Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Parlamento esixe ao Goberno central bonificacións nas peaxes da AP-53

O voceiro popular de Infraestruturas lembrou que, aínda coas bonificacións na AP-9, as autoestradas de titularidade autonómica son máis baratas que as estatais // Calvo insistiu na necesidade de abaratar as tarifas no tramo Santiago-Lalín porque a alternativa a este trazado é unha estrada moi saturada de tráfico pesado con limitacións de velocidade

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que implante bonificacións nas peaxes da autoestrada AP-53, “é a máis cara de Galicia e unha das 20 máis custosas de toda España”, sinalou o portavoz de Infraestruturas, Diego Calvo.

“Non é xusto que os galegos, que residimos nun territorio periférico, teñamos que afrontar o esaxerado custo desta autoestrada, que ademais é a única que non conta con bonificacións nin por parte da administración propietaria nin por parte da empresa concesionaria”, argumentou Calvo, que sumou esta situación ao “continuo desprezo” do Goberno de Pedro Sánchez a diferentes sectores produtivos de Galicia.

“Por desgraza, este asunto é vello, repítese no tempo e vense a sumar a moitos máis que están afundindo a Galicia nunha crise maior da que xa provocou a pandemia sanitaria”, continuou Calvo. A este respecto, fixo referencia ao peche indiscriminado de industrias como Alcoa, Vestas, Siemens ou Endesa e ao seu impacto na poboación; á suba de impostos ás clases traballadoras; ao abusivo prezo da luz sen que o Goberno faga nada por impedilo; aos intentos de modificar á Lei de Costas co conseguinte prexuízo para a cadea mar-industria; ou os incumprimentos de compromisos e os continuos retrasos e impedimentos para a cesión da titularidade da AP-9 á Xunta.

“Estamos cansos de que cada decisión que toma o Partido Socialista en Madrid, apoiado polos seus socios do BNG e aplaudido polos socialistas galegos, supoña máis dano aos galegos”, matizou Calvo, que agradeceu o apoio de toda a Cámara á solicitude dunha rebaixa nas peaxes na autoestrada AP-53 no tramo Santiago-Lalín similar á aplicada na AP-9.

COMPETITIVIDADE EMPRESARIAL. Para argumentar a proposta, o deputado popular explicou que a existencia de autoestradas de peaxe nos territorios periféricos condiciona negativamente a economía das familias e tamén das empresas, que vén reducida a súa competitividade “porque os seus desprazamentos son máis longos e, no caso das autovías estatais en Galicia, máis custosos”.

Fixo fincapé en que, grazas ao traballo da Xunta de Galicia, conseguíronse rebaixas na AP-9, aínda que tarde e de xeito insuficiente, e que agora “é o momento de completar o xa feito e aplicar bonificacións na autoestrada “que vertebra a zona interior da nosa comunidade”.

“A alternativa que teñen os usuarios desta vía de peaxe é a estrada N-525, cunha gran intensidade de tráfico, moito do cal é de camións, con escasos treitos con terceiros carrís e que atravesa moitas poboacións con velocidade limitada”, apuntou o voceiro popular, que reclamou dos deputados do BNG e o PSdeG “altura de miras e vontade política para acabar dunha vez cos agravios aos galegos”.

PPDEG BLOQUEA AS REBAIXAS NA AG-55 E AG-57. Dende o PSdG votaron a favor desta iniciativa pese presentar unha enmenda sobre a citada proposición non de lei que foi denegada polos populares. A mesma tiña como obxectivo que se aplicasen as mesmas bonificacións na AG-55 e na AG-57 que as que hai na AP-9, algo que, como destacou a deputada Patricia Otero, correspondería ao Goberno autonómico.

Neste senso, a parlamentaria socialista indicou que o Executivo galego tivo “máis de seis anos” para facer a súa proposta no mandato de Mariano Rajoy pero “non dixeron nada deste tema”, algo que demostra, segundo dixo, que os políticos do PPdeG so teñen vontade política “cando non teñen responsabilidades en Madrid”.

Tildando a formación conservadora como “o partido máis pesimista da historia”, Otero resaltou que as medidas efectivas chegaron desde o PSOE co abaratamento das peaxes da AP-9: un feito que supuxo que os galegos aforrasen 3,4 millóns durante o primeiro mes no que se baixaron os prezos.

BNG EN BATALLA “CONTRA TODOS OS CAMBALACHES”. Pola súa parte, dende o Bloque, Xosé Luis Bará deu a “benvida á defensa das rebaixas das peaxes” ainda que lamentou que a mesma non chegase antes. “Máis vale tarde que nunca”, afirmou o deputado nacionalista, quen non obstante cargou contra os populares.

Na súa intervención, indicou que eles son “os máximos responsables da situación da AP-53”. “Vostedes gobernan ao servizo das empresas que expolian o noso país”, engadiu para posteriormente sinalar que “son o caballo de Troia das multinacionais do IBEX” coas que “se van a reunir hoxe na Toxa”.

A isto sumou que protexen a empresas como Globalvia, concesionaria da maior parte de autoestradas da comunidade autónoma, fomentando unha discriminación que sofren “as persoas e as empresas” cuxa mobilidade e competitividade vése afectada.

“O BNG é a garantía da defensa dos intereses de Galiza”, dixo Bará, que engadiu que mentres o BNG “abrázase con Galiza” o PP “abrázase con Abanca, con Iberdrola, con Pemex...” “Os abrazos de Feijóo sáennos moi caros”, evidenciou.

29 sep 2021 / 13:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.