocultar? O que pasa é que prefiren a propaganda a vir ao ‘Parlamento das responsabilidades’, e o propio señor Rueda é tan consciente do mal que está a sanidade pública que nin tan sequera se atreve a vir comparecer ao Parlamento.

Como chegamos a esta situación, sendo parte dun Estado que presume de ter unha das mellores sanidades públicas?

Tiñamos unha das mellores sanidades públicas, pero o PP cos seus recortes está provocando unha situación de verdadeiro desastre sanitario. Hai que poñer fin a esta política de deterioro, porque non podemos permitir que nos rouben o máis importante que temos, que é o sistema sanitario público, que nos fai iguais ante a enfermidade.

E en relación ao medio rural e aos incendios, coincidides coa visión da Xunta de que o monte o queiman os incendiarios?

Nós dicimos que a Xunta ten unha responsabilidade clara nos incendios, e que o que ten que facer é non desviar a atención, porque quere converter o debate dos incendios forestais nun debate de orden público e este é un debate de modelo. Ter o monte convertido nun “polvorín” con especies que arden tan facilmente é unha irresponsabilidade.

Que medidas propoñedes?

Temos moitas medidas que propoñer no medio rural, pero obviamente a primeira é cambiar o modelo forestal, e a segunda é recuperar terra agraria. Temos a metade da superficie agraria útil do Estado español e só adicamos o 3,9 % a produtos de consumo humano. Temos que recuperar a capacidade produtiva de Galicia, porque iso non só faría que o noso monte estivera mellor coidado, senón que crearía emprego e riqueza.

E que previsións fai o BNG de cara ao inicio do curso escolar?

Nós o que vemos é un inicio de curso onde o PP recorta en educación e hai menos profesores que antes da pandemia. Este ano vai ser sesenta euros máis cara a volta ao cole. Estamos falando dun desembolso de catrocentos euros por familia, algo imposible para quen chega xusto a fin de mes. De nada valen as axudas ás rendas máis baixas, se defendemos o público hai que ir cara un sistema universal. Nós, desde logo, cando gobernemos, imos defender e levar adiante a gratuidade dos libros de texto e unha dotación suficiente de persoal para que a escola pública recupere o seu esplendor.

Entón, compartides a visión da Xunta do rol que xoga aquí a aplicación “rápida e caótica”, segundo din, da Lomloe?

O que vexo é que na Xunta de Galiza, cada vez que hai un problema, buscan un culpable, e que como agora eles non están no Goberno central, o culpable sempre é o Estado. Se faltan profesores e profesoras e se non hai libros de texto gratuitos é responsabilidade da Xunta. Xa está ben dun Goberno que o único que fai é botar balóns fóra, necesitamos un Goberno que se poña ao frente e defenda educación pública.

Pasamos a falar de política. Como se está a notar na Xunta de Galicia a marcha de Feijóo a Madrid?

Facemos unha valoración moi clara do que supuxeron estes 13 anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo. Temos máis de 200.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar nestes anos, pecharon unha de cada dez escolas públicas, temos case 1.000 camas menos nos hospitais galegos, máis de 30.000 empregos perdidos na industria, na pesca e no sector do mar, ou 600.000 persoas en risco de pobreza...

É un retrato demoledor de como as políticas do Partido Popular fan que Galiza vaia a menos, pero é que agora o que temos é un presidente insubstancial, que chegou á presidencia de maneira accidental e que nos está demostrando que non ten capacidade nin para axudar aos galegos no marco das súas competencias nin para defender os intereses de Galiza en Madrid. Parécenos unha tremenda irresponsabilidade que no medio da maior crise de prezos, a Xunta de Galiza sexa refén da estratexia estatal do PP, porque hoxe o señor Feijóo pensa que canto peor lle vaia aos galegos e galegas, canto máis lles suba a luz e os carburantes, mellor lle vai a ir a el electoralmente. Iso é o que non se pode permitir, porque a política ten que estar ao servizo da cidadanía.

E que valoración facedes de Rueda?

O que vemos é un presidente que na maior crise de prezos en 40 anos non toma ningunha medida estrutural e que está fiando todo ao Xacobeo. O turismo ten que ter un espazo en Galiza, pero Galiza ten que producir alimentos, ten que ter unha aposta seria pola ciencia, por recuperar industria, por coidar o medio ambiente... E en ningún terreo vemos que haxa iniciativa.

Hai moitas cousas que podería facer a Xunta aínda que non teña todas as competencias. O PP non quere máis poder político nin tampouco exercer as competencias que ten, porque podería aumentar as pensións non contributivas, dar máis axudas para os gastos de vivenda , podería poñer en marcha medidas como a defensa dunha tarifa electrica galega, ter un plan de industrialización do país... Pero non teñen nada, están tan instalados na propaganda e na rutina que creo que acaban sendo vítimas desa propia propaganda.

Temos, coma quen di, as eleccións municipais á volta da esquina. Como están as previsións de relación entre Goberno e oposición?

Eu o que vexo é un Goberno do PP que non goberna, senón que fai oposición do BNG, unha liña que creo que vai continuar nos próximos meses. O que lle diría neste caso ao señor Rueda é que pense menos en facerlle oposición ao BNG e que pense máis nos galegos e nas galegas e en como axudarlles nesta situación de crise.

E a relación cos socialistas dende que entrou Formoso hai un ano, como a valora?

Nós co PSdeG sempre temos unha relación cordial. Sabemos que somos forzas políticas con visións diferentes sobre moitos aspectos, pero tamén temos a capacidade para poder dialogar e entendernos.

Recoñécena a vostede como líder da oposición?

Creo que o liderado da oposición non o recoñecen os políticos, senón a cidadanía co seu voto. En todo caso, nós o que temos non é vocación de oposición, temos vocación de gobernar este país e de que Galiza teña, por primeira vez, unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e galegas. Mans libres de Madrid e mans libres dos grandes grupos económicos.

Tendo en conta que o BNG recuperou a meirande parte dos votos de En Marea, preocúpavos a aparición da nova forza política de Yolanda Díaz, Sumar?

Teño todo o respecto por Yolanda Díaz, creo que é unha política intelixente, pero, en todo caso, cal vai ser o seu papel en Galiza vano decidir os galegos e galegas co seu voto, que en cada proceso deciden a forza política na que confían. Os votos non son dos partidos, son dos cidadáns, e están a demostrar que o nivel de fidelidade cambiou moito.

Sobre as eleccións municipais, esperades dende o BNG superar os últimos resultados?

Imos co obxectivo de que esta onda de crecemento do BNG se siga vendo e de superar o número de alcaldías e de concelleiros e concelleiras. Estou convencida de que é un reto que imos a conseguir e que ademais vai a ser beneficioso para o país, porque o BNG cando goberna demostra que pode mellorar a vida das persoas. Desde cidades coma Pontevedra, que é un referente internacional de mobilidade e desenvolvemento sustentable, ate concellos máis pequenos onde tamén se nota ese modelo de aposta polos servizos públicos e de calidade, de coidar o patrimonio e o comercio local e de poñer as persoas no centro. Creo que ese modelo ten que expandirse como unha mancha de aceite por toda Galicia, porque iso vai beneficiar ademais aos veciños e veciñas deses concellos.

E a previsión para as autonómicas?

É evidente que o BNG se consolidou como alternativa ao PP nas pasadas eleccións, e é unha responsabilidade. Estamos centrados en ser útiles para defender os intereses da maioría social, e, desde logo, traballamos dende a humildade, pero tamén dende a ambición para que nas próximas eleccións se produza o cambio político que necesita Galiza, que é ter por primeira vez un goberno do BNG e unha presidenta coas mans libres.

Pasando agora ao plano nacional, comentaba Néstor Rego que Sánchez ten que “cumprir con Galicia” no tocante ao pacto asinado a comezos do 2020 para garantir a súa investidura. Que está pendente?

En primeiro lugar, quero destacar que ese acordo ten beneficios para Galicia. O primeiro é que hoxe circulamos pagando a metade pola AP-9, mentres que sen ese acordo de investidura teríamos unha suba de prezos das peaxes. Este é un logro do BNG que demostra que cando ten capacidade para condicionar a política estatal, fai uso dela en beneficio da cidadanía galega.

O que se está vendo co goberno de Sánchez é que tampouco cumpre con Galicia. Os gobernos do PP incumpriron as súas promesas, e este goberno vai por ese mesmo camiño. Non estamos tendo unha transición enerxética xusta, non se está facendo unha aposta real e total en todo o país pola modernización do ferrocarril, non hai un compromiso efectivo co saneamento das rías... Hai moitas cuestións que están pendentes. Nós o que dicimos é que o Goberno debe cumprir con Galicia, e a clave para que iso aconteza é que o BNG teña cada vez máis peso en Madrid. Esa é a mellor garantía que teñen os galegos e galegas de que se nos vai a escoitar e respectar.

No tocante ao Real Decreto convalidado recentemente, que tería que ter sido diferente para contar co ‘si’ do BNG?

Cremos que fan falta medidas máis ambiciosas e, ademais, podíanse ter corrixido algúns aspectos, por exemplo, cunha proposta tan clara como evitar a discriminación dos viaxeiros dos trens Avant. Pero o Goberno central quere ter o si sin negociar, e o BNG non está para darlle apoio gratuíto a un real decreto que vemos insuficiente para facerlle fronte á crise, e moito menos se ten aspectos coma este, nos que discrimina a Galiza.

A evolución da inflación o que demostra é que as medidas do Goberno central non están funcionando e que hai que ir máis alá.

Posible candidata á presidencia da Xunta en 2024

Ana Pontón Mondelo é na actualidade a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e deputada no Parlamento de Galicia.

Está licenciada en Ciencias Políticas e da Aministración pola Universidade de Santiago de Compostela. Ocupou a posición de portavoz do grupo parlamentario dende febreiro de 2012, e de portavoz nacional do partido dende febreiro de 2016, sendo a primeira muller en ocupar esta posición na historia do BNG.

Foi a candidata á presidencia da Xunta polo BNG nas eleccións autonómicas do 12 de xullo de 2020, nas que o partido obtivo un dos mellores resultados da súa historia, obtendo 19 escanos (13 máis que nos comicios anteriores) e un 23,79 % dos votos, máis do dobre que no anterior proceso electoral. O BNG logrou un mellor posicionamento que o PSdeG, e converteuse na segunda forza política de Galicia.

04 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.