Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

O Camiño ou a perseveranza do civismo

do TSX G

Ultreia!!! Dixo un peregrino que viña dende Bolonia cara Santiago de Compostela. Tivo a ventura de que a pena de cárcere a que o condenaran resultou conmutada por facer o Camiño.

- Et suseia! Respondeulle o home que descansaba diante da igrexa de Santa María do Cebreiro.

Falaban así no século XIV. Falaban así porque as linguas maternas de cada un deles eran diferentes. E, sendo uns perfectos descoñecidos, necesitaban transmitirse ánimo e xúbilo e se empapaban do rito do Camiño. Sabémolo porque o Códice Calixtino é unha boa testemuña. Nun apéndice musical figura o canto “Dum pater familias” ou “Dos peregrinos flamencos”. “Ultreia et suseia, Deus adjuva nos” di ese canto, o que podería significar “axúdanos señor a ir sempre máis lonxe e máis alto”.

Cando resucitou o Camiño, tras tempo agochado, case imperceptible, xa no século XX, escoitáronse de novo: ultreia ... et suseia. Pero eses conceptos mudaran, eran máis prosaícos. Viñan a dicir “sigue adiante” (ultreia) e “máis aló” (suseia).

Moita razón tiñan Golpes Bajos cando entoaban “malos tiempos para la lírica”. Ben certo que o son e, por iso, e por outras cousas, estase a perder o saúdo “ultreia”. Ou a ter outra acepción. Vexan, lendo anécdotas dos hospedeiros do Camiño, atopei unha hilarante. Estámpalle o hospedeiro a un grupo de peregrinos: “Ultreia”, e escoita dun deles: “Non nos insulte, que eu díxenlle bo día”.

Tranquilo: non imos ser tan esixentes. Non é práctico e non é telemático a verba “ultreia”. Mais cabería un pequeno esforzo porque estamos cheos de contradicións. Contraditorio é non coñecela e empregar unha linguaxe rococó, unha sobre actuación, coa vontade de amosar o coñecemento: “María é a miña amiga, a cal ...”, ou “é por iso que ...”. Ou lucir con arrogancia a ignorancia: acaso non coñecen a algún experto en todas as ramas do saber grazas a enciclopedia electrónica?

Ben, deixémolo pasar. Aínda hai un ulterior recurso: “bo camiño”. Paréceme claro e expresivo. Bo camiño, compañeiro e compañeira, para a túa vida, para a forma de encarala. Bo camiño como desexo real. Bo camiño simplemente como saúdo. E, neste punto, convén dicir que invariablemente “bo camiño” está nos labres de todos os peregrinos, cativos ou adultos, nacionais ou estranxeiros, crentes ou non crentes. “Bo camiño” é un xesto simple do civismo. Anoado co anterior saúdo, “ultreia”, ambos amosan a perseveranza dese civismo nas diferentes idades do Camiño.

Asombroso, abraiante, sorprendente e etc., etc., etc., resulta cando xa non queda ningún acto de civismo na vida cotía. Probablemente moitos de vostedes non compartan o que vou dicir ou non tiveron as experiencias que indicarei. Pero seguro que o respectan: iso é civismo. A ver si tamén é civismo o seguinte?

Entra alguén nunha tenda, dinlle “bo día”, e non responde; chega outro alguén para coller unha butaca no cine, érguense os espectadores que o deixan pasar entre as ringleiras, e non di grazas; un terceiro alguén tropeza cunha persoa, non se escoita a palabra perdón; o último dos alguén vai pola súa esquerda nunha rúa e forza aos peóns que discorren con acerto pola súa dereita a que lle cedan o paso.

Négome a crer que estes “alguén” carezan de sentimentos. De feito, hai ocasións en que substitúen calquera expresión verbal por un fugaz e imperceptible sorriso que imita ao da Mona Lisa, sen acadar, seguriño, o seu misterio. Abofé do que carecen é de civismo.

Como a propaganda que domina a sociedade actual é moi mirada -eu diría, agarimosamente, “miradiña”- escollo a palabra civismo para non ofender. Non falo de cortesía, porque con ela demóstrase o respecto a unha persoa en particular, e, caramba!, todo somos iguais. Tampouco falo de urbanidade, xa que implica cortesía, comedimento e bo modo, e, caramba!, todos somos libres de actuar segundo a nosa vontade. Dende logo non falo de educación, que consiste en cortesía e urbanidade, e, caramba!, temos que afastar as regras que nos constrinxe.

Non falo de nada diso. Do que falo e do comportamento respectuoso do cidadán -marabilloso e admitido concepto revolucionario- coas normas de convivencia pública, é dicir, do civismo. Aínda estou esperando o primeiro francés, italiano ou portugués, por citar aos nosos veciños mais próximos, que non saúden en calquera ocasión co seu “bonjour”, “buongiorno” ou “bom día”.

Cómpre reverter este estado de cousas, traer a nosa convivencia a alegría, o xúbilo e o respecto ao outro -sen sinalar a alguén en particular. Non significa renunciar a singularidade de cada ser humano. Implica recoñecer a cada ser humano a súa propia dignidade, común e igual para todos. E nada máis simple que comezar por unha actitude aparentemente superficial: “bo camiño”. A perseveranza do civismo.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito