Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

O camiño do emprendemento

Secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago

Que Galicia é terra de peregrinaxe ninguén o dubida. Todos os anos, especialmente en datas como a que hoxe conmemoramos, milleiros de peregrin@s dirixen os seus pasos cara Compostela. Con todo, o Camiño de Santiago é moito máis que un itinerario, que unha andaina organizada para visitar a tumba do Apóstolo Santiago, abrazar a súa efixie, cruzar a Porta Santa co ánimo de conseguir indulxencia, admirar o voo do “botafumeiro” ou propinar un cabezazo á fronte do “santo dos croques” na procura de intelixencia e enxeño. Cos séculos, converteuse nunha vía de civilización e desenvolvemento cultural, artístico, económico e social en toda Europa. De ahí o seu merecido recoñecemento como Patrimonio da Humanidade e primeiro Itinerario Cultural Europeo. Cómpre non esquecer tamén, a súa seña de identidade primixenia como punto de encontro da fe, espiritualidade e pensamento do mundo occidental.

Entre os múltiples Camiños que forman parte da ruta xacobea poderíamos destacar o Camiño francés, como o itinerario con maior tradición histórica e o máis recoñecido internacionalmente; o Camiño Primitivo, por ser o primeiro itinerario xacobeo empregado polo rei Alfonso II e os primeiros devotos chegados do nacente reino asturiano; ou o Camiño do Norte, polo seu carácter de roteiro da costa astur-galaica utilizado polos monarcas cristiáns nos momentos inmediatamente posteriores ao descubrimento da tumba do Apóstolo, co obxectivo de evitar os territorios conquistados polos musulmáns. Nembargantes, todos os Camiños son igualmente especiais. Todos posúen a súa propia idiosincrasia e singularidade.

Á marxe destes itinerarios, existe outra forma de ser peregrin@ en Compostela. Existe outro Camiño vencellado á nosa tradición como galegos e galegas. Un camiño imperceptible, calado, extremadamente duro nalgunhas etapas do seu percorrido e, ás veces, pouco recoñecido. Un camiño que como sociedade debemos promover e facilitar se queremos ser quen de incrementar a nosa base empresarial...O Camiño do Emprendemento.

En calquera economía avanzada, tan decisivo é o apoio á consolidación dos proxectos empresariais en funcionamento, como o desenvolvemento de actuacións orientadas á creación e posta en marcha de novos proxectos empresariais. Son as pemes as que contribúen nun alto porcentaxe á forza laboral e económica dun país. Segundo o Global Entrepreneurship Monitor (GEM) o emprendemento “é unha vía esencial para a saúde da sociedade non só porque promove a innovación, a produtividade e o emprego, senón porque responde aos desafíos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, como acabar coa pobreza, reducir a desigualdade, crear oportunidades para o empoderamento das mulleres e implementar solución ao cambio climático”.

Por iso, nunha época adversa para as economías do mundo, e en especial para a española, a filosofía do emprendemento debe cobrar máis relevancia que nunca. A cultura do emprendemento fai que as ideas de negocio se materialicen, se expandan e se convertan en solucións sostibles, desempeñando unha labor fundamental na rexeneración constante do tecido empresarial do territorio. Resulta indispensable, polo tanto, o desenvolvemento de políticas activas que promovan a emprendeduría como motor do progreso económico e social.

Conscientes diso, a Cámara de Comercio de Santiago vén mantendo desde sempre unha clara vocación de servizo ao emprended@r, o cal lle permitiu erguerse como a primeira institución de referencia a nivel nacional no ámbito da creación empresarial. Así acaba de ser recoñecida pola Cámara de Comercio de España, ao concederlle o galardón como a entidade cameral mellor valorada na categoría de emprendemento pola creación dunha serie de espazos orientados á posta en marcha e consolidación de proxectos empresariais, co obxectivo de promover o incremento da base empresarial e contribuír á xeración de riqueza e emprego no seu ámbito de actuación. Esta rede de espazos, está ademais perfectamente aliñada con iniciativas desenvolvidas por outras entidades e institucións, contribuíndo todas elas a xerar o caldo de cultivo necesario para a conformación dun verdadeiro ecosistema emprendedor, onde a Cámara de Comercio de Santiago, en base á súa dilatada experiencia, marca o paso firme cara a unha verdadeira colaboración público-privada.

Iniciativas como o seu Viveiro de Empresas, recoñecido como o mellor Viveiro de España pola Fundación das Caixas de Aforros (Funcas), o seu coworking dixital CCompostela, orientado á favorecer a transformación dixital das Pemes, micropemes e emprendedores ou a súa participación na incubadora de alta tecnoloxía Bioincubatech e no Biopolo Sionlla Biotech, son claros exemplos da súa aposta decidida para propiciar que o coñecemento xerado nas universidades reverta á sociedade a través da súa conversión en iniciativas empresariais e promover o incremento do peso do sector industrial no PIB da nosa Comunidade mediante o desenvolvemento das condicións espaciais propicias para a captación de investimento, tanto nacional como extranxeiro, e que as empresas, nas súas tomas de decisións estratéxicas, consideren que Galicia é o lugar idóneo para o inicio da súa actividade empresarial.

É mester, por tanto, seguir traballando en clave de cooperación para que a nosa economía sexa unha economía viva, fresca e dinámica. Non en balde a súa fertilidade mídese necesariamente en termos relacionados coa posibilidade de creación de empresas e o desenvolvemento de proxectos empresariais.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito