Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Xavier Labandeira / Catedrático de Economía na Universidade de Vigo e membro do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático da ONU (IPCC)

“Os países precisan tecnoloxías para poder desengancharse canto antes dos combustibles fósiles”

“ A sociedade é cada vez máis consciente do cambio climático; estamos a tempo de revertir o problema, aínda que a marxe de manobra vaise facendo máis pequena”

Os niveis de contaminación da atmosfera son históricos pero, ¿en que situación nos atopamos neste momento?

Atopámonos nunha traxectoria de emisións de gases de efecto invernadoiro que levará a incrementos de temperaturas moi elevados, moito máis aló dos obxectivos do Acordo de París, cunha suba duns tres graos con respeto á época preindustrial.

Combustibles como o gas e o petróleo “moi de moda” pola guerra en Ucrania e a forte subida dos prezos, como afectan ao cambio climático?

A combustión de enerxías fósiles (gas, petróleo, carbón) é a principal causa das emisións de gases de efecto invernadeiro e, polo tanto, do cambio climático. A crise ucraniana desencadea en tensións importantes nos prezos enerxéticos que levarán a unha redución de demanda. Porén, moitos países (entre eles España) está subvencionando parcialmente a compra de hidrocarburos para amortiguar os efectos da crise, o que non semella moi axeitado nun contexto tan procupante como o descrito no apartado precedente. En todo caso, será crucial evitar que esta crise no leste da Europa non leve a novos investimentos en infraestrutura fósil alternativa á rusa. Debemos tentar reducir a dependencia por outras vías: máis eficiencia enerxética e máis renovables.

Un obxectivo vinculante para a UE en 2030 de, polo menos, un 55 % menos de emisións de gases de efecto invernadoiro en comparación con 1990 e alcanzar a neutralidade climática en 2050, así como lograr o obxectivo dos 1,5 grados. É posible? Que debemos facer?

Si, é posible pero precisamos reforzar as políticas climáticas europeas (que xa son bastante importantes en comparación coas existentes na maior parte do planeta) e iso é o que pretende o paquete “Fit for 55” presentado hai uns meses pola Comisión Europea. A nivel internacional debemos promover a adopción de políticas climáticas máis ambiciosas e dotar a moitos países de tecnoloxías que lles permitan desengancharse dos combustibles fósiles o antes posible. O informe do IPCC di que xa temos tecnoloxías dispoñibles, a custos asequibles, para reducir as emisións de gases de efecto invernadeiro á metade antes de 2030.

Que ferramentas temos para limitar o quecemento?

Temos bastantes alternativas, desde cambios de comportamento (e de operación no mundo empresarial), a adopción de tecnoloxías limpas que substitúan aos procesos contaminantes e tamén a captación de emisións que xa se produciron mediante procesos naturais ou procedementos de natureza técnica. Estas alternativas poden materializarse con máis facilidade se contamos con políticas climáticas axeitadas.

Consideras que a sociedade é consciente do que está pasando e actúa ao respecto? En caso negativo, de quen é a culpa?

Creo que a sociedade é cada vez máis consciente do problema. En España, en particular, esta é unha das preocupacións recurrentes dos cidadáns cando se lles pregunta. Porén, creo que os cidadáns ás veces non son conscientes do moito que poden facer como consumidores, investidores ou votantes e pensan que problema é inabordable para eles e debe ser resolto por gobernos ou grandes corporacións. Penso que esta é unha interpretación parcial e que non axuda a abordar correctamente o cambio climático.

Como profesor na Universidade de Vigo na que impartes docencia de economía climática, enerxética e pública, que dirías que é o principal co que debe quedarse o alumnado sobre o cambio climático?

Os perigos aos que nos enfrontamos como sociedades ante o cambio climático (con custos moi superiores aos beneficios que nos proporcionarían a redución de emisións), a importancia das políticas públicas para afrontar o cambio climático e, sobre todo, que aínda estamos a tempo de revertir o problema, aínda que a marxe de manobra vaise facendo máis pequena.

17 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito