Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Premio a Extraco por aproveitar residuos da fabricación de asfalto para desenvolver produtos con base de cemento

No proceso, que axuda a mellorar o medio ambiente e a competitividade das empresas, participa tamén a Universidade da Coruña

Ourense. Un proxecto de I+D liderado pola compañía ourensá Extraco para o aproveitamento de residuos de plantas asfálticas logrou o recoñecemento da Fundación Renault Group España e do Club de Excelencia en Sustentabilidade como Mellor Práctica en Mobilidade Sostible e Accesible. A idea, denominada Alfiller, consiste basicamente en reutilizar o filler (recheo) de recuperación resultante do proceso de fabricación do asfalto no desenvolvemento de produtos de base cemento para distintos usos.

En España existen 190 plantas asfálticas en quente, cunha produción que supera os 15 millóns de toneladas e un 4% de filler de recuperación, o que implica ao redor de 600.000 toneladas anuais de residuo que deben xestionarse adecuadamente para o seu depósito en vertedoiros, co consecuente impacto económico e ambiental, estimado en máis de 5 millóns de euros.

Un consorcio empresarial encabezado por Extraco e no que participaron tamén as firmas Prefhorvisa, Galaicontrol e Renga, contando co apoio do grupo de Construción-gCONS da Universidade da Coruña, desenvolveu un completo proceso de análise física, química e mecánica dese filler de rexeitamento e constatou a súa adaptación para a elaboración de novos morteiros de albanelería, revestimento e formigóns de recheo para bloques prefabricados, usos cunha notable saída comercial no sector da construción.

A fabricación de mesturas bituminosas en quente é un proceso continuo onde os áridos son sometidos a unha operación de secado e quecemento. Despois pasan por un cribado destinado a separar o material en fraccións de diferente tamaño e depositalo en moegas quentes para o seu almacenamento, antes de pasar á cámara mesturadora e da incorporación ao proceso do betume, último paso antes de obter a mestura asfáltica. O problemático residuo, o filler de recuperación, procede do cribado e mesturado dos áridos.

O proxecto desenvolveu inicialmente un completo procedemento de análise e estudo para acadar a caracterización física, química e mecánica do filler, pensando nas súas posibles aplicacións. E unha vez determinados eses resultados definíronse, por unha banda, dous tipos de morteiro con cemento, un de albanelería e outro de revestimento, ambos para a súa aplicación en edificación, e por outra deseñáronse formigóns autocompactantes para aplicacións in situ e de consistencia máis seca para elementos prefabricados. Para este último obxectivo tívose moi en conta o abanico de posibilidades aberto para as empresas de prefabricados de formigóns desde a crise iniciada en 2008.

Ademais de distintos ensaios específicos para testar os resultados, proxectáronse muros prototipo para a aplicación directa dos materiais estudados. Desta forma púidose calibrar a calidade do produto resultante no recheo de bloques con formigóns moi fluídos, empregándose así mesmo os morteiros de revestimento e albanelería para a execución das propias paredes. O resultado final presentou datos o suficientemente satisfactorios tanto medioambientalmente como para a propia competitividade das empresas integrantes do consorcio.

O proxecto desenvolveuse entre os anos 2018 e 2021, e ao seu termo chamou a atención da Fundación Renault Group España e do Club de Excelencia en Sustentabilidade. Nun evento celebrado na sede de Renault Group, en Madrid, a construtora ourensá foi distinguida na categoría de Pemes/Emprendedores da novena edición dos Premios á Mellor Práctica en Mobilidade Sostible e Accesible. Ademais de Extraco foron recoñecidas Sagulpa (Sociedade Municipal de Aparcamentos de Las Palmas de Gran Canaria) e Iberdrola.

14 mar 2022 / 13:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.