Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Concello da Coruña preséntase na causa aberta no Xulgado polo caso do Fuenlabrada

O goberno local busca actuar “coa máxima contundencia” contra aqueles que “foron capaces de pór en risco a unha cidade”

O Concello da Coruña presentouse este xoves na causa aberta contra a liga de Fútbol Profesional (LFP) e contra o seu presidente, Javier Tebas, así como contra o Clube de Fútbol Fuenlabrada, polo brote de coronavirus orixinado na cidade a raíz do contaxio de varios integrantes da delegación trasladada á cidade herculina para xogar contra o Deportivo.

Segundo informou o Consistorio, os letrados municipais xa entregaron o escrito de comparecencia por mor da denuncia da Fiscalía, que foi engadida ás dilixencias previas que se están instruíndo no Xulgado número 6 da Coruña para analizar posibles responsabilidades penais na actuación da LFP e do clube.

A Fiscalía, que actuou a instancias do Concello a raíz da viaxe do club con varios positivos por COVID-19 á cidade, xa presentou a súa denuncia polos feitos no xulgado, unha querela que se incluíu no procedemento aberto e asignado ao número 6 da Coruña.

Será este xulgado o que se faga cargo dos feitos e asuma a investigación acumulada tanto da denuncia presentada por particulares como da que tramitou a Fiscalía a instancias do Concello.

A "MÁXIMA CONTUNDENCIA"

O goberno local busca así actuar "coa máxima contundencia" contra "aqueles que, movidos por intereses espurios, foron capaces de pór en risco a unha cidade e realizar unha viaxe aínda sabendo que na súa expedición figuraban persoas que supuñan un risco evidente de difusión da enfermidade", destacan desde o municipio.

O Concello entende que a LFP debería impedir que a expedición tivese saído de Fuenlabrada. "Con todo, o equipo viaxou igualmente sen comunicarlles a súa situación ás autoridades sanitarias e pondo en risco a todas aquelas persoas con que se cruzaron durante a viaxe", lamentan.

A alcaldesa, Inés Rey, avanzou que o Concello da Coruña "irá até o final" na esixencia de responsabilidades, mesmo pola vía penal, contra "todos aqueles que xestaron, sendo coñecedores do risco, o que se convertería no primeiro gran rebrote na Coruña, con consecuencias para a economía dunha cidade que está a realizar un gran esforzo por recuperarse da pandemia". "Non vou tolerar que ninguén poña en risco a saúde dos coruñeses obedecendo a intereses que consideramos ilexítimos e inxustificados", engadiu Inés Rey. EUROPA PRESS.

06 ago 2020 / 20:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.