Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Olympe Emprende impulsa as iniciativas de trece emprendedoras galegas no eido da economía social

Para impulsar o emprendemento feminino na economía social e solidaria naceu o programa Olympe Emprende. Promovido por Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop, o proxecto vén de pechar a súa primeira edición en Galicia con 76 horas de formación en liña, 12 de acompañamento personalizado, 16 de xeración de comunidade grupal e máis de 15 de networking co obxectivo de coñecer a modelos referentes e intercambiar coñecementos coas participantes do programa en Estremadura. Estas actividades foron enfocadas e adaptadas ás trece emprendedoras participantes, procedentes da Guarda, Vigo, Arbo, Lalín, Compostela, Ferrol, Lugo e Vilar dos Santos.

A través desta rede mentora e de acompañamento, as emprendedoras puideron traballar todos os aspectos dos seus negocios con impacto social (desde o propotipado, ata o plan comercial, económico e financeiro ou márquetin) e coñecer recursos que faciliten a financiación do proxecto ou a xestión de equipos, xestando 9 iniciativas, catro xa en activo con fórmula cooperativa.

Entre elas está a de Fogares Sanxe, unha solución residencial para as persoas con diversidade da comarca do Baixo Miño que xestionen elas mesmas e lles permita vivir de forma independente; Maga de Voz, enfocada nas artes escénicas, principalmente no canto e a música, coa máxima de fomentar o benestar das persoas e a busca da súa propia voz desde o apoderamento e a modernidade; ou Educalecrín, unha aposta pola educación en diferentes materias (talleres, cursos, obradoiros de relacións saudables, medio ambiente, equidade de xénero, etc.) que nos axuden a vivir en equilibrio con nós, coas persoas que nos rodean e a natureza. Estas dúas últimas foron premiadas como mellor proxecto, compartindo o primeiro posto, polo seu impacto social e adherencia aos principios da economía social. O galardón está dotado con 1.200 € para cada iniciativa e supón un importante apoio para estas cooperativas.

Última edición

O Cersia Empresa, en Compostela, acolleu este martes a última sesión da I Edición do Olympe Emprende. A primeira hora tivo lugar a sesión de valoración do programa da man das participantes e as cooperativas promotoras. A continuación, cara ao mediodía, celebrouse o acto de peche ca mesa redonda ‘Emprendedoras na economía social galega’, na que interviñeron mulleres referentes do sector como Rocío Rodríguez, secretaria técnica da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), Silvia Alende Fandiño, xerente de Accede Social e directiva da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal); Emi Candal Bouzas, socia de Urdime e responsable da Sectorial de Cultura da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop; e Pilar Rodríguez Suárez, socia de Dehistoria.

Así tamén se fixo entrega dos diplomas e premios por parte do xurado desta primeira edición, conformado por Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; Carme Casado Casado, responsable de Desenvolvemento Económico, Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago de Compostela; e Eva López Barrio, responsable do Programa Woman Emprende da USC. Todas elas puxeron de relevo o labor do Olympe Emprende a prol da creación de proxectos galegos femininos e feministas que poñen a vida no centro.

Así é que a economía social segue a medrar na nosa comunidade e hoxe en día xa representa o 7% do PIB. Trátase dun sector no que se antepón a creación de emprego estable, a defensa dos coidados, a xestión democrática e o compromiso co territorio sobre os intereses do capital, demostrando que a sostibilidade social, medioambiental e económica van da man.

As diferentes fórmulas da economía social (cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción) posúen unha maior resistencia ás crises económicas e tamén unha maior porcentaxe de mulleres líderes. Segundo o ‘Análisis con perspectiva feminista de los datos de la Auditoría/Balance Social 2021 de la Economía Social y Solidaria en el Estado’ da Red de Redes de Economía Alternativa y Solidaria, o 63 % das traballadoras nas entidades de economía social e solidaria son mulleres e o 60 % dos postos de responsabilidade ocúpanos elas. Se se compara a presenza feminina en cargos societarios-políticos na ESS e nos consellos de administración de Empresas do Ibex 35, a diferenza é moi salientable, 51 % fronte ao 27 %, respectivamente.

II Edición do Olympe Emprende

O Olympe Emprende ofrece formación, apoio individual e colectivo, seminarios web e tours de emprendemento para coñecer a modelos referentes liderados por mulleres, sesións de intercooperación e a posibilidade de optar a un premio económico ás mellores iniciativas. A súa segunda edición desenvolverase desde febreiro ata principios de xullo de 2022. Pódense presentar iniciativas que se atopan nunha fase inicial (ideas de negocio que non se iniciaron e que se atopan nunha fase de desenvolvemento mínimo, sen necesidade de definir un modelo de negocio). As inscricións están abertas ata o 31 de decembro. Velaquí o formulario de inscrición e as condicións de participación.

O Olympe Emprende forma parte da convocatoria POISES, promovida pola Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES) como órgano intermedio do Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación (POEFE) do Fondo Social Europeo (FSE). Todas as accións son gratuítas e están cofinanciadas polo FSE para acadar unha formación e emprego de calidade.

22 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito