Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Mosteiro de San Pedro de Rocas é unha xoia
de extraordinario valor no interior de Galicia

No concello de Esgos, terras da Ribeira Sacra ourensán, atópase a ruta do Camiño Real que nos traslada ( nunha curta e fermosa andaina) ata o Mosteiro de San Pedro de Rocas.

A ruta,9 km de percorrido circular, corresponde a unha antiga vía de comunicación cara as terras de Aguiar e Ourense. O camiño aínda conserva os muros laterais (con pedras repletas de musgo) e en varios dos seus tramos a marca das rodas dos carros sobre o empedrado. A fraga que rodea a ruta, arrola ao camiñante nunha fermosa sensación de quietude, paz e sosego. O peto de ánimas da Meiroá lémbranos tempos ancestrais de crenzas que abrazan o máxico e o relixioso (culto aos mortos e devoción polas ánimas). Os petos, pequenas arquitecturas de pedra moi características na cultura tradicional galega, adoitan estar situados en camiños e encrucilladas. Normalmente posúen algún tipo de imaxes relixiosas (sobre todo escenas do purgatorio) e dispoñen dunha hucha para realizar ofrendas.

O Mosteiro de San Pedro de Rocas (un dos moitos que existen na zona da Ribeira Sacra, a “Reboira Sacra” recollida xa nun documento do ano 1124) atópase rodeado de vexetación, rochas e silencio, constituíndo unha das xoias desa zona. Na lápida fundacional aparece unha inscrición co nome de seis monxes, primeiros moradores do complexo monacal, e unha data: Era 611, que corresponde ao noso ano 573. Na inscrición aparece tamén a palabra “hereditas”, o que fai supoñer que algún tipo de vida cenobítica xa existía anteriormente, polo que Rocas foi o mosteiro máis antigo de España e un dos primeiros de Europa.

Dos estudos feitos sobre o mosteiro dedúcese que eremitas da zona iniciaron unha vida en común e como consecuencia a fundación do mosteiro. A lenda relata que un nobre cazador penetrou no bosque e atopou unhas ruínas, decidindo quedarse alí para facer vida de oración e retiro ao que se engadirían un grupo de amigos.

O mosteiro destaca pola súa sinxeleza, orixinalidade construtiva, emprazamento e integración coa natureza . A igrexa está escavada na mesma rocha, nunha das abundantes covas do lugar. O campanario, un dos símbolos por excelencia do mosteiro, está construído sobre un arco de pedra natural de 19 m de altura. A súa construción corresponde a época do prior Gonzalo de Penalva (século XV).

O complexo é de reducidas dimensión se o comparamos con outros mosteiros próximos (San Estevo de Ribas de Sil, Santa Cristina de Ribas de Sil, Santa María de Xunqueira de Espadañedo...). Posiblemente non viviron nel simultaneamente máis de 11 monxes nos momentos de máximo esplendor, o que motivou a súa dependencia doutros mosteiros de máis rango como Celanova.

A historia do mosteiro é un tobogán de auxe e decadencia. Varios incendios (a principios do século XI; no ano 1640 e no ano 1928) asolaron o complexo monacal. Pero tamén soportou épocas moi negativas que minaron a súa importancia, como a presenza árabe na zona, o que motivaría a fuxida dos monxes; os problemas na Europa do século XIV (peste, guerras, fame negra ...); a Reforma Beneditina( que favorecería aos mosteiros máis importantes en detrimento dos máis pequenos) así como a Desamortizacón de Mendizábal, (mediados do século XIX).

O máis destacable é a súa igrexa escavada na rocha que sería ampliada na época románica. A capela da esquerda acolle unha pintura mural ao fresco única en Europa. Nela aparece un mapamundi (único exemplo coñecido da época románica) ilustrando a diáspora apostólica. Outro dos aspectos máis importantes son as 8 tumbas antropomórficas do exterior (escavadas na rocha e situadas entre a Casa Prioral e a Igrexa). Ademais existe un gran número de tumbas tamén antropomórficas no interior da igrexa. Nos traballos de restauración levados a cabo no chan de igrexa, apareceron esas tumbas que corresponden a diferentes épocas (primitivas ou prerrománicas, anteriores ao século X; románicas (século XI) e posteriores ao século XI.

En torno ao mosteiro circulan varias lendas, como” A fonte das augas milagreiras” ou “A pinga”, suplicio dunha lenta e continua gota de auga na cabeza a que se verían sometidas as mulleres pecadoras.

Na parte Norte do mosteiro aparecen unha serie de pequenos canais, tallados sobre a rocha, para recollera auga da choiva. Algunhas interpretacións remítennos a un posible culto á auga.

23 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.