Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Da man do Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago // O proxecto empezou a funcionar no ano 2015, pero agora entra nunha nova etapa // Engade contidos didácticos para o Ensino Medio aos que xa tiña de universidades // Estrea sección de ‘Virus, epidemias e vacinas’ TEXTO S. Barba

Proxector: 600 audiovisuais en galego para a docencia nun portal

Este martes o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Santiago (USC) presentaron ante os medios a nova etapa de Proxector, o portal específico para visibilizar recursos didácticos en galego. Este proxecto conta con 600 vídeos a disposición da sociedade para a docencia tanto de Universidade como de Secundaria (unha das novidades). No acto de presentación participaron Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC.

Proxector é un espazo que pretende visibilizar materiais científicos, de calidade e na nosa lingua, dirixidos a docentes e alumnado universitario e de Ensino Medio e poden consultarse na web do CCG, máis específicamente na ligazón http://consellodacultura.gal/especiais/proxector/index.php#gsc.tab=0.

A nova etapa implica un cambio de concepto. Rosario Álvarez fixo fincapé no acto en que é un produto que une tres eixes de acción “ciencia e divulgación científica; un público novo e o feito lingüístico”. Ámbitos nos que tamén coincidiu Gumersindo Feijoo, vicerreitor da USC, que engadiu a importancia de ser un produto audiovisual e en acceso aberto, fundamental nas institucións públicas, informa nun comunicado de prensa.

agora con contidos para Secundaria, Bacharelato e FP Proxector comezou a funcionar no ano 2015 pero entra agora nunha nova etapa con importantes novidades. Por unha banda, todos os vídeos están aloxados no repositorio creado polo do CCG, o que lle dá unha “maior estabilidade e difusión”. E, por outra, amplía o seu público para incorporar recursos para o ensino Secundario.

Deste xeito permítese actuar nun ámbito relevante para a normalización lingüística: ESO, Bacharelato e FP, o que se ofrecen recursos para materias que non poden darse en galego por lei.

Son materiais para “etapas máis desatendidas pola Administración”, tal como se reflectiu nas conclusións dos últimos Encontros para a Normalización Lingüistica que organizou o Consello da Cultura Galega o pasado mes de outubro.

diferentes ámbitos temáticos Antropoloxía social, bioloxía, dereito, economía, comunicación audiovisual, xornalismo, artes plásticas, ciencias biomédicas, ciencias da educación, ecoloxía, enfermaría... son moitos os ámbitos temáticos nos que se pode buscar dentro deste repositorio que non produce vídeos propios, senón que concentra nun espazo materiais que existen noutras redes, xa filtrados e etiquetados.

Ademais, ofrece especiais que agrupan materiais sobre aspectos de actualidade ou relevantes. Este é o caso actual, xa que esta nova etapa estrea un apartado específico adicado ao tema máis consultado do momento, ‘Virus, epidemias e vacinas’, xa que a pandemia da Covid-19 fai que se demande moita máis información científica e veraz e, por que non, en galego. Nel podemos aprender ‘Que nos pode ensinar a vacinación de morcegos vampiros sobre as pandemias’, ‘A expedición Balmis e a vitoria da vacinación’ ou ‘Por que a Covid-19 nos está a atacar agora e como prepararnos para o próximo brote’.

A presentación contou coa asistencia de Elena Vázquez Cendón, membro do CCG e decana da Facultade de Matemáticas compostelana, que destacou a importancia de localizar estes materiais nun único espazo. “É un punto de encontro que demandaba o Ensino Medio e a Universidade, onde se poden atopar recursos moi destacados, xa validados e certificados” apuntou. Canda ela estaban Xusto Rodríguez Río, responsable da Área de Terminoloxía da USC; Manuel Núñez Singala, responsable de normalización lingüística da USC, e Susana Mayo, coordinadora técnica do Centro de Documentación Sociolingüística do CCG.

Funcionamento de Proxector Desde onte mesmo, os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados –galego ou portugués– ou subtitulados, e o nivel de ensino no que se poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Co ánimo de apoiar a introdución do portugués no sistema educativo galego, tamén ofrece vídeos gravados ou subtitulados neste idioma.

deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da usc Proxector é, polo tanto, un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias. O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos.

Na sua propia web Proxector defínese como un catálogo aberto en continua actualización, polo que indica a todos os seus usuarios que se coñecen algún recurso audiovisual que aínda non estea incluído, poden recomendalo enviando a información a: cdsg@consellodacultura.gal ou snl_lugo@usc.es.to

19 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito