Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O campo galego ten relevo xeracional

Un total de 278 mozos e mozas incorporáronse no ano 2020 á actividade agraria // O sector lácteo e o de vacún de carne son os máis solicitados // Catro acabados de chegar contan a súa historia

O campo galego está en proceso de rexuvenecemento. A pesar de que o relevo xeracional segue sendo unha das cuestións a mellorar no sector agrogandeiro, nos últimos anos moitos mozos e mozas apostan polo sector primario como saída laboral.

Durante o ano 2020, foron un total de 278 os menores de corenta anos que se incorporaron á actividade agraria grazas ás axudas que reparte a Xunta a través da Consellería de Medio Rural, e que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia.

Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos foron aprobadas cunha achega media superior aos 37.000 euros por beneficiario. En total, son 10,30 millóns de euros cos que se garante o relevo xeracional no campo. Por sectores, unha vez máis, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 35,6 % e un 20 % dos expedientes, respectivamente.

Segundo o balance facilitado por Medio Rural a este xornal sobre os expedientes asignados nos últimos dez anos; no 2016 foron 618 mozos e mozas os que se incorporaron ao agro. Esta elevada cifra débese a que o foi o primeiro ano de execución das respectivas axudas dentro do novo PDR. No ano 2019 foron 356, un diario.

Desde EL CORREO GALLEGO contactamos con catro mozos que optaron polo traballo diario nunha explotación gandeira ou agrícola e que non ven opción mellor que crecer no rural. Coinciden en que a suba notable do prezo da electricidade e da alimentación dos animais como os cereais ponos en apuros. Tócalles seguir remando para saír adiante.

“Din que é moi atado e non podes faltar un día pero eu non o vexo así”
Adán Valladares Hermida. 24 anos - Explotación porcina e de vacas de leite

Lalín. Adán rematou a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e tras cursar o primeiro ano de Bacharelato decidiu deixar os estudos e incorporarse á explotación porcina familiar, situada en Lalín. Na actualidade, xunto coa súa nai é o encargado do seu mantemento. “O agro sempre foi unha cousa que me gustou e como miña nai xa estaba no negocio decidín incorporarme para levalo adiante”, afirma.

Teñen 1.200 porcos en naves de cebo. Chegan á explotación con un ou dous meses e catro meses máis tarde recólleos unha integradora. Cada día, entre as súas tarefas está revisar que non haxa ningún animal enfermo nin ningún tipo de avaría, entre outras. A maiores ten unha granxa de vacas leiteiras, unhas 60 cabezas. “Aínda que sexan menos requiren moito máis tempo a diario”, asegura. Neste caso encárgase de muxir e de preparar o alimento e as camas do gando, e de todo o traballo que require do manexo de tractor.

A clave para Adán é a organización. Así, primeiro fan o traballo principal na explotación de vacas e ao rematar a media mañá van para a nave dos porcos. A época máis dura é nas campañas do ensilado xa que traballa con maquinaria para explotacións foráneas. “Quero estar a todo e despois afogo”, di entre risas. Nesa tempada reciben axuda dun traballador e ademais o seu irmán pequeno de dezaseis anos, que está estudando, bótalles unha man cando é necesario.

Considera que o agro é unha saída laboral para os mozos e mozas galegos sempre que haxa motivación. “Facendo as cousas ben e traballando profesionalmente creo que debería ser unha boa opción. Agora non é tan esclavo como hai anos e pódese ter tempo libre con turnos de traballo. Moitos din que é atado e non podes faltar un día pero eu non o vexo así”, sinala.

Pretende seguir coas dúas explotacións e aumentar en calquera delas ou incluso noutra que non teña nada que ver. “Valorarase o que máis compense facer”, asegura.

“Gustaríame seguir medrando e poder contratar persoal fixo”
Antonio Gómez. 20 anos - Explotación de vacas de carne, porcos, fabas e grelos

Foz. Tras rematar no 2019 o ciclo medio de Produción Agropecuaria, Antonio tiña claro cal sería o seu destino: incorporarse ás explotacións gandeiras e agrícolas do seu pai. Por unha parte teñen vacas de carne, un total de 32 cabezas, e noutro recinto unha granxa de porcos, uns trinta. Tamén manexan unha plantación de hectárea e media de fabas de Lourenzá e adicánse ao cultivo de grelos de Galicia, cunhas duas hectáreas. “Sempre me gustou o agro e como non tiña pensado facer Bacharelato fixen o ciclo e aí comezou todo”, conta.

Pola mañá encárgase de revisar os animais e tarefas de vacunación e desparasitación. No que resta de día realiza múltiples traballos no campo coa maquinaria.

Durante todo o ano traballa unicamente con seu pai. Cando é momento da recollida de grelos e fabas contratan persoal a través da cooperativa Terras da Mariña.

Cre que o campo é un sector que non está recoñecido como debería. “Actualmente o máis duro é o tema económico. Subiron moito os cereais, a electricidade, gasoil, e hai que axustar as contas para vivir relativamente ben”, di.

Aprecia que hai moita xente nova que opta polo campo e así consolídase o relevo xeracional pero á vez hai explotacións que están pechando. “Ahora mesmo está todo bastante complicado, se xa o tes montado podes conseguir saír adiante pero empezar cunha explotación de cero véxoo case inviable”, pensa.

Antonio considera que sempre hai formas para desconectar. “É un traballo duro pero a clave é a organización. O malo é que non tes un horario fixo. Dependes de ter outra persoa e para iso canto máis persoal haxa mellor”, asegura Antonio.

Con tan só vinte anos, na súa mente ten a idea de seguir medrando e poder crear postos de traballo estables, non só en campañas. “Tamén me gustaría modernizar as instalacións”, engade.

“É un sector que hai que manter vivo; alguén terá que traballar nel”
Andrea Canosa. 23 anos - Explotación de vacas de leite

Dumbría. Na casa de Andrea sempre houbo vacas. A pesar de que tomou a decisión de estudar o ciclo de técnico en Farmacia e de que xa conseguira traballo tras finalizalo, en abril de 2020 e con tan só 21 anos, propúxose coller o mando da explotación de vacas dos seus pais. “O campo foi algo que sempre me gustou. Sabía que acabaría nesto pero non pensei que tan nova”, conta.

Andrea encárgase da recría, das vacas secas e do papeleo. Os días que libra algún dos tres empregados que ten actualmente, tamén se adica á muxidura. Teñen 300 cabezas de gando, das que muxen a metade. Para axilizar este traballo, ten pensado montar dous robots a principios do vindeiro ano. “É algo que me plantexei dende un primeiro momento para non ter unha vida tan amarrada. Trátase doutro método de traballo, no que hai que estar presente igualmente pero teño máis facilidade para poñerme a turnos cos obreiros e así dispoñer de máis tempo libre”, comenta.

A dumbriesa ve neste sentido que o máis duro da explotación é esa esixencia de ter que estar todos os días. “As vacas teñen que comer a diario e hai que muxilas todos os días”, engade.

Este ano, para ampliar coñecementos plantexouse cursar o ciclo superior de Gandaría no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, en Boqueixón. Antes de ir para clase, sobre as seis da mañá, pasa pola granxa darlle o leite aos becerros e polas tardes, volve acercarse á explotación para realizar as demais tarefas. “Agora que empezo cos exames igual se me fai un pouco costa arriba, aínda que malo será que non poida con todo”, di.

Considera que o campo ten futuro. “É un sector que temos que seguir mantendo vivo. Todos queremos comer e dalgún lado ten que salir o alimento e alguén terá que traballar nel ”, manifesta.

Con obreiros responsables pensa que é posible ter unha organización para poder librar algún día. “Agora o traballo duro en si non é como cando estaban os nosos avós, que había que facer todo a man. Agora a maquinaria facilita moito as cousas”, di. Así espera poder robotizar todo o que se poida nas instalacións.

Como aspecto negativo e que mantén en alerta ao sector lácteo está o tema dos altos costes de produción que sobrepasan o que se lle paga polo litro de leite aos gandeiros. “Chega un momento no que te plantexas se realmente compensa continuar nisto. Seguiremos loitando día tras día por un prezo digno que creo que merecemos”, asegura.

“Con meu avó tiña 27 hectáreas e agora hai plantadas unhas 110”
Cristian Rivero. 23 anos - Cultiva cereais, patacas e cebolas

Xinzo de Limia. Cristian estudou o ciclo medio de Produción Agropecuria e posteriormente o ciclo superior de Paisaxismo e Medio Rural no EFA Fonteboa de Coristanco. O seu avó tiña unha explotación de cereais, patacas e cebolas, e tras xubilarse el quedou ao mando de todo, xunto coa súa moza. “Ela estivo toda a vida en Ginebra, xa que os seus pais son de Suiza, e estudou en Mánchester unha carreira de Banca e cando nos coñecimos veu vivir para Galicia. Ela leva as contas e tamén me axuda no que pode”, explica.

Xa mentras estudaba aproveitaba as fins de semana para estar en Xinzo, onde naceu e vive actualmente, para realizar os traballos pertinentes. “O ano pasado rematei os estudos e ao adicarme exclusivamente a isto todo medrou moi de golpe”, apunta.

No seu caso, as tarefas a levar a cabo dependen moito da época do ano. Agora de inverno están pelando cebolas na nave. No verán adícanse a empacar a herba e palla, chegaron a facer unhas 40.000 pacas anuais.

“Si che gusta non hai nada duro”, afirma. Hai días nos que non sabe a que hora vai rematar o traballo. “No verán se sabes que ven a choiva podes estar coa sementeira ata as cinco da mañá”, sinala. Considera que todos aqueles menores que opten polo campo “teñen que ter claro que é o camiño a seguir”.

Cristian aprecia que na agricultura resulta máis fácil organizarse para dispoñer de ocos libres que na gandería. “Os animais requiren moito máis tempo. Aínda que meu avó tiña vacas de leite a min nunca me tirou esa opción”, asegura.

Están en proceso de conseguir etiqueta. Mentras, todo o que cultivan e posteriormente recollen véndeno a almacenistas. “Recollemos 160.000 kilos de cebola este ano, temos plantadas dúas hectáreas de Kennebec, de cereal unhas 27 hectáreas con centeo, trigo e avea”, cifras que consegue grazas a implicación diaria. A maiores teñen sobre cen hectáreas de pradeira para herba seca que venden para Portugal. “Con meu avó tiña 27 hectáreas e agora hai plantadas unhas 110 hectáreas”, engade.

O seu obxectivo é seguir crecendo. De feito teñen en mente crear a súa propia tenda online para a venda de cebolas. Á súa contra está a situación económica. “Nótase moito a suba do gasoil, que coincide cunha baixada no prezo dos produtos que vendo”, afirma. Neste sentido reitera que é difícil facer cálculos e que todo varía segundo o mes. “Temos unha leira de cabazas, e o mércores veu o granizo e estropeounas todas”, pon como exemplo.

14 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Foz
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.