Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
SIOSLIFE. A aplicación sabe os gustos de cada persoa e ofrécelles actividades intelectuais e físicas adaptadas para cada un // Non é preciso coñecemento informático porque funciona con iconas moi recoñecibles // Videochamadas a familiares, exercicio físico ou xogos tipo Pasapalabra TEXTO Salomé Barba

Os maiores da residencia Porta do Camiño proban unha APP intuitiva

As novas tecnoloxías adoitan estar rifadas coas persoas maiores, salvo en contadas excepcións, pero isto non ten por que ser así se elas son as que se adaptan ás persoas e non ao revés. Se se utilizan metodoloxías axeitadas, intuitivas e pensadas para eles, os maiores de 65 anos sen experiencia poden, perfectamente, afacerse a usar pantallas interactivas e aplicacións informáticas, por exemplo, que lles poden axudar moito na vida e facilitar o seu día a día.

Así, con esta idea na mente, os maiores residentes no centro Porta do Camiño, de titularidades pública autonómica na cidade de Santiago de Compostela e dirixido por Vanesa Castro, están probando unha nova aplicación, de nome Sioslife, pensada por e para eles. A Xunta, a través de Política Social, está a aplicar un programa piloto nesta residencia, para probar a aceptación entre os usuarios e con vistas a ampliar o seu uso noutros centros.

lecer a través de ESTIMULACIÓN FÍSICA E COGNITIVA PERSONALIZADA COS seus GUSTOS Trátase dunha aplicación (APP) de lecer interactivo para a humanización e a estimulación física e cognitiva das persoas usuarias. Esta plataforma instalouse no pasado mes de outubro neste centro e ofrece aos usuarios programas de entretemento, comunicación cos seus familiares e actividades de estimulación física e cognitiva. Esta é a primeira residencia de Galicia na que se pon en marcha este novo programa innovador.

A través dunha tarxeta personalizada cos seus gustos musicais, de cine ou literatura, permite que a persoa maior desfrute da lectura de xornais ou libros do seu gusto desde unha pantalla de ordenador interactiva. Non é preciso contar con coñecementos informáticos xa que se trata dunha plataforma moi intuitiva na que o usuario tan só ten que pulsar unha pantalla táctil con iconas moi recoñecibles.

XOGOS DE ACTIVIDADE FÍSICA E MENTAL COMO PASAPLABRA OU SCRABBLE, POR EXEMPLO Ademais de actividades de lecer, esta plataforma tamén ofrece xogos para mellorar as habilidades dos usuarios tanto a nivel físico (co fomento da coordinación e o equilibrio) e cognitivo (Pasapalabra, scrabble...) e comunicación cos familiares. Nesa mesma tarxeta na que se inclúen as preferencias culturais e de ocio das persoas usuarias, tamén se gardan os seus contactos para realizar videochamadas. Os seus familiares tamén poden saber cando están conectados os maiores instalando unha aplicación nos seus dispositivos.

A APLICACIÓN PREVÉ E ADVIRTE SOBRE PROBLEMAS DE DETERIORO Outra das vantaxes desta aplicación, ademais de ofrecer programas de lecer aos usuarios, é que permite avanzar problemas de deterioro cognitivo das persoas usuarias e prever problemas. Os resultados das actividades quedan recollidos e ofrecen datos sobre o progreso do seu uso.

Actualmente están empregando esta novidosa aplicación 24 usuarios (o 50 % do total de residentes do centro Porta do Camiño). Está tendo moito éxito, especialmente polas tardes e polas noites. Os traballadores socioculturais da residencia apoian aos usuarios no seu uso se teñen dúbidas sobre como utilizala ou problemas de conexión. A plataforma, leva por nome Siosfife, que se está a aplicar é de orixe portuguesa e xa se está a implantar no país luso con grande éxito.

05 dic 2021 / 00:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.