Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O proxecto Terra achegará ao alumnado de 45 colexios o coñecemento dos seus hábitats

Desde a posta en marcha da iniciativa, no ano 2000, nunca antes se recibira un número tan elevado de solicitudes para participar neste programa pedagóxico // As actividades previstas ao longo do curso inclúen saídas, obradoiros educativos e formación para o profesorado buscando no posible unha perspectiva multidisciplinar

O Proxecto Terra, unha iniciativa de cooperación co mundo educativo que busca contribuír a mellorar a formación dos escolares galegos sobre a xente e os diferentes espazos que habitan, chegará este curso 2022-2023 a un total de 45 centros educativos de toda Galicia.

Enmarcado no Plan Proxecta+ da Xunta para fomentar a innovación educativa por medio do traballo cooperativo e interdisciplinar, o Proxecto Terra xorde no ano 2000 da colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

Nos seus máis de 20 anos de funcionamento converteuse nun proxecto afianzado e moi coñecido, con contidos útiles, actividades de interese e experiencias formativas para as etapas educativas ás que se dirixe (infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP). O obxectivo é mellorar o coñecemento que a cidadanía ten do urbanismo, a arquitectura e a paisaxe empezando polos máis cativos e a través do eido educativo.

A tal fin, búscase que o alumnado perciba o hábitat humano desde as diferentes perspectivas que abordan os materiais elaborados e postos á disposición da comunidade educativa. O hábitat estúdase afondando en diferentes aspectos, como son a paisaxe, o territorio, o urbanismo, a arquitectura ou o medio ambiente, dependendo do enfoque escollido polos centros, aínda que se prefire que os proxectos se aborden desde diversas perspectivas e se chegue a formular e desenvolver de forma interdiciplinar.

Este tipo de proxectos resultan moito máis enriquecedores para o alumnado e reverten de xeito positivo no resto da comunidade educativa, dando a coñecer as formas de habitar do ser humano sobre o territorio e espallando o respecto polo patrimonio.

40 solicitudes de media

Cada ano adóitanse recibir preto de 40 peticións de centros que desexan participar no Proxecto Terra, optando tamén a incluír as distintas actividades que se ofrecen nas súas programacións docentes (saídas, obradoiros, formación para o profesorado...).

Este ano recibiuse o número de solicitudes máis alto ata o momento, superando as 45 prazas ofertadas para garantir que a iniciativa se poida xestionar desde uns principios de coidado e calidade en todas as actividades e para todos os participantes, polo que houbo que seleccionar aquelas que mellor se adaptaban aos criterios expostos na convocatoria.

Ano tras ano vénse detectando como aumenta a calidade do conxunto de propostas e como os centros educativos avogan, aliñados tamén co novo currículo, por proxectos interdisciplinares que sumen esforzos por achegar os contidos ao alumnado, partindo do coñecemento do próximo, das xentes, espazos e lugares que habitan.

Cómpre subliñar que entre as actuacións que se levan a cabo no marco do Proxecto Terra figuran tamén actividades fóra da aula, como as visitas guiadas de arquitectura contemporánea, ou iniciativas máis recentes como a de Eu son inspect@r urbanístic@. Coida o territorio, coida do teu, que se puxo en marcha hai dous cursos e ten como obxectivo promover o coñecemento do territorio, dos elementos que o compoñen, da contorna próxima e da paisaxe, trasladando aos máis pequenos o valor de coidalo a través da experiencia e dos valores que lles transmite o persoal ao servizo da APLU.

06 nov 2022 / 13:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.