Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sanidade confía no xerente do Sergas para pacificar a área sanitaria de Pontevedra

Sustitúe a José Ramón Gómez tras cinco anos e medio no posto // Cinco sindicatos amenazaran con realizar unha folga ante unha serie de deterioros

O Servizo Galego de Saúde vén de designar a José Flores Arias para desempeñar o posto de xerente na Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en substitución de José Ramón Gómez. Así o anunciou na mañá de hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tanto aos xefes de servizo e supervisoras de enfermaría do hospital como aos membros da xunta de persoal da área. Cinco sindicatos con maioría na xunta de personal da área (CESM, Prosagap, O´Mega, Co.Bas y TSP) mantiveran este martes un encontro con José Flores no que se acordara que habería cambios no equipo directivo esta mesma semana, aínda que se descoñecía a quenes afectaría. A sanidade pública nesta área viña sufrindo unha serie de deterioros polos cales os sindicatos chegaron a amenazar con unha folga xa que non estaban conformes co Plan de Continxencias nin coas gardas de relevos nos PACS, entre outros asuntos.

O novo xerente da área, que se incorporará logo de que o Consello da Xunta acorde hoxe o seu cese no seu actual posto como xerente do Sergas, conta cunha ampla traxectoria como xestor na sanidade pública galega, na que xa ten exercido en distintos postos de responsabilidade na Área de Pontevedra e Salnés en etapas anteriores.

José Flores Arias é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario e ten un diploma de estudos avanzados en Medicina pola mesma universidade. O novo xerente da área de Pontevedra e Salnés realizou o período formativo como médico interno residente nesta área sanitaria entre os anos 1996 e 1999, pasando logo a desempeñar o posto de médico coordinador da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 a partir do 1 de maio de 1999, sendo nomeado xefe de sala desta Fundación Pública no ano 2000 e subdirector asistencial da mesma entre 2003 e 2005. Nestes anos traballou tamén nas urxencias dos hospitais de Montecelo e do Salnés.

Nos anos seguintes ocupa o posto de médico asistencial na base medicalizada do 061 en Ferrol, entre 2005 e 2007, ano no que se traslada á base medicalizada do 061 en Pontevedra, onde exerce o cargo de xefe de base ata abril de 2017 agás no ano 2009, no que exerce durante meses o cargo de director asistencial de Atención Primaria en Pontevedra. No ano 2017 pasa a desempeñar o cargo de director asistencial da FPUSG 061, ata que en novembro de 2018 é nomeado director desta.

En setembro de 2020 foi nomeado xerente do Servizo Galego de Saúde, posto desde o que desempeñou un papel fundamental na xestión da pandemia da covid-19 e no funcionamento do Servizo Galego de Saúde como hospital único durante esta crise.

Comesaña quixo agradecer o traballo de José Ramón Gómez ao longo destes últimos cinco anos e medio, nos que desempeñou un extraordinario labor, do que destacou a súa visión e dedicación no deseño e preparación do futuro Gran Montecelo.

04 ago 2022 / 10:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito