Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG insiste en que “non valen excusas” para adiar as rebaixas de peaxes na AP-9

Néstor Rego pide ao Goberno central que cumpra o seu “compromiso”. O Bloque non descarta mobilizacións

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, insistiu este martes en demandar ao Goberno central que cumpra o seu “compromiso” para rebaixar as peaxes da AP-9 porque xa “non valen escusas”.

“Non existen razóns obxectivas para seguir demorando as rebaixas das peaxes, xa non valen escusas por falta de tempo”, sentenciou Rego nunha rolda de prensa na capital galega despois dunha reunión coas asociacións de transportistas na que tamén participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

No encontro telemático, os representantes do BNG e dos transportistas coincidiron na urxencia para abaratar os custos das tarifas para circular pola AP-9, que, dixo, supoñen unha “discriminación” para Galicia respecto do resto de comunidades.

Por iso, as asociacións de transportistas e viaxeiros manifestaron a súa intención de dirixirse ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para reclamar que os descontos comprometidos entren en vigor canto antes.

No mesmo sentido, segundo Rego, diversas asociacións expresaron a disposición para apoiar mobilizacións, se foren precisas, para lograr que o Goberno cumpra os compromisos adquiridos con Galicia.

A posición do BNG é “firme e clara” porque esta rebaixa, reiterou o deputado do BNG, servirá para favorecer a competitividade das empresas e contribuirá ao desenvolvemento social e económico nun momento no que máis se necesitan medidas de apoio aos sectores.

Pediu tamén á Xunta de Galicia que manifeste unha posición “firme e decidida” co fin de esixir “o cumprimento dos compromisos adquiridos co noso país”.

Finalmente, o portavoz do BNG no Congreso cargou contra o “comportamento do Goberno estatal, que non se entende”, ao sinalar que “algo elemental é que os acordos están para ser cumpridos e cada día que pasan sen cumprir é un descrédito para ese Goberno”.

SANTIAGO. EFE

19 ene 2021 / 14:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.