Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pontón propón unha mesa de negociación para acabar co “decreto da vergoña” do plurilingüísmo

Fai un chamamento á mocidade: “Todo se pode facer en galego, mesmo reguetón” // Un estudo da RAG indica que o 40% do alumnado escolarizado baixo este decreto remata o ensino obrigatorio sen ter competencias plenas en galego

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu este mércores a posta en marcha dunha mesa entre axentes sociais e diferentes sectores para “articular a política lingüística no ensino” e “frear o proceso desgaleguizador” que, ao seu xuízo, prodúcese en Galicia polo “decreto da vergoña” no ensino.

Propúxoo en declaracións á prensa tras reunirse na Coruña co presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e membros da comisión executiva da institución como Margarita Ledo, Henrique Monteagudo e Marilar Aleixandre.

No encontro, indicou Pontón, abordaron algúns dos retos da RAG e analizaron os efectos de “ese decreto da vergoña”, en alusión ao decreto para o plurilingüismo da Xunta. A líder nacionalista referiuse tamén ao estudo realizado pola RAG que conclúe que un 40 % dos alumnos castelánfalantes terminan a ESO cunha competencia escasa en galego, sobre todo na escrita, cando a Xunta ten a obroga legal de garantizar que se remate o ensino obrigatorio coa mesma competencia nas dúas linguas oficiais de Galiza.

“A algunhas forzas políticas éncheselles a boca falando de liberdade, mentres están a privar aos mozos e mozas da liberdade de escoller cal é o idioma que queren usar e estase freando e limitando o coñecemento da lingua”, sostivo, o que significa, para ela, “incumprir” o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística “que di que a obrigación da administración educativa é que os nenos acaben a etapa obrigatoria co mesmo dominio nas dúas linguas”.

“Tememos moi claro que o galego ten que ser unha lingua vehicular no ensino”, remarcou. E lanzou unha mensaxe a xente moza para sumarse ao galego: “Todo se pode facer en galego, ligar, trapear e mesmo reguetón”, asegurou.

Pola súa banda, Víctor Fernández Freixanes agradeceu a “sensibilidade” das forzas políticas que se interesan polo que representa a institución, que é a realidade da lingua galega.

Tamén participaron a deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas e o portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, según informa Efe.

O DECRETO ESTÁ ASUMIDO POR TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA, DI A XUNTA

Desde a Consellería de Educación aseguraron este mércores a este diario que “o Decreto está asumido por toda a comunidade educativa e cumpre o seu cometido dende hai 10 anos sen ningún tipo de conflitividade nas aulas”. Ademais, polos datos do IGE de setembro do 2019, “o número de galegofalantes aumenta por 1ª vez dende que temos estatística” e respecto ao decreto criticado indican que “o galego continúa tendo os índices de competencia máis elevados de todas as CCAA con linguas cooficiais. Tamén é a lingua con maior índice de falantes de todas elas”, explican.

“É o Goberno galego a quen lle corresponde ditar os decretos que en cada momento considera máis axeitados e este en concreto foi validado tres veces nas urnas. Os decretos dítaos o Goberno, non a oposición”, rematan.

30 jun 2021 / 12:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.