Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
educación. As papelerías e librerías notan un descenso nas compras, mais esperan ansiosas por un setembro cunha maior demanda // Pais e nais prefiren esperar a mercar os materiais por se a situación epidemiolóxica e sanitaria empeora e se pechan os centros educativos TEXTO Paula Pérez Cantelar

O material escolar á última hora

A volta ao cole para nenos e nenas está dobrando a esquina (xa que quedan escasas dúas semanas) mais antes que ela chega certa indecisión para as familias. Dita inseguridade xérase porque, a pesares de ter sido estipulado polas autoridades pertinentes que as clases serán presenciais tomando medidas e actuando con protocolos aprobados por expertos e especialistas sanitarios, as familias non saben a ciencia certa se os seus nenos e nenas poderán volver 100% asegurado e co 100% da seguridade aos centros, pois pode darse un segundo confinamento e, por conseguinte, unha nova docencia telemática que non ten por que ser asimilada facilmente por moitos núcleos familiares con diversas situacións e casuísticas.

Desta incerteza derivan varias cuestións: que lle deben comprar os pais e nais aos seus fillos/as? Deben priorizar a adquisición de materiais convencionais coma libretas e bolígrafos ou é preferible unha tablet e unha boa conexión Wi-Fi para dotarse de posibles e necesarios recursos on-line para o novo curso?

Este medo e vacilación retrasa pois, ata o último momento, os gastos en materiais escolares, algo que se nota considerablemente dende as propias papelerías e librerías.

Á papelería Xaquín, en Santiago de Compostela, están indo algunhas familias, “pero non moitas”. Estas, afirman dende o local, son as previsoras de todos os anos que queren evitar o balbordo e aturullo dos primeiros días de setembro onde estes establecementos “non dan abasto”. Afirman que “non detectamos o apuro ata primeiros de setembro”, mais “estamos preparados coma todos os anos e esperamos ter sorte e ter unhas vendas parecidas a outros”, aínda que o dubidan. Pese a isto, mantéñense traballando neste mes e esperan que os primeiros días de setembro, aínda que a última hora e con moito agobio, teñan máis compras, pois cren que hai materiais (como cadernos ou utensilios de escritura) que os nenos e nenas sempre van precisar. Con todo, despois do 20 de setembro, poderán realizar comparativas con exercicios anteriores, e a pesares de que se manteñen expectantes, con ganas e con esperanzas, coidan que atravesarán un notable descenso.

“Temos menos compras que outros anos”, afirman dende Lápiz Papel Tijera na capital galega, e de feito non venderon “nin unha cuarta parte dos libros de texto”. Son conscientes de que aínda non chegou o momento forte desta volta ao cole, pois esta dáse a mediados de setembro, pero ven de igual modo unha baixada moi grande xa agora. “Débese a que a xente non sabe aínda se os nenos e nenas irán ao colexio ou non”, cren, e de feito, moitos pais e nais aseguráronlle que andan a esperar á última hora por se acaso a docencia é finalmente on-line e así non gastar innecesariamente nalgo ao que non lle sacarán partido. Sopesan que non só será unha peor campaña por esta indecisión e medo, senón tamén porque “moito material do ano pasado non se usou” e por conseguinte, non necesita de renovación.

Así, aseguran: “Veñen pais con listas que lles dá a escola e compran materiais como rotuladores, xogos de regras, etc”, pero “de momento moito menos que outros anos”. Como conclusión, pechan aclarando que por mor desta situación, atópanse “nunha economía de supervivencia”, sufragando custos.

Outras, como Carlín, tamén na capital de Galicia, achegan que o que máis se está a vender son mochilas, axendas, libretas, ademais das clásicas reservas de libros de texto. Aseveran que se nota un patrón de compra similar entre varias familias: van pouco a pouco a mirar material que lles poida gustar e facer falla e van comprando tamén paseniño. Incluso hai a quen lle acorda mercar a estas alturas do ano cadernos de repaso sobre o pasado curso 2019-2020.

Por outra banda e xustificándose, moitos pais e nais explican que o material escolar non adoitan compralo ata que comezan as clases, pois o primeiro día, e sobre todo nas escolas de educación primaria, facilitan unha listaxe dos materiais que se precisarán para o desenvolvemento do curso. Con todo, os libros de texto si que os reservaron e mercaron dende principios de xullo. Noutras escolas, destacar que a docencia se imparte mediante sistemas tecnolóxicos, polo que ditas familias non precisan mercar bolígrafos, lápices ou libretas, pois todo se realiza mediante o programa da Xunta: Abalar.

Aínda así, outros núcleos familiares afirman o que as papelerías e librerías xa veñen sospeitando e que se ven reiterando: hai medo e indecisión de realizar un considerable custo nuns materiais que pode que non se empreguen para este curso e que queden, polo tanto, obsoletos. Prefiren, así, esperar a coñecer que a docencia será íntegramente presencial antes de aventurarse, pois consideran que a volta ás clases está o suficientemente lonxe, non tanto xa agora, como para que a situación epidemiolóxica e sanitaria evolucione negativamente, precisando o peche dos centros.

06 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito