Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Parabéns e grazas, Coruña

A Coruña, dous mil anos despois, vai ter outro faro. Este servirá de guía nas venturosas, pero ao tempo procelosas augas da Intelixencia Artificial. Son incontables os navíos que guiou a torre de Hércules na súa bimilenaria existencia, e infinidade de vidas son as que salvou este faro romano, Patrimonio da Humanidade. A AESIA, ou “Agencia Estatal de Supervisión de Inteligencia Artificial”, que tamén terá a súa sede na Coruña, non será só un observatorio da Intelixencia Artificial (IA), como normalmente é presentada, senón que tamén haberá de ser un faro para a mesma, capaz de guiar un desenvolvemento e uso da IA centrado no beneficio noso, o das persoas, e tratando de que o sexa ademais para todos. As tecnoloxías, canto maior é o seu potencial de transformación social e económica, máis tenden espontaneamente a acrecentar as desigualdades. Por iso hai que embridalas, ou polo menos guialas, observando con detalle o seu despregamento. Só así a IA poderá chegar a ser para o ben común, como nos gusta dicir en Europa.

A Coruña está de parabén, e non é para menos. Competiu con éxito con máis dunha ducia de cidades de España, e logrou convencer, para logo vencer. Por iso, o primeiro que quero facer é darlle os meus parabéns a toda a cidade. Unha cidade que se uniu ao redor dun soño que se fixo realidade. Ás veces os soños cúmprense, pero non só por desexalos moito, como inxenuamente adóitase dicir, senón por perseguilos e pelexalos. O concello e a universidade da Coruña souberon construír un proxecto sólido e lideralo con ambición e acerto, sumando a moitos outros axentes públicos e privados ao redor deste proxecto tan importante para a cidade e para o conxunto de Galicia.

Como galego e como responsable do CiTIUS-Centro de Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela, quero darlles ademais as grazas por traer a AESIA a Galicia. Todos nos beneficiaremos diso, e estou seguro de que o CiTIUS poderá achegar e recibir moito de ter a axencia a un paso.

Podería quedarme aquí, e ata quizais sería máis sensato facelo así, pero non sería xusto comigo mesmo nin cos lectores que queren coñecer a miña opinión sobre os temas que trato con frecuencia desde estas páxinas. Por iso irei un pouco máis aló, e compartirei con vostedes algunha outra reflexión sobre un proceso que durou longos meses.

Tras coñecerse a decisión do Goberno de España de situar a sede da axencia na Coruña, o Goberno galego deuse a si mesmo moitas palmadiñas no lombo, pero que ninguén máis secundou, por certo. Quizais porque, aínda que a Xunta levantou moi pronto a man para dicir que quería que a AESIA viñese a Galicia, despois só enredou, cando non se puxo de perfil, e nin sequera comprometeu máis que palabras coas cidades que quixeron lexitimamente tentar traer a axencia á nosa comunidade autónoma -pero disto, se cadra, falarei noutro momento. Xa que estamos metidos no mundial de fútbol, permítanme que lles faga un símil co mundo do fútbol. Recordo a un compañeiro de colexio cuxa posesión máis prezada era unha pelota coa que xogabamos nos recreos, aínda que só cando el quería. Ademais, pagabamos o prezo de ter que pasarlle o balón sempre que o pedía, aínda sabendo que acabaría caneándose a si mesmo e dando ordes a destra e sinistra. Polo menos ata que algún contrario, e non poucas veces algún dos seus, lle sacaba a pelota de entre as súas torpes pernas para poder xogar ao fútbol de verdade.

Como saben, Santiago de Compostela non tivo éxito na súa proposta para acoller a AESIA, nin sequera na de conformar unha candidatura conxunta coa Coruña. Non foi por non tentalo, desde logo, e só o feito de pretendelo xa ten recompensa. Aínda que soe a tópico, o fracaso máis soado é cando se perde por incomparecencia, e non foi o caso.

Compostela debe construír os seus proxectos sobre o que guiará o futuro e non só sobre o que foi o seu pasado. Santiago é unha cidade que necesita apostas decididas polo coñecemento e a tecnoloxía, xa que non ten apenas outros recursos, pero si ten o principal recurso que hai na economía e na sociedade dixitais, que non é outro que o coñecemento e o potencial de proxectalo no tecido produtivo. Por iso poderá aproveitar o éxito logrado pola Coruña, pero terá tamén que redobrar o seu empeño en liderar por si mesma outros proxectos igualmente ambiciosos.

Iso si, non pensemos que os proxectos caerán do ceo (é unha frase feita, non estou a pensar no apóstolo). Compostela necesita atraer empresas e talento ao redor do coñecemento e do desenvolvemento tecnolóxico. O santo (agora si estou a pensar nel) non chega para alumar unha cidade moderna e competitiva nunha economía e sociedade que están a cambiar rapidamente, nin vai obrar milagres que esta non idee e pelexe por si mesma. A Coruña acaba de dar exemplo neste sentido, e á vez un exemplo de unión entre a cidade e a súa universidade, algo do que Santiago deberá tamén tomar nota.

Finalizo como empecei: parabéns e grazas, Coruña. Non cabe dúbida de que traballando duro e con ambición teremos un futuro mellor no noso país, e non só fóra del.

11 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.