O espírito emprendedor galego resiste á crise do coronavirus
A taxa de actividade sufriu un lixeiro parón na comunidade no peor ano da pandemia pero as expectativas de recuperación son boas
![isabel Neira, directora técnica do proxecto GEM sobre a actividade emprendedora. Foto: P.F. isabel Neira, directora técnica do proxecto GEM sobre a actividade emprendedora. Foto: P.F.](http://www.elcorreogallego.es/binrepository/901x601/0c94/900d506/none/102922340/TAER/imagen-isabelneira-def_422-4744794_20220118214812.jpg)
A crise da covid-19 provocou un lixeiro parón da actividade emprendedora, situándose a taxa de actividade emprendedora (TEA) en Galicia en 2020 nun 4,3 %, mantendo as mulleres, como xa sucedera en anos anteriores, un impulso emprendedor (5 %) superior ao masculino (3,5 %).
Así aparece reflexado no Informe Executivo GEM Galicia 2020-2021 no que se realiza un seguimento da actividade emprendedora na comunidade a partir de datos recollidos en setembro de 2020.
Dende GEM Galicia destacan a capacidade dos galegos e galegas para adaptarse ás situacións adversas con resultados positivos, xa que un 7 % da poboación mostraba intención de emprender nos próximos anos. “Estes datos, obtidos nun momento de total incerteza, permiten ser optimistas no proceso de recuperación da actividade emprendedora”. Esta foi a mensaxe que trasladou a directora técnica do proxecto GEM, Isabel Neira, durante a presentación dos resultados do informe do que se informou este martes.
Perfil: Persoas en idade adulta con estudos O estudo identifica tamén o perfil da persoa emprendedora en Galicia. A idade media sitúase en torno aos 40 anos, aumenta a porcentaxe que posúe estudos de formación profesional e superiores (o 43 % dos emprendedores e o 39 % no caso das emprendedoras), e nas iniciativas nacentes tamén destaca a porcentaxe dos emprendedores/as con estudos de posgrao (un 28 %).
As persoas emprendedoras presentan grandes doses de iniciativa e inquietude. En concreto, un 15 % esperaba xerar emprego en plena pandemia, momentos nos que a metade da actividade estaba paralizada, e o 19 % das súas iniciativas presentaban un marcado carácter innovador.
A falta de oportunidades no mercado de traballo, principal motivo para emprender Un dos cambios máis relevantes nun ano singular, foron as motivacións que lles levaron a emprender a estas persoas. Sete de cada dez iniciativas indicaban que a falta de oportunidades no mercado de traballo é unha das motivacións para desenvolver o seu proxecto, descendendo de modo considerable aquelas que nacen coa idea de marcar unha diferenza no mundo, dende o 35 % en 2019 ata ó 21 % en 2020. Ademais, a tradición familiar, que motiva a un 28 % dos emprendedores, segue a ser un dos motores das iniciativas.
Os emprendedores galegos son, en xeral, persoas que declaran ter habilidades e coñecementos para emprender. Neste sentido Galicia atópase por riba da media doutros países. Máis da metade manifestaban a súa intención de seguir xerando emprego, e ao redor dun 20 % puxo en marcha innovacións en produtos e servizos, e 15 % no caso de innovación en procesos.
Menos ingresos e máis dificultades O impacto da covid-19 supuxo para as iniciativas emprendedoras unha importante diminución de ingresos (no 58 % dos casos), máis dificultades na creación de empresas e dun xeito máis acusado nas de menos idade (76 %), un empeoramento das súas expectativas. Chama a atención que o 34 % dos propietarios de empresas xa consolidadas vían oportunidades durante a pandemia.
Máis medo ao fracaso entre a poboación en xeral Non obstante, o medo a fracasar e a percepción de poucas oportunidades para emprender continúan a ser os principais freos a actividade emprendedora, aínda que de xeito menos acusado entre as persoas emprendedoras. Entre a poboación en xeral, o medo ao fracaso é dun 65 %, mentres que entre as persoas emprendedoras baixa ao 52 %; no que respecta á percepción de oportunidades para emprender, o 17 % da poboación percibe oportunidades, mentres que entre os/as que xa emprenderon sube ao 19 %. Ademais, este índice é mais acusado no caso das mulleres, que perciben mais dificultades, aínda que, finalmente, alcanzan as mesmas ou superiores taxas de emprendemento.
![](http://www.elcorreogallego.es/binrepository/400x600/0c26/400d225/none/102922340/JLUU/galicia-7-2_422-4747331_20220118210735.jpg)
Beatriz Cibreiro creou ComunicArte Asesoría no ano 2017 en Santiago, cidade á que regresou despois de varios anos traballando noutros lugares. Trátase dunha marca que se adica á asesorar, xestionar, mentorizar e formar en ámbitos de comunicación, relacións públicas e marketing a entidades, empresas, autónomos e emprendedores, co obxectivo de que gañen en visibilidade e conexión cos seus públicos.
É autónoma, pero dende o principio momento traballou cunha rede de colaboración. “Na miña filosofía de traballo a colaboración e a creación de sinerxias con outros profesionais, sobretodo autónomos, é fundamental xa que permite, por un lado, crear lazos con profesionais diferentes e ser máis áxil, e por outro, ofrecer un servizo de maior calidade. De feito, esta tendencia de traballo colaborativo era algo residual cando empecei e cos anos confirmouse que é a tendencia do futuro”, dixo Cibreiro a este medio.
Aínda que moitas empresas tiveron grandes dificultades dende que se decretou o estado de alarma en marzo de 2020, ela viviu algo moi distinto e favorable. “As dúas primeiras semanas foron de desconcerto e parón xa que moitos dos proxectos no que participaba tiveron que parar e replantexar como facelo. No meu caso, moita carga de traballo en formacións en empresas e entidades, o cal se paralizou. Os autónomos estamos acostumados a traballar coa incertidume pero este era un contexto totalmente novo. Unha vez pasadas estas dúas semanas de adaptación, todo empezou a funcionar de novo, eso si, en formato dixital o 100 %”, sinala.
No seu caso, a formación, mentorías e asesorías podíase pasar todo a este formato o que lle facilitou moito o traballo e puido aceptar proxectos que antes serían inviables.
“O 2020 foi un ano no que a facturación aumentou con respecto a anos anteriores, pero non se pode decir o mesmo de todas as empresas. Está claro que a capacidade de adaptación e de acción marcaron a diferenza entre as empresas que se mantiveron ou saíron reforzadas desta época, que non foron poucas, das que non conseguiron facelo. De feito coñezo exemplos de diferentes sectores nos que a acción e toma de decisións marcaron a diferenza entre manterse ou non”, afirma. Asegura que para os autónomos é fundamental ser activos e participar en encontros, foros, networking.... algo que a pandemia eliminou totalmente. “As oportunidades de negocio cambiaron e non todas as empresa souberon como acomodarse. Neste caso, a falta de interacción social física, sí que se botou en falta”, asegura.
En base á sua experiencia Cibreiro considera que o cambio ao mundo dixital foi un adianto importante, dando pé a novos servizos, colaboracións e maior aposta polas redes sociais.