Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pontón pide unha intervención pública a favor dos intereses da maioría social

Establece como cuestións a tratar a sanidade, a educación e os coidados a maiores, entre outras // Cataloga de fracaso a resposta do neoliberalismo aos retos actuais

O BNG segue defendendo a intervención dos poderes públicos, sempre en clave galega, e estando encamiñada a favorecer ás maiores sociais e o interese xeral. Así o manifestou a líder nacionalista Ana Pontón este venres en Ribadeo no ciclo de conferencias organizado polo foro Fundación Sargadelos no que explicou a análise que o BNG fai do actual contexto político, económico e social.

“Os poderes públicos deben intervir na economía ou deben absterse de facelo como piden os paladíns do libre mercado? Sen dúbida algunha, desde o BNG defendemos un si rotundo á intervención pública a favor dos intereses dunha minoría, sexan un selecto grupo de privilexiados, sexa unha presa de multinacionais, sexa unha elite social”, explicou Pontón.

En todo caso, ante a disxuntiva formulada no foro de debate entre intervención pública ou liberalismo, “o Bloque está rotundamente a favor da intervención pública, pero en clave galega e a favor dos intereses de Galiza, dos galegos e das galegas”, recalcou.

A líder do BNG citou exemplos de intervención pública en contra dos intereses da maioría social, como da Goberno do PP en Galicia en sanidade, con trece anos de recortes e privatizacións, “debilitando o sistema público de saúde para beneficiar o negocio privado”. “Onte mesmo vimos como milleiros de persoas se mobilizaban aquí mesmo na Mariña en defensa dunha sanidade pública de calidade, que é o mesmo que defender que todos e todas debemos ter garantido o noso dereito á saúde, con independencia da cifra que figure na nosa conta bancaria”, alegou.

Exemplos de intervención pública en contra do interese xeral, afondou, foi a decisión de privatizar a AP-9 e de prorrogar a concesión até 75 anos, “decisión que lle debemos ao PP, sen a cal estaríamos circulando por unha AP-9 libre de peaxes”.

Neste sentido, defendeu que a política económica e industrial que se impulsa desde a intervención pública neste país debe favorecer o desenvolvemento dos sectores produtivos, a reindustrialización sustentábel e impulsar a creación de emprego aproveitando as fortalezas estratéxicas do tecido produtivo.

Unha intervención pública, argumentou Pontón, que debe servir para recuperar capacidade agraria e impulsar o sector pesqueiro, para lograr un modelo de financiamento que lle permita a Galiza “ter a chave dos seus recursos”; que sirva para garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna, a servizos públicos de calidade, na sanidade, na educación, na atención ás persoas maiores.

“Si á intervención dos poderes públicos galegos para combater a desigualdade e a exclusión social, cunha estratexia que atenda transversalmente todos os ámbitos relacionados coa calidade de vida: sanidade, educación, emprego, vivenda, coidados das persoas maiores, territorio e servizos”, sintetizou Pontón.

a crise de prezos e a crise industrial A nacionalista sinalou o total fracaso do neoliberalismo, que quedou especialmente en evidencia duranta a pandemia.“Deixou constancia da súa absoluta incapacidade para dar resposta aos desafíos que a pandemia trouxo consigo, as nefastas consecuencias de poñer o libre mercado por riba do interese xeral”, alegou. “Vimos as consecuencias de priorizar o lucro privado sobre a saúde pública, de privatizar e precarizar os servizos públicos, do dogma da austeridade, das consecuencias da deslocalización industrial, da falta de soberanía alimentaria ou da falta de control sobre sectores estratéxicos de produción”, explicou.

E cando se empezaba a superar o peor da crise sanitaria, aparece a crise de prezos, unha escalada inflacionista que afecta máis a Galicia, onde os prezos están subindo, mes tras mes, por riba da media estatal, pese a ter salarios máis baixos e as segundas pensións máis baixas do Estado, segundo Pontón. O último dato mostra un IPC do 5,7 % no Estado e dun 6,4 % en Galicia.

“Non é o único indicador que nós sitúa peor”, indicou, o paro descende en Galicia a un ritmo tres veces inferior ao da media estatal e o IPI rexistrou unha subida acumulada do 2,5 % no Esta do, fronte a unha caída do 1,9% en Galiza. “De crise industrial tamén sabedes moito na Mariña, con Alcoa como máximo exemplo, pero á que se suman o peche continuado de empresas, algunhas emblemáticas na comarca”, destacou.

“Hoxe temos produtos básicos na cesta da compra convertidos en artigos de luxo para moitas familias, como a carne ou o peixe, e alimentos esenciais como ovos, aceite, patacas que subiron entre un 35 e un 40%. Este descontrol de prezos, á alza aínda que menos, aumenta a pobreza, a desigualdade e o risco de exclusión social”.

Neste contexto, Pontón criticou a subida dos tipos de interese, “que beneficia a unha banca que non devolveu o rescate de 90.000 millóns de euros”, e puxo o foco tamén na cuestión enerxética nunha Galicia rica en electricidade.

“En Galiza, o bipartidismo veta a tarifa eléctrica galega, e estamos en pleno boom eólico depredador que coloca a riqueza natural do País non ao servizo do País, senón do lobby eléctrico. Unha vez máis, outro exemplo de intervención pública na economía pero que non redunda en beneficio da maioría”, indicou.

obxectivos Pontón dixo que para saír desta complicada situación é fundamental poñer por diante os intereses da maioría e de Galicia. ”Precisamos ter máis poder político, máis capacidade de decisión, máis autogoberno, porque é o que nos permitirá encarar os desafíos do futuro, avanzar no desenvolvemento económico, e conquistar máis benestar social e máis prosperidade”, concluíu.

21 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito