Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A produtora galega Queiman e Pousa realizou esta obra coa colaboración de institucións, concellos e adegas, para poñer en valor a riqueza interior e rural deste territorio // O documental final presentarase este próximo venres 9 de xullo nunha gala que se celebrará no Mosteiro de Montederramo TEXTO Brais Fdez.

O proxecto audiovisual da Ribeira Sacra, alí ‘onde todo pode ocorrer’

Co obxectivo de promocionar e difundir a riqueza rural e patrimonial da Ribeira Sacra, a produtora galega Queiman e Pousa ven de realizar un proxecto audiovisual sobre este territorio, no que colaboraron directamente institucións autonómicas, concellos, adegas e diversas empresas. A obra final, que contén un vídeoclip promocional, un documental e cinco making of de como se rodou, estrearase o vindeiro 9 de xullo nunha gala no Mosteiro de Montederramo, espazo onde xurdiu o nome desta terra máxica que comprende as ribeiras do río Sil e do Miño.

Dirixida por Eugenio Cortegoso, con este traballo preténdese amosar, dun xeito diferente e pouco común, un dos territorios interiores máis bonitos da comunidade galega. Deste xeito, a través das cámaras, búscase divulgar a candidatura a Patrimonio da Humanidade da Unesco, así como exaltar a riqueza deste territorio, poñer en valor o capital románico rural e homenaxear aos viticultores, homes e mulleres que manteñen a tradición dunha práctica heroica polos socalcos fluviais. Ademais, tamén fomentará o turismo da zona e promoverá a afluencia de visitantes.

A proposta foi rodar un vídeo musical para promocionar a Ribeira Sacra como candidata a Patrimonio Mundial da Humanidade. Cos acordes de Canto a Ribeira Sacra, interpretado por Andrea Pousa e Bruxo Queiman, a produtora xa demostrou, a través das redes sociais, que esta estratexia de marquetin funcionou para acceder a un público moderno, mozo e moi interesado na cultura.

O traballo elaborado xorde para dar continuidade ao primeiro vídeoclip que se realizou en 2018, onde se mostra unha Galicia emigrante dos anos 60, cando non se percibía a riqueza cultural e rural agochada no interior do territorio. Esta segunda parte vai ser todo o contrario, mostrarase a comunidade moderna e sostible que é hoxe en día. Con este obxectivo, recoñecen e destacan o labor dos adegueiros que construíron o mundo da xa famosa viticultura heroica, así como de todas as persoas que emprenderon un produtivo negocio neste destino.

A sinopse trata o papel dunha moza empresaria do mundo do viño (interpretado por Andrea Pousa), que dirixe unha adega de éxito e que goza do seu tempo de lecer nos distintos espazos emblemáticos locais. Esta personaxe experimentará ensoñacións onde a mitoloxía, lendas e historia serán partícipes: fadas, romanos e monxes, entre outros, daranse cita nun enclave único e máxico.

Entre o reparto destaca a presenza de Antón Durán Morris, actor estrela convidado que interpreta a un xeneral romano que percorre estas terras cos seus soldados (representado pola Guardia Pretoriana de Lugo).

Pola súa banda, Bruxo Queiman é o intérprete encargado de levar a cabo o papel de monxe, unha figura que fará un percorrido polos mosteiros e igrexas máis relevantes da Ribeira Sacra, como son o Mosteiro de Montederramo, Mosteiro de Santo Estevo, Mosteiro San Pedro de Rocas, Mosteiro do Divino Salvador, Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño ou a Igrexa de Santa Cristina de Parada de Sil.

A maiores, resaltarase a beleza dos miradoiros de Parada do Sil, Matacás, Pena do Castelo, Cabo do Mundo ou Vilouxe, pero tamén a praia da Cova, o embarcadoiro de Santo Estevo, a fervenza do Cachón, a ponte medieval de A Teixeira e Castro Caldelas, declarado como un dos pobos máis bonitos de España.

No vídeoclip tamén se quere resaltar o traballo das mulleres no mundo vitivinícola, tanto na man de obra como nas decisións empresariais. Por iso, a protagonista é unha muller, interpretada por Andrea Pousa, que defende e reivindica a súa labor nun terreo que aparentemente só é de homes.

A parte da curtametraxe promocional, no vídeo documental resaltarase como comezou o renacemento da Ribeira Sacra, a través da creación do Consello Regulador da Denominación de Orixe, con entrevistas aos propios protagonistas da súa orixe, aos “sete tolos”, como se definen, que lle deron luz verde á D.O.R.S.: Evaristo da Cova, César Cachín, Jose Manuel Décima, Manolo de Quiroga, Pepe O Gafas, Suso Verao e Luis Chemari.

A partires de todo o material recadado, optaron pola elaboración de vinte e un vídeos promocionais, con imaxes inéditas e incorporando escenas do propio vídeoclip e documental, para as adegas e concellos participantes no proxecto, para que dentro do proxecto global, cada un teña un maior protagonismo e que se resalte o máis especial de cada zona en concreto.

Toda a rodaxe tivo lugar durante dúas semanas, en setembro de 2020, na época da vendima.

COLABORACIÓNS. Entre as entidades locais están os concellos de Chantada, Sober, A Teixeira, O Saviñao, Pantón, Nogueira de Ramuín, Esgos, Montederramo, Castro Caldelas e Quiroga. A súa participación viu da man dos seus respectivos alcaldes: Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, Luís Fernández Guitián, Miguel Antonio Cid Álvarez, Juan Carlos Armesto Quiroga, José Luis Álvarez Blanco, José César Parente Pérez, Mario Rodríguez González, Antonio Rodríguez Álvarez, Sara Inés Vega Núñez e Julio Álvarez Núñez.

Ademais, tamén colaboraron as adegas Vía Romana, Rectoral Amandi, Os Cipreses, Regina Viarum, Don Bernardino, Cachín (Peza do Rei) e Décima, así como o Hotel Iberik Augas Santas Balneario & Golf e o Parador de Santo Estevo; e as empresas Viajes Hemisferios e Fórmate.

No plano institucional, tiveron especial transcendencia o Consello Regulador, o Consorcio de Turismo R.S., a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

04 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito