Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pontón propón duplicar o investimento nos eidos de ciencia e innovación

Busca acadar a media europea e considera que apostar por isto é un plan “estratéxico”

Santiago. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este martes o centro de investigacións biomédicas da Universidade de Vigo (Cinbio) e aproveitou para destacar o “carácter estratéxico” que o Bloque Nacionalista Galego concede á ciencia e á investigación como motor para unha Galicia de futuro, próspera e de vangarda.“É clave para o desenvolvemento social e económico e require unha aposta firme, máxime nun momento de grandes cambios e transformacións”, sintetizou.

A comunidade ten capacidade e talento, pero é evidente, engadiu, “que se precisan máis medios e unha mellor planificación para poñernos na vangarda científica”. Para avanzar nunha Galicia do coñecemento, Pontón puxo sobre a mesa tres cuestións: financiamento, capital humano –incluíndo a igualdade de xénero tamén neste eido– e reforzar o sistema científico das universidades, principais produtoras de ciencia.

En financiamento, a portavoz nacional do BNG considera urxente “sacar Galicia da cola onde a situou o Goberno de Feixóo”, tendo en conta que hoxe se destina menos do 1 % do PIB e propuxo o obxectivo de duplicar esta porcentaxe ata o 2 % do PIB, en liña coa media de investimento en Europa. “Obviamente, iso require que a Xunta mobilice máis recursos, de feito, nos orzamentos de 2022 propuxemos destinar o 3 % do total á ciencia, pero tropezou co veto do PP”, lamentou.

En todo caso, o Bloque seguirá traballando nesa dirección, tendo en conta que estamos nun momento en que se poden captar recursos e no que hai que abordar unha nova planificación ao caducar o Plan Galiza Innova en 2020.

Nos recursos humanos, subliñou a evidencia de que sen científicos e científicas non hai ciencia. Por iso, indicou, urxe traer de volta o talento investigador emigrado e poñer en marcha medidas que reteñan o que aínda está aquí, ao que se suma a avalancha de futuras xubilacións.

Finalmente, destacou a necesidade de fortalecer o sistema de I+D+i nas universidades, por ser estas o máis importante foco de xeración de ciencia e investigación. “Podemos ser unha potencia no ámbito científico, no que xa temos a moitos e moitas referentes, pero hai que facer unha aposta de país pola ciencia e polo coñecemento”, concluíu a líder. redacción

19 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.