Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O castelán é a lingua máis usada en Galicia en todos os ámbitos sociais

Preto do 30% dos menores de 20 anos ou non sabe ou ten dificultades para expresarse en lingua galega, segundo o INE

A situación do galego non semella que esté mellorando nin que o vaia a facer no futuro próximo, tal e como reflicten os datos recentemente publicados polo Instituto Nacional de Estatística, segundo os que queda constatado que,en Galicia, o idioma que máis se emprega en todos os estratos sociais é o castelán, así como que case un 30% das persoas menores de 20 anos ou non sabe ou ten dificultades para expresarse en galego.

Tal e como reflicten os datos publicados o pasado día 20, ogalego non é a lingua máis empregada nin no eido familiar, nin coas amizades ou no traballo. En familia, empregan sempre o castelán 1.145.671 persoas, dunha poboación total de 2.638.532 persoas, isto é, o 43,4%. No tocante ao galego, esta cifra descende ata os 918.125 falantes, o 34,79%. Asemade, 1.236.730 persoas din falalo ‘frecuentemente’ ou ‘a veces’, un 46,87%. Pola súa banda, nunca falan galego no eido familiar un total de 483.677 persoas, o 18,33% da poboación, fronte aos 425.710 residentes en Galicia.

Coas amizades, a diferenza é aínda maior. ‘Sempre’ empregan o galego 755.468 persoas, un 28,63%; ‘frecuentemente’, 682.341, un 25,86%; e ‘a veces’ fálano 744.680, un 28,22% do total de persoas. Finalmente, 17 de cada 100 residentes en Galicia, 456.044 persoas, nunca empregan a lingua co seu círculo de amizades. No tocante ao castelán, emprégano sempre un 41,51% da poboación, frecuentemente un 23,46%, a veces un 23,42% e nunca un 11,59%.

Finalmente, no eido laboral tamén o castelán é a lingua predominante, empregada sempre un 37,89% frente a un 24,33% que usan o galego. Pola súa banda, nunca falan galego no traballo un 20,06% da poboación. Nestes dous ámbitos socia tamén se emprega menos o galego ‘sempre’ canto menor a idade.

Son datos precupantes, pero non sorprendentes, como explica Marcos Maceira da Mesa Pola Normalización Lingüística. “Os datos que o INE publicou en 2011 e que logo o IGE trasladou en 2014 viñan indicando algo semellante”, indica, pero que “en todo caso constata algo que se vén denunciando dende hai moito tempo, dende antes de que os datos comezasen a marcar tan claramente o desequilibrio do galego”.

Unha cuestión que, segundo explica, está directamente relacionada con que “os espazos nos que se pode empregar o galego con normalidade son moito inferiores en relación ao uso social real do galego”. “Na administración, na xustiza, no lecer, no ensino... a porcentaxe da presenza do galego é moitísimo inferior”, continúa, ao uso que se fai realmente da lingua nos diferente eidos sociais.

“Increíble que resista”. “O que parece increíble é que, a pesar de todo iso, o galego resista”, admite, e que “mesmo haxa datos” positivos como que “as persoas que escriben en galego se estean a incrementar”. Unha cuestión que relaciona con que está a aumentar a conciencia sobre a situación da lingua orixinaria da nosa comunidade.

“Iso pode permitir revertir a situación do galego, mais de pouco vale sen o acompañamento por parte dos poderes públicos que, en 40 anos, parece que non tiveron ningún tipo de iniciativa nin planificación para que a situación do galego fose hoxe outra moi diferente da que é”, critica Maceira.

Neste senso, unha denuncia que vén de longo por parte da Mesa é o incumprimento do Plan Xeral de Reposición do Galego de 2004, “que non se está aplicar”. Explica Marcos Maceira que “non se está a facer nada” para que “o galego teña presenza e posibilidade real de uso”.

“Un exemplo disto é que, hoxe en día, é prácticamente imposible ter un seguro, ben sexa de coche ou de fogar, en galego”. “Hai pouco”, engade, “un cidadán a través da Mesa consegiu que Alianz, por vía xudicial, lle dese a póliza en galego”, o que pon de manifesto as poucas posibilidades de uso que se dan no día a día a aquelas persoas que si queren empregar a lingua.

“Isto non ten ningún sentido”, asegura Maceira, que non consegue comprender como a administración da nosa comunidade “aínda contrate seguros que non están en galego”, sobre todo tendo en conta que “facéndoo permitiría que todo o mundo tivese a opición de galego nas súas pólizas de seguro”.

É un exemplo de moitos que dende a Mesa Pola Normalización Lingüística levan tempo poñendo sobre a mesa, como na xustiza, onde “aínda hoxe en día é moi dificil que os empregados poidan traballar en galego porque o programa informático non llo permite”,

Menores de 20 anos. Tamén é preocupante, indica, a situación no ensino, onde “é evidente que hai unha exclusión do galego, resultado do decreto do plurinlingüísmo”. “O único resultado que se coñece son estudos coma este do INE ou mesmo da Real Academia Galega que reflicten que o descoñecemento do galego entre menores de 20 anos” acadou unha cifra “que nunca antes se produciu na historia”.

Neste senso, a Mesa criticaba hai uns días que preto dun 30% da poboación menor de 20 anos en Galicia ten dificultades para falar galego ou, directamente, non sabe. Concretamente, falan galego con dificultade ou non o falan 114.848 menores de 20, 85.096 e 29.752 respectivamente. No total da poboación, poden falar ben galego 2.191.760 persoas, un 83% da poboación. Pola súa banda, con dificultade fano 320.629 persoas (12,15%), e nada, 126.143 (4,7%).

Unha situación, en definitiva, preocupante en todos os estatos sociais, que semella augurar o declive dunha lingua tan rica e con tanta historia coma é a galega e que, tal e como expresa Maceira, precisa de máis presenza nos estratos públicos e máis posibilidade de uso no día a día das persoas que queiran botar unha man para mantela viva.

España
O inglés ocupa o segundo posto

Os datos no referente ao resto de linguas do estado non semellan mellores. Sería comprensible pensar que, nun país con tanta riqueza lingüística coma o noso, alén do castelán un dos idiomas máis empregados fose algún dos cooficiais, pero tal e como reflicten os datos do INE, o posto privilexiado de ser a segunda lingua máis empregada do noso país está reservado para o inglés, falado ben por un 14,7% da poboación, 6.775.432 persoas. O terceiro e cuarto posto están ocupados polo catalán (incluído mallorquín, menorquín, ibenco, e formenterense), falado ben por un 14,2% das persoas residentes en España (5.821.954 catalán, e 713.736 o mallorquín, menorquín, ibenco, e formenterense), e o valenciano, cun 5,6% (2.601.812). O galego, pola súa banda, está situado no quinto posto no tocante ás principais linguas faladas pola poboación en España, cun peso porcentual dun 5,2%, isto é, 2.383258 persoas. A esta, síguena o francés, cun 3,7% (1.698.525); o eúscaro, cun 2,5% (1.173.599); o árabe, 1,6% (753.635); o rumano, 1,1% (486.222)e o italiano, 1% (464.559).

24 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito