Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pechan case a metade dos graos da USC no primeiro prazo de matrícula

Colgan o cartel de completo 72 titulacións galegas // Delas, 19 son dobres e 53, simples

Despois do primeiro prazo de matrícula para o tridente de universidades galegas tras a realización das probas de acceso á universidade (as ABAU), este luns moitas carreiras colgaron o cartel de pechado. Un total de 72 titulacións completaron o seu aforo, fronte as 48 que a estas alturas (aínda que non nas mesmas datas) o ano pasado non aceptaban máis persoas.

De entre estas 72, un total de 19 son dobres graos, que debido á pouca cantidade de prazas ofertadas adoitan contar cunhas notas de peche altas; e 53 son graos simples. Entre estas, a cabeza de lista é a clásica Medicina, que pechou cunha nota de 12,892, algo inferior á 13,031 do último alumno chamado a matricularse, e medio punto por riba da calificación de peche do pasado curso: un 12,408.

Pero diante de Medicina, dúas carreiras esixiron máis dun 13 para matricularse: o dobre grao de Matemáticas e Física, cuxo último alumno/a obtivo a cifra de 13,565, que aínda cun lixeiro descenso en comparación ao 13,691 da primeira listaxe de convocados, supera en 3 décimas á nota de corte do pasado ano; e o tamén dobre de Enxeñaría Informática e Matemáticas, que sen ter pasado no curso anterior a barreira do 13 (quedara nun 12,940) este ano pechou cun 13,310.

Maior tirón da USC Desgranando por institucións, vemos como a Universidade de Santiago de Compostela (USC) conta co maior número de carreiras pechadas, un total de 30, 25 no campus da capital galega e 5 no lucense; sobre as 63 titulacións que a compoñen.

Séguea a da Coruña (UDC), con 27 completas, 23 no campus herculino e 4 no ferrolán; de entre as 52 que a conforman. E, por último, na Universidade de Vigo (UVigo), a pesares de contar con 3 campus e un total de 63 titulacións (ao igual que a USC), só pecharon nesta primeira quenda de matrícula 14 titulacións. Catro no campus de Ourense, outras 4 no de Pontevedra e 6 no seu campus principal, o da cidade de Vigo.

Destacable é a variación das notas das devanditas carreiras co cartel de completo con respecto ás puntuacións da primeira listaxe de alumnado convocado. Algunhas titulacións sufriron grandes baixadas, como é o caso (entre outras moitas) do grao en Tradución e Interpretación Español-Inglés da UVigo, cunha diminución desde un 10,882 ata a nota de peche de 5,626; o grao en Robótica na USC, que pasa dun 9,208 a un 7,804; ou o dobre de Química e Física, tamén da USC, que baixa do 13,125 ao 11,958.

Outras sufriron leves descensos de simples décimas, como por exemplo: Criminoloxía na USC, que baixa dun 10,561 á similar cifra de 10,392; Educación Primaria no campus de Pontevedra da UVigo, que pasa dun 9,788 a un 9,552; ou o dobre de Dereito e ADE na UDC, cun actual 11,260 fronte ao 11,734 da primeira listaxe da pasada semana publicada pola CiUG.

Poucas viron aumentada a nota de corte, e se así ocorreu, este ascenso foi máis ben leve e tratáronse de poucas décimas. Estes casos tan só son o dobre grao de ADE e Enxeñaría Informática no campus de Ourense, da UVigo, cun paso de 10,214 a un 10,220; o grao de Turismo ‘Online’ na UDC cun 5,790 fronte ao anterior 5,140; e o dobre de Español, Galego e Portugués tamén na UDC cunha suba dun 5,730 a un semellante 5,758.

Mentres, moitas manteñen a mesma nota que na listaxe desa primeira convocatoria: Educación Social na USC cun 9,140; Lingua e Literaturas Españolas na USC cun 8,360; ou o grao Aberto en Enxeñaría Industrial cun 6,640; entre outras moitas. No resto de graos non pechados, poderase seguir matriculando dende hoxe ás 00.01 ata as 23.59 de mañá o novo alumnado convocado. Quen desexe manterse na lista de espera, debe notificalo.

18 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.