Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Centro de Terapias Avanzadas de Galicia, que revolucionará a medicina oncolóxica personalizada, estará listo en poucos meses

O tratamento a medida permitirá que o sistema inmune do paciente recupere a súa capacidade e destrúa as células canceríxenas dun xeito selectivo // Son “medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unhas taxas de resposta do 80 %”

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, coñeceu este xoves o proxecto de obra do primeiro Centro de produción de terapias avanzadas de Galicia, previsto para este ano. Fíxoo nas instalacións do antigo Instituto de Ortopedia e o Banco de Tecidos Musculoesqueléticos da USC no Monte da Condesa, que albergará o centro e no que acaban de iniciarse as obras de adaptación por parte da empresa adxudicataria, Ecofred. No acto, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado polo reitor da USC, Antonio López Díaz.

Responsables da compañía ofreceron detalles sobre a duración e as fases de execución das obras, centradas fundamentalmente na instalación e acondicionamento de salas brancas e zonas críticas de ambiente controlado como áreas de traballo adaptadas á normativa actual para a fabricación de inmunoterapias celulares avanzadas.

Prevese que as obras de remodelación conten cunha duración aproximada de catro meses, adecuando a instalación de salas brancas existente, de 200 metros cadrados, ao novo dimensionamento dedicado á produción de terapias celulares avanzadas. A Xunta investirá neste centro de vangarda preto de tres millóns de euros nas tarefas de reforma das salas brancas e das zonas de apoio á fabricación (laboratorios de control de calidade, salas de criopreservación, e espazos destinados a usos auxiliares e administrativos), na adquisición de equipamento e na contratación de persoal de alta cualificación, a cargo da Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria.

CAR-T, a máis innovadora e avanzada medicina a medida. As terapias CAR-T parten das células T. Estas células obtéñense do sangue do paciente e modifícanse xeneticamente no laboratorio, engadíndolles un receptor quimérico de antíxenos ou CAR, para, posteriormente, administrarlle as células CAR-T ao doente. Isto fai que o sistema inmune do enfermo oncolóxico poida recuperar a súa capacidade, primeiro de recoñecer a célula canceríxena, para despois destruíla dun modo selectivo. Coa posta en marcha deste centro, no que se poderán producir fármacos destinados a diversas terapias celulares, a comunidade galega sitúase á vangarda da investigación e da produción de tratamentos avanzados, cuxo obxectivo é abordar diferentes patoloxías de carácter oncolóxico. Neste senso, o conselleiro de Sanidade sinalou que estamos diante de “medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unhas taxas de resposta do 80 %”.

No transcurso do acto, o responsable do departamento sanitario da Xunta lembrou o seu agradecemento á Universidade de Santiago de Compostela pola súa cooperación neste proxecto de máximo nivel, que acollerá tanto o Centro de produción de terapias avanzadas de Galicia, como a futura Unidade de Investigación colaborativa, na que participará conxuntamente o persoal do novo centro de produción de terapias avanzadas, grupos de Investigación do sistema universitario de Galicia, ademais doutros institutos e organismos de investigación sanitaria.

Prevese que a Unidade de Investigación estea creada antes da finalización do ano 2022. Así, o seu principal obxectivo será levar a cabo proxectos de investigación que permitan o desenvolvemento de novas terapias celulares para, posteriormente, seren elaboradas no centro de produción e, de seguido, seren aplicadas nos pacientes do sistema sanitario público. Durante os dous primeiros anos de funcionamento, agárdase poder producir entre un e dous fármacos distintos en ensaios clínicos, o que poderá supoñer unha cifra de entre 50 e 100 pacientes tratados, tomando como referencia o dimensionamento dos ensaios desenvoltos ata o momento no resto do Estado. A este respecto, o conselleiro de Sanidade referiuse ao recente convenio asinado entre o Sergas, Galaria e o Hospital Clínic de Barcelona, de referencia neste campo, que senta as bases para desenvolver o primeiro ensaio clínico dunha terapia CAR-T para tratar cancros oncohematolóxicos, promovido dende a comunidade autónoma.

O Hospital Clínico Universitario de Santiago será o primeiro centro onde se administrará esta terapia, coa idea de estender o seu uso a outros centros asistenciais galegos. Os resultados da terapia CAR-T publicados ata o de agora evidencian unha grande efectividade deste tratamento en pacientes oncohematolóxicos, con altas cifras de remisión da enfermidade. Por medio destas terapias pódese conseguir que o sistema inmune do paciente recupere, mediante técnicas de modificación xenética, a capacidade de recoñecer e destruír de forma selectiva as células tumorais.

03 mar 2022 / 13:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.