Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O inferno das orquestras de verbena: “Ver homes curtidos chorar de desesperación é moi duro”

Dramático S.O.S. de 150 empresas galegas a piques de desparecer que precisan axuda urxente para aliviar cargas financeiras // Por riba de todo queren traballar e afirman estar preparadas para ofrecer espectáculos musicais alternativos con todas as garantías sanitarias fronte a COVID

    Cargando reproductor ...

‘Desesperación’ é a palabra que, en conversa con este xornal, arrastra unha e outra vez Alberto Dopico, presidente da Asociación de Empresarios da Verbena Galega (Asevega), ao describir o presente do sector; ‘desesperación’ é tamén é o inferno no que hoxe están atrapadas unhas 150 orquestras galegas cos seus arredor de 2.000 traballadores e traballadoras en estado de parálise absoluta desde que empezou a crise sanitaria, en marzo do pasado ano. Empresarios que antes distribuían espectáculo nas miles de festas que empapan a Galicia de sempre, a de raíz, hoxe vense obrigados a xestionar unha precariedade que medra cada día e que xa é monstrosa. “Ver chorar homes grandes e curtidos é moi duro”, confesa Dopico. Afogados polos compromisos financeiros e tributarios, chegaron a ter que pedir novos créditos para pagar outros vellos que vencen, todos eles, cada fin de mes, que están avalados co seu patrimonio persoal e que hai que aboar relixiosamente. Agora están no punto crítico: hai que facer algo xa para evitar as quebras, a morte do sector.

Nestes momentos tan decisivos como incertos convén ter as cousas claras. Así o entenden as xentes das verbenas. Por iso Alberto Dopico define con precisión que é o que necesitan para sobrevivir. Primeiro, que a administración autonómica os axude a renegociar cos bancos as obrigas financeiras. Trátase de evitar que a asfixia económica os tumbe de contado. Iso xa sería un gran paso. En segundo lugar, que as corporacións municipais de Galicia entendan e asuman, de cara a recuperar a organización e contratación, que as verbenas non teñen que, necesariamente, ir da man das aglomeracións, os bailes e as barras, algo incompatible agora mesmo coas normas sanitarias. Dopico pon o acento en que as orquestras de Galicia están totalmente preparadas para ofrecer espectáculos musicais alternativos en directo, con audiovisual e con formato máis televisivo para todo tipo de públicos e cun cumprimento rigoroso das normas de seguridade anticovid. E que, ademais, obteñen moi boa resposta, segundo a súa propia experiencia. Público sentado, separado, con organización ordenada de entrada e saída dos recintos... o que sexa necesario para cada caso.

Dúas asociacións empresariais deste sector, a Asociación Galega de Orquestras (AGO) e a mencionada Asevega, en sintonía total na batalla polo futuro e que representan un 80% do sector segundo Dopico, van manter unha reunión con responsables da Consellería de Cultura previsiblemente o vindeiro día 21 deste mesmo mes. No horizonte, conseguir un respiro para xente do sector. Recoñecen que a interlocución coa Xunta é fluída e séntense atendidos. Habilitáronse axudas das que puideron beneficiarse arredor de 50 empresas e que foron moi ben recibidas, aínda que “non deixa de ser un parche”, di Dopico antes de asegurar con firmeza que en realidade non queren subvencións, “o que queremos é traballar”.

Son pequenas empresas que viven no miolo da personalidade galega, na alegría da festa e no talante familiar e de reunión social con maiúsculas, que ademais promoven actividades indirectas que crean moita riqueza. Metidas de cheo na celebración á que máis gusta asistir e que agora está mutilada pola pandemia. Comenta Alberto Dopico que esas aproximadamente 150 orquestras teñen unha media de 14 ou 15 traballadores, contando artistas, condutor de trailer, montadores, técnicos de son e de imaxe. As máis grandes, con máis persoal, poden facturar 800.000 ou 900.000 euros e teñen actividade durante todo o ano. No conxunto, a media de ingresos anuais ronda os 250.000 euros e, en xeral, operan nos cinco meses do tramo estival. No inverno preparan as xiras do verán, con investimentos para remodelar escenarios, preparación de repertorio, ensaios...

19 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.