Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Profesionais de Gespesa viaxan á autonomía para ver o traballo de Sogama

Un grupo integrado polo director xerente, entre outros, visitou o Complexo de Cerceda

A Coruña. Representantes de Gespesa, empresa pública de Estremadura encargada, desde 1992, da recollida e tratamento dos residuos domésticos nesa comunidade, visitaron este venres o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer con detalle os pormenores da súa actividade, así como as melloras acometidas durante os últimos anos e os proxectos de futuro nos que a compañía galega xa está a traballar.

A delegación, conformada polo director xerente, o coordinador xeral e dous técnicos, tivo un encontro co presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, quen explicou o percorrido histórico da Sociedade Galega do Medio Ambiente desde a súa creación ata hoxe. Durante a súa alocución, abundou na transformación do medio ambiente galego, que pasou de ter 300 vertedoiros municipais incontrolados na década dos 90 a dispoñer na actualidade dun modelo punteiro, moderno e innovador cuxo labor se cingue ás directrices europeas, aplicando de forma prioritaria os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa coa recuperación enerxética da fracción non reciclable.

O responsable de Sogama fixo fincapé nesta última fase, dado que evita o depósito de residuos en vertedoiro, a peor das opcións polo seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde, á vez que se xera electricidade a partir dun residuo que, doutra forma, acabaría soterrado, desperdiciando o seu potencial enerxético. De feito, a enerxía producida en Sogama equivale ao consumo anual do 12% dos fogares galegos.

Así mesmo, incidiu en que, no actual escenario de crise enerxética, non nos podemos permitir “o luxo de enterrar enerxía”, lamentando que, como media, en España preto do 54% dos residuos municipais acaben en vertedoiro.

Grazas á política de innovación do último lustro, e a unha xestión rigorosa e acertada, a vertido directo no sistema Sogama viuse reducido nun 98% desde 2008, logrando que máis do 90% da superficie do vertedoiro de Areosa xa estea selada e revexetada.

Tamén dou conta da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta (conformada por 4 plantas de biorresiduos -unha por provincia- e 13 de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento da fracción orgánica) a fin de estender a valorización da materia orgánica á práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama. A pretensión é que dispoñan dunha planta destas características a menos de 50 km de distancia.

No marco da Lei galega de Residuos, que segue as directrices da Unión Europea, os concellos, que son os que teñen as competencias na materia, dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida separada dos residuos orgánicos a través do contedor marrón, encargándose a Xunta, a través de Sogama, de axudalos mediante a dotación de infraestruturas ás que se destinará un investimento próximo aos 40 millóns de euros.

O colectivo realizou un itinerario guiado polas distintas plantas do complexo cercedense, podendo comprobar in situ o circuito que seguen os residuos das bolsas negra e amarela para ser valorizados, separando primeiro, para o seu posterior reciclado, a parte susceptible de ser reciclada, e transformando o resto en enerxía eléctrica. ECG

30 abr 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.