Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“O PSdeG está hoxe moito
mellor que hai catro anos”

Leva case catro anos á fronte do PSdeG. Como estaba o partido cando chegou e como está agora?

Todo o mundo recoñece que o PSdeG está hoxe moito mellor que hai catro anos. Melloramos o noso apoio electoral en todas as convocatorias electorais dende entón. Chegamos a superar ao PP en Galicia nas eleccións xerais e europeas, e conseguimos o maior éxito ata a data nunhas municipais: hoxe temos alcaldes e alcaldesas socialistas en cinco das sete grandes cidades e presidentes ou presidenta socialista en tres das catro deputacións. E nas autonómicas, a pesares do freazo das tendencias electorais que supuxo a chegada da covid, revertemos a tendencia descendente na que levaba o PSdeG dende 2009 e crecimos un punto e medio. Claro que aspiramos a máis, e para iso hai que manter o esforzo, para que o proxecto de renovación que plantamos e xerminou poida dar froitos.

Cal é o papel que ten que xogar o PSdeG de cara ao futuro de Galicia?

En Galicia atopámonos cun goberno da dereita sen iniciativa nin impulso para a reactivación; está instalado no rodillo da inercia e na falla de estratexia e de ambición. Non é quen de impulsar a reactivación. Por outra banda, o nacionalismo galego parece satisfeito de abrazarse co independentismo catalán, pero ese modelo de Junqueras non traería nada positivo para Galicia. Nós, o PSdeG, estamos comprometidos cun proxecto galeguista, ecoloxista, feminista e de esquerdas para Galicia, facendo propostas fundamentadas para modernizar o noso país, xerar emprego e apostar pola cohesión social. Galicia é o meu compromiso e a miña paixón, e traballamos para ser útiles aos galegos e ás galegas.

Pode poñer algún exemplo...

Por suposto. Nada máis chegar Pedro Sánchez ao goberno de España, as miñas dúas primeiras reunións como secretario xeral dos socialistas galegos foron co Ministro de Fomento polo asunto da AP9 e co Director Xeral de Memoria Histórica pola recuperación do Pazo de Meirás. Eran dous asuntos moi relevantes para min porque eran cuestións nas que os socialistas tiñamos que cumprir con Galicia. Hoxe, a rebaixa histórica das peaxes da AP-9 está feita ata o fin da concesión e implica uns 2.300 millóns de euros que os galegos aforrarán en custes directos de peaxes. Á vez, Meirás está xa no ámbito do público, tal como xa reclamaban os socialistas galegos na transición. Son dous exemplos de como cumprimos con Galicia, pois a prioridade dos socialistas alí onde temos representación, en Bruxelas, en Madrid, en Santiago, en cada concello, é servir aos galegos e galegas.

Cumpre agora dous anos dende que entrou como deputado no Parlamento, como é a experiencia?

Foron dous anos de enorme intensidade porque coincidiron coa chegada da pandemia. E sendo certo que levo moito menos tempo no Parlamento que os líderes das outras formacións, posto que Feijóo leva 16 anos na Cámara e a señora Pontón 17, a gravidade dos acontecementos implicou moitas experiencias e aprendizaxes cos que hoxe me sinto en mellores condicións para facer fronte aos retos da Galicia do futuro. Foi un cambio importante. Ata hai dous anos estaba dando clase e investigando na universidade, cheguei á política cunha traxectoria profesional previa no ámbito académico e económico, o cal me encanta, pero servir a Galicia é unha honra e un compromiso.

E como afrontou o PSdeG este tempo difícil?

Somos alternativa ao PP e actuamos con responsabilidade, priorizando o benestar da xente. Atravesamos momentos moi complexos coa crise máis profunda que recordamos. Por iso tendemos a man e formulamos propostas para mellorar Galicia, como a contratación estable de 5.000 profesionais sanitarios ou inmediatamente un plan de emprego para que 3.000 mozos e mozas atopen posibilidades de futuro na nosa terra. E pódese facer: a Xunta nunca tivo tantos cartos como agora grazas ás transferencias que están vindo do goberno de España para encarar a reactivación, mais de 1100 millóns extraordinarios este ano. E mentres a Xunta tiña os brazos caídos e facía caixa, nós levamos máis de 300 propostas á comisión de reactivación do parlamento. Un paquete de medidas importantes. E creo que os galegos e as galegas valoran o traballo propositivo que estamos facendo.

O PSdeG vai celebrar de aquí a finais de ano o seu congreso. Como o afronta vostede?

Coa vocación de facer un PSdeG útil a Galicia, de fortalecer o noso proxecto, de manter o positivo que nos permitiu avanzar e de ser permeable aos cambios necesarios. Vou ofrecer integración e unidade a todos porque nestes intres xogámonos o reto das eleccións xerais e municipais de 2023. Galicia merece un PSdeG que avance e con unidade e lealdade chegaremos a máximos nas municipais e xerais do 2023.

Como é a súa relación cos membros da dirección federal do PSOE?

Moi boa, con algúns teño moita máis relación que con outros, pero con todos ben. Eu apoiei intensa e publicamente a Pedro Sánchez cando algunhas baronías o tentaron defenestrar sacándoo da secretaría xeral e dende que son secretario xeral do PSdeG sempre fomos leais coa dirección federal e seguiremos séndoo. Á vez temos claro o noso conpromiso e a nosa lealdade como PSdeG con Galicia, cos galegos e as galegas.

Ten o apoio da dirección federal e do presidente do Goberno para seguir á fronte do partido?

Na noite electoral das autonómicas, Pedro Sánchez chamoume e díxome que fixera un bo traballo, que o resultado viñera marcado polas circunstancias da pandemia e que necesitaba máis tempo no parlamento, polo que debía seguir á fronte e ser candidato nas seguintes. A miña relación con el é boa, aínda me felicitou no último Comité Federal pola miña intervención. En termos de apoio faláronme máis membros da dirección federal ao longo deste ano. Pero non nos confundamos. O noso partido é o da militancia e só á militancia do PSdeG lle corresponde decidir o futuro do partido.

E como está á militacia do PSdeG?

Eu estou moi agradecido á militancia do partido que me deu a posibilidade de liderar este gran partido. Sinto que a militancia recoñece o traballo que fago e síntome moi acompañado polas bases. Cantas máis zancadillas e maniobras de jaque á dirección aparecen, máis apoio teño da militancia. Ás nosas bases non lles gusta o que se lle fixo a Touriño tras o resultado electoral do 2009 e agora todo o mundo recoñece que foi un erro, pero o único que fun ao Congreso Galego do 2009 a desmarcarse do acordo do aparato para substituír a Touriño por Pachi Vázquez fun eu. Non podemos seguir con aquel tipo de prácticas. A militancia non perdoa máis zancadillas das baronías como lle fixeron a Touriño e Pedro Sánchez, e entre todos temos que evitar eses escenarios.

Para cando vai convocar vostede o Congreso Nacional Galego do PSdeG?

O Congreso Nacional Galego non o convoca o secretario xeral de Galicia, nin tampouco a dirección federal, convócao o Comité Nacional do PSdeG, como máximo órgano entre Congresos. O congreso será cara finais de ano.

E cre que hai unha trama contra vostede por parte de certas “baronías” do PSdeG?, como apuntou o seu secretario de Organización.

Son dono das miñas palabras e dos meus silencios. Non vou acrecentar certas polémicas porque hai que priorizar o que preocupa aos galegos e galegas. Todo o PSdeG debe remar con lealdade xunto ao secretario xeral e a prioridade é a reactivación.

Que suporía agora para o PSdeG un cambio de liderado?

A estratexia de cambiar de adestrador cada tempada nunca trae bos resultados. Creo que no PSdeG todos aprendemos xa a lección de que chegamos a liderar un goberno de cambio en Galicia cando se deixou madurar o proxecto de Touriño... e tamén do que pasou a partir de 2009, cando o aparato do partido decidiu forzar o relevo. Os números falan por si mesmos.

Dáse por feito que vostede vaise presentar á reelección aínda que non o confirmou.

Anunciarei a miña decisión cando corresponda pero estou con ganas, con forza para seguir traballando por Galicia. Eu estou a disposición de seguir traballando a prol dunha Galicia mellor cun PSdeG máis forte.

Cre que haberá máis candidatos?

Non entro en especulacións. Dende hai un ano hai moitas hipóteses na prensa. Eu teño a mellor opinión de todos os compañeiros e de todas as compañeiras, e cada un ten a súa traxectoria e representa o que representa. Cando haxa primarias tocará falar, pero tamén penso que xuntos somos máis fortes para os retos electorais de 2023: municipais e xerais. Creo que é o momento de traballar con vocación integradora para construír o mellor proxecto que permita ao PSdeG seguir avanzando nunha liña galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas. Temos as municipais e as xerais á volta da esquina, polo que é momento de traballar con lealdade á dirección do PSdeG para manter e ampliar a nosa representación.

Teme que as baronías do partido maniobren para retiralo da dire-cción do partido?

Non debo entrar en elucubracións. Xa gañei unhas primarias sen o apoio dos principais referentes institucionais do partido, sen apoio de ningunha baronía, grazas á militancia, e teño o aval do traballo feito e dos resultados acadados. No Partido Socialista xa vivimos operacións de despacho contra Pedro Sánchez logo duns resultados electorais moi adversos nas xerais e que supuxeron unha quebra dentro da organización. Eu, dende logo, traballei pola súa volta á secretaría xeral, ao igual que a maioría da militancia, e hoxe temos un presidente que está gobernando para a maioría.

Polo demais, vostede non parou neste verán.

É certo que mantiven moita actividade neste verán, pero tamén o fixen en todos os veráns anteriores. Sigo recorrendo Galicia a pé de país para escoitar os problemas dos galegas e propoñer solucións.

E que é o que máis escoitou?

A preocupación pola falla de emprego e polos problenas na sanidade. O da sanidade está sendo grave. Listas de espera de ata 26 días para conseguir cita coa médica de cabeceira. Non pode ser, Feijóo ten que mudar as políticas da Consellería de Sanidade para fortalecer a atención primaria.

29 ago 2021 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito