Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pontón propón unha tarifa eléctrica galega ante o impacto da inflación

A líder do BNG, Ana Pontón, participou esta mañá nunha campaña de movilizacións no mercado de Santo Agostiño da Coruña ante a escalada de prezos de materias primas que afecta á economía dos fogares e ás empresas.

Considera Pontón que na práctica isto significa que cada vez os salarios “valen menos” ,xa que están a subir todos os elementos básicos: luz, gasolina, alimentación. “Temos unha crise económica moi grande e dende o BNG pensamos que é importante que se poñan sobre a mesa medidas reais, de alcance e eficaces para que esta crise non a pagen de novo os traballadores e traballadoras”, afirmou a líder nacionalista. É consciente de que estamos de novo nunha situación que non é fácil pero propón que os gobernos teñen que estar á altura e poñer sobre a mesa medidas de impacto para non pagar a crise. Un dos elementos que máis está afectando a esa inflación é a suba do prezo da luz. Hai uns días en Europa aprobouse a excepción ibérica e dende o seu partido consideran “que en función de como se aplique” pode ser unha medida que vai na boa dirección. A maiores, Pontón falou de que o Goberno central debe ter sensibilidade e poñer en marcha e excepción galega porque neste país “estase producindo moita electricidade, exportamos enerxía eléctrica, soportamos os custes sociais e ambientais e sen embargo non temos ningún tipo de retorno dende o punto de vista económico”. Rebaixar a tarifa da luz ao conxunto da cidadanía e ao conxunto do tecido empresarial sería un incentivo para que haxa máis oportunidades económicas. “Non é nada excepcional, os países da nosa contorna aplican tarifas diferenciadas para as zonas productoras como unha maneira de que o impacto negativo da produción repercuta no territorio”, engadiu. Desta maneira piden unha medida para Galicia que xa se leva a cabo noutros países como Alemania e Suíza.

Falou a nacionalista de que en medio desta crise seríaunha “tremenda irresponsabilidade” que o goberno preferise salvagardar os beneficios “escandalosos” das eléctricas en vez de poñer en marcha un novo imposto que grave eses beneficios.

Pontón engadiu o dato de que no ano 2021, en plena crise, as eléctricas gañaron máis de 11.000 millóns de euros, un 200 % máis que o ano anterior. “Non podemos ter un goberno do PSOE e Podemos que non quere utitilizar eses recursos para gravar as medias excepcionais que se precisan nesta crise. Senón que ao contrario, o goberno prorroga unha exención fiscal que vai beneficiar ás eléctricas”, afirma. O imposto de xeración eléctrica que pagan as empresas supuxo, segundo Pontón, aforrarlles e polo tanto máis beneficios, 1.200 millóns de euros desde que se puxo en marcha.

Como terceira proposta desta reforma do mercado eléctrico Pontón propón poñer fin a eses beneficios aos que califica de “caídos do ceo”.

Por outra parte falou de que ademais de poñer un tope ao prezo do gas hai outras enerxías que están amortizadas e que deberían saír do pool eléctrico como é o caso da enerxía hidráulica que costa menos de sete euros/megawatio producila e está tendo uns elevados beneficios. “Entendemos que son medidas que tería un impacto directo e moi positivo no conxunto das familias e creemos que hai que actuar xa”, engadiu.

Considera, ademais, que en Galicia hai un goberno que ten competencias en materia de industria, agricultura, comercio, entre outros, para poder afrontar esta crise pero “está instalado na propaganda e no fume, polo que Feijóo vaise ir de Galicia sen darlles solucións aos galegos e galegas”. Ao respecto, Pontón falou de anuncios pero ningún está no DOGA. “Dende o BNG temos claro que hai que moverse como sociedade e temos que presionar tanto ao Goberno central como o gobeno galego para que haxa unha saída xusta a esa crise”, dixo Poñer fin aos beneficios escandalosos das eléctricas, beneficiarse da riqueza do país a través dunha tarifa eléctrica galega e poñer en marcha unha política social para tirar da man das persoas máis desfavorecidas son os motivos que están detrás da mobilización que o partido convoca para o vindeiro domingo 3 de abril en Santiago de Compostela. “Queremos que a sociedade galega exprese que estamos fartos de ver como non se tomas decisións e que necesitamos política de boa que poña fin a esta inflación e que axude ás persoas que o están pasando peor”, concluíu.

28 mar 2022 / 12:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.