Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Isabel Coles e o ‘Pulitzer’ Manu Bravo poñen para o xornal económico ‘WSJ’ o declive demográfico da vella Europa en verbas e imaxes, con Galicia no foco da caída... e da esperanza. TEXTO Iago Antón

O día no que Wall Street se fixou en San Xoán de Río

San Xoán de Río pertenece á comarca de Terra de Trives, na provincia de Ourense, ainda que moi cerca da de Lugo. É o interior do interior de Galicia. A unha altitude media de 875 metros do nivel do lexano mar, nos seus 61,1 km² de superficie habitan pouco máis de medio milleiro de habitantes, 505 en concreto. A inicios do pasado século XX eran 3.630; en 1981 caían a 2.755; ao actual milenio xa se chegou por debaixo do milleiro... Unha dinámica que ven de espertar o interese dun dos medios máis relevantes no mundo da economñia mundial, o Wall Street Journal, que non dubidou en documentar e publicar a loita do rural galego.

‘Para pobos en perigo de extición, a pandemia ofrece novos desafíos e esperanza’ é o titular co que a corresponsal durante 10 anos en Oriente Medio do citado WSJ, Isabel Coles, e o fotógrafo gañador dun premio Pulitzer Manu Bravo describen a historia e futuro da zona mais avellentada de Europa. Os dous profesionáis, acostumados a reportaxes de guerra, chegaron a un lugar de Europa que perdeu máis do 80 % da súa poboación –cifras que non se produciron en ningún país do mundo en guerra– e que por primeira vez dende 1950 logrou aumentar a poboación. Un lugar no que por cada nacemento hai 20 mortes, datos similares aos que se darían nun conflicto bélico “pero na que soamente está un bando que únicamente loita pola súa supervivencia”.

Xosé Miguel Pérez Blecua é o alcalde de San Xoán de Río, quen explica nun comunicado que “o WSJ, xornal económico, tiña moi clara a reportaxe”. Recolle que Europa é o continente mais avellentado do mundo, con 44 anos de idade media, e en 2050 esta media subirá ata os 48 anos. “San Xoán de Río e outros concellos do rural ourensán superamos os 63 anos de idade media, debido en gran medida á lonxevidade da nosa xente, pois un 10 % da nosa poboación pasa dos 90 anos e os centenarios son unha normalidade na zona”. Sostén que unha viaxe a San Xoán de Río sería unha viaxe ó futuro de Europa, “mais a realidade son as verbas desta triste reportaxe”.

Recórdase como “hai 40 anos todas as parroquias tiñan unha escola, tenda, bar, nenos nas aldeas, etcétera, eramos mais de 3.000 veciños, pero colapsou, ou fixeron colapsar, o sistema rural, obligando a unha emigración forzosa ás cidades ou zonas industrializadas á maioría dos nosos veciños”. Foise producindo o peche “de todas as escolas e comercios das nosas parroquias, e dende fai algo menos de tempo, tamén todos os servizos e comercios na capital municipal, ata o punto de a día de hoxe quedar únicamente un bar, unha tenda de ultramarinos, unha farmacia, o centro de Saúde, a residencia e dúas panaderías”.

De aí que na actualidade “a empresa mais grande do noso concello e da maioría do noso contorno son as residencias de maiores”. O traballo público nos concellos “é outra das poucas oportunidades que ten a xente que quere seguir vivindo aquí”. Segundo o rexeder, “somos unha zona que se olvidaron de industrializar, xa non é que non teñamos ferrocarril ou vías de alta capacidade: incluso tiñamos unha nacional, a N-120, e a perdemos”.

Pero Pérez Blecua fai como no reportaxe de WSJ e cambia o paso. “Podemos seguir laiándonos ou traballar para mudar esta situación”. Pon en valor que por primeira vez dende 1950 “aumentamos en poboación”, e que xunto aos “500 heroes que se resisten a abandonar o noso concello e que temos que protexer dándolle os mellores servizos para evitar a súa emigración”, hai “moita xente que, dándoselle a oportunidade, voltaría o rural”.

Considera o alcalde que “esta reportaxe vai dar a coñecer a nosa historia a todo o mundo” e é un “SOS Rural para os nosos dirixentes, persoas que toman as decisións que nos afectan terán que escoitarnos”. Buscan atraer investimentos e futuro. “Demostramos nesta pandemia que se pode cambiar a tendencia, que hai que atraer o talento ao rural e que podemos mudar este sistema que quere concentrar o 80 % da nosa poboación no 15 % do territorio.

11 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito