Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“O congreso de Intelixencia Artificial é único no mundo”

En que se resume o ECAI 2020 (European Conference on Artificial Intelligence)?

Todos os campos científicos e de desenvolvemento tecnolóxico teñen congresos anuais onde se tratan os temas que dalgún modo están no que se pode chamar a fronteira do coñecemento ou do desenvolvemento teconolóxico dese campo. Este é o caso de ECAI: cada dous anos ocorre este congreso, dos máis importantes de Europa pero con grande presenza mundial e aborda, a través de resultados de investigación moi recentes, ponencias científicas dos maiores expertos mundiais ou mesas de debates que tratan temas ao redor da Intelixencia Artificial.

Canto dura este congreso?

O contido, é dicir, o núcleo principal, comeza o domingo pola tarde e continúa ata xoves tamén pola tarde. Pero tanto antes como despois hai toda unha serie de contidos que se constrúen baixo ese paraugas da conferencia principal: tutoriais sobre temas específicos onde asiste a xente que se quere formar mellor e coñecer con certo detalle ámbitos da IA que neste momento son máis prometedores ou teñen maior potencial de aplicación; mini congresos cun número pequeno de presentacións de traballos científicos pero en torno a temas hiperespecializados; e ademais, este congreso coida moito a investigadores en formación (a doutorandos), que están desenvolvendo a súa tese, polo que teñen contidos específicos para eles tanto formativos como de presentación dos seus traballos. Digamos que hai un acto central dende domingo a xoves pero hai un conxunto de eventos satélites antes e despois. Dura dende o 29 ata o 8.

Que tipo de xornadas hai?

Hai de todo: dende conferencias plenarias ata por exemplo contidos orientados ao que se chama ‘transferencia de investigación’ (que denominamos from lab to market) onde hai conferencias que abordan específicamente os retos que supón levar os resultados da investigación de IA a un producto, a unha solución tecnolóxica, a un servizo ou a unha empresa. Hai, por exemplo, unha competición baseada en IA: houbo unha chamada internacional na que se presentaron un número significativo de empresas, seleccionáronse 10 (unha delas está neste momento en incubación no CiTIUS) e estas van competir diante dun xurado internacional de expertos por acadar o primeiro premio. Hai un elemento con certo valor económico para a gañadora pero sobre todo lévase o valor e recoñecemento público a nivel internacional sendo unha empresa que se está creando.

Ao final, o conxunto de actividades é moi grande. Para facernos unha idea, hai máis de 500 horas de sesións que evidentemente ningúen vai poder ver ao tempo: algunhas discorren en paralelo. Pero o máis interesante é que, ao ser un congreso dixital, todo se grava e por tanto todo queda dispoñible para que unha vez rematado o congreso, toda persoa poda acceder ao conxunto de contidos. Unha das filosofías que ten a Asociación Europea para Intelixencia Artificial, a que auspicia este congreso, é que o coñecemento froito da investigación sexa o máis aberto posible. E nós imolo facer.

E, debido á natureza dixital deste congreso, como se farán os eventos sociais típicos destes programas?

Isto é algo moi interesante. O congreso ía ser presencial en xuño en Santiago e ían vir máis de 1.000 persoas de todo o mundo, e así o deseñamos e preparamos durante meses. Cando estaba todo practicamente listo, a moi poucos meses pasou o que todos e todas sabemos. Entón, primeiro adiámolo porque ao comezo todos pensabamos que ía ser unha cousa liviá, pero despois decidimos que, a pesares de que a maior parte dos congresos programados para este ano foran aprazados; nós, que xa tiñamos recibido máis de 1.500 artigos científicos que pasaran unha selección moi dura para ser presentados no Congreso e supoñía unha decepción enorme para quen xa fixera o esforzo de enviarnos os seus mellores traballos de investigación, non quixemos demoralo.

Que fixeron entón?

Reinventamos o congreso e convertímilo nun dixital. Claro, a maior parte dos que están facendo isto, simplemente se limitan a resolver o tema da presentación de traballos científicos e punto, esquecéndose de innovar. Pero nós non queriamos quedar aí, porque que este congreso que se vén realizando dende 1974 e que pasou polas máis importantes cidades de Europa, viñera a Santiago, era un absoluto luxo. Pensaba que todo isto se ía perder e entón deseñamos unha serie de eventos sociais en torno ao Camiño, ao Pórtico da Gloria e os seus instrumentos, a historia da universidade e gastronomía galega, que serán en vivo e interactivos. O de peche, concretamente, será sobre a gastronomía galega e nel visitaremos o mercado da Praza de Abastos en tempo real. Despois intégrase no directo unha pregravación de chefs coñecidos que preparan pratos en exclusiva para o congreso. Tras isto pode charlarse co público, que poderá facer preguntas sobre o que viron, sobre as recetas, etc, a través dun chat. Creo que dentro dun congreso cientídfico, isto é único no mundo, non o podo afirmar pero ata onde vexo, somos completamente innovadores.

No congreso abordarase que a intelixencia artificial debe estar ao servizo das persoas, como pode axudar co covid-19?

A propia detección do primeiro brote en Wuhan do cornavirus fíxoo un programa informático de intelixencia artificial dunha compañía canadiense que explora toda unha serie de variables e documentos que se producen no mundo e analiza a información que está ao seu alcance a través de programas que se chaman ‘de recoñecemento da linguaxe’: entran dentro de contidos dixitais dun xornal, dun BOE, etc, escanéanos, interprétanos e buscan elementos representativos do que están tentando detectar. Así viuse que había algo raro: unha serie de pacientes en números significativos en Wuhan, que sufrían un tipo de neumonía extraña. Pero despois, xa durante esta triste pandemia que estamos vivindo, estanse aplicando sistemas de intelixencia artificial para unha detección temperá da enfermidade en análises de radiografías de torax ou a través do audio; no deseño rápido de vacinas ou en sistemas baseados en bluetooth dos móbiles para o rastrexo de contactos.

A intelixencia artificial é unha tecnoloxía trasversal e entón era lóxico que aparecese en multitude de proxectos de investigación e desenvolvemento que hai arredor da pandemia do coronovaris.

unha longa traxectoria

Catedrático da área de Ciencia da Computacióne Intelixencia Artificial dende 1995, Senén Barro é o presidente do comité organizador de dita edición de ECAI, esta nova Digital ECAI 2020. Esta Conferencia Europea bienal sobre Intelixencia Artificial ( ECAI ) é a conferencia líder no campo da Intelixencia Artificial en Europa , e comúnmente inclúese xunto coa IJCAI e AAAI como unha das tres principais xerais de intelixencia artificial en todo o mundo. A serie de conferencias celebrouse sen interrupción dende 1974, orixinalmente baixo o nome de AISB. As convencións lévanse a cabo baixo os auspicios do Comité Coordinador Europeo de Intelixencia Artificial (ECCAI) e organizadas por unha das sociedades membras. A revista AI Communications patrocinada pola mesma sociedade, publica regularmente números especiais nos que os asistentes á conferencia informan sobre esta.

29 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito