Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Pegadas de igualdade

Xerente área sanitaria de Santiago e Barbanza

O Día grande de Galicia, a Festa do Apóstolo Santiago, é unha data leda, reflexiva e motivadora para min. Á celebración únese, cada ano e grazas á iniciativa deste xornal, El Correo Gallego, a oportunidade de analizar aspectos relacionados co papel da muller na sanidade e na sociedade. Cumprir anos permítenos acumular máis experiencias e, no meu caso, ter máis inquedanzas neste eido, xa sexa como profesional sanitaria, ou como nai e agora, tamén, como avoa dunha nena.

Esta data trae á miña memoria o accidente do Alvia o 24 de xullo do 2013, un accidente que se recorda nos centros sanitarios compostelás con profundo pesar pola traxedia, e orgullo pola resposta de todos os profesionais, curando e coidando con absoluta xenerosidade. Xa van alá nove anos pero segue o recordo nos nosos corazóns.

Anos despois, a pegada da pandemia tamén volveu poñer en valor a humanidade da nosa profesión ante unha situación inédita. Grazas a todos os profesionais pola vosa entrega diaria.

Seguindo coas reflexións do papel da muller na sociedade, con motivo do 50 aniversario do falecemento de Clara Campoamor, que se celebra este ano, reparei na súa biografía e no que se leva camiñado sobre a igualdade durante cinco décadas.

Campoamor, unha das grandes figuras na loita pola igualdade e os dereitos da muller en España, foi a principal conseguidora do sufraxio feminino que se logrou tras un debate parlamentario no ano 1931 e que se fixo efectivo dous anos despois.

Nese momento era habitual que a muller non puidera participar, e menos destacar públicamente, en ninguna esfera da vida pública que estaba reservada ao sexo masculino. As mulleres quedaban relegadas á esfera privada, ao fogar e ao coidado da casa, dos fillos e do esposo e ás que traballaron sufriron unha forte división sexual.

Un exemplo é Olimpia Valencia López, nada en Baltar, Ourense, que foi a primeira muller licenciada en Medicina de Galicia. Corría o ano 1925 e a súa especialidade foi xinecoloxía pois non estaba ben visto unha muller coidando de homes...

A situación actual mudou moito, aínda así debemos seguir remando para que as novas xeracións vivan en espazos cada vez máis amplos de igualdade.

Se ben podo sentirme orgullosa de representar unha institución no que o 77% das/os profesionais son mulleres ( o 90% do persoal non sanitario, o 67% do persoal de enfermaría e o 58% do persoal facultativo é feminino) e está dirixida por unha muller, sei que non é o habitual.

Temos que seguir camiñando cara a igualdade:

Por poñer algúns exemplos: as mulleres somos as que seguimos pedindo máis permisos para coidado de fillos e maiores.

As que sofren malos tratos e ás que máis lles custa chegar aos postos de responsabilidade das empresas.

Incluso os recoñecementos son maioritariamente masculinos. Unha mostra premio tan prestixioso nobel medicina, obtivéronno 12 mulleres fronte a 212 homes.

Eu creo na igualdade porque creo nas persoas. E tamén defendo a importancia de traballar para acadar esta meta co obxectivo de mellorar a demografía, porque sen nenos e nenas non hai futuro.

Creo e aposto pola igualdade como única opción para medrar como sociedade. En palabras de Clara Campoamor “só aquel que non considere á muller un ser humano é capaz de afirmar que todos os dereitos do home e do cidadán non deben ser os mesmos para a muller que para o home”.

Feliz día de Galicia nai e soñadora.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito