Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Santiago vai de sentir

Primeira tenente de alcalde. Concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural de Compostela

As veces, o correr da auga estreméceme, vólveme á adolescencia, cando a chuvia parecía quenon ía a cesar nunca, e resultaba imposible non acabar cos pes mollados; e o son, o barullo do correr da auga, o son dos canos desbordados, do golpe da auga coas pedras, dos chorros que precipitan no chan, nos paraugas, a diversidade dos sons da auga; cada vez que chove volvo a ser aquela rapaza que chegou a Santiago, que se namorou do mundo mirando Compostela, e que dende o primeiro día soubo que quería ser compostelá.

Nunca deixei de ser aquela nena, e tampouco nunca deixei de mirar a Santiago con aqueles ollos de admiración, fascinados polas oportunidades que ofrecía a cidade, polos espazos, polas xentes, polas de aquí e polas que viñan de lonxe, polos barullos, os da xente e os da auga; todo, absolutamente todo, tiña olor a futuro en Santiago. Porque o Santiago ao que eu cheguei, lonxe de cerrar España, abría o mundo.

Pasaron moitos anos, Santiago viviu momentos diferentes neste tempo, como todas as cidades, con acertos e desacertos, entre todos e todas construímos a cidade que temos hoxe, algúns dos sons da auga mudaron, uns para ben, outros quixera volver a escoitalos.

O certo é que a cidade cambiou moito neste anos, medrou, desenvolveuse en servizos e equipamentos, aprendeu a convivir co rural, que é parte da nosa esencia; pero as veces sinto que nalgunha volta do camiño perdemos esa mirada de fascinación que tivemos noutro tempo, que nos fixo sentirnos protagonistas do mundo, e que nos fixo querer ser compostelás.

Nos últimos anos pasamos por momentos moi difíciles, as crisis, a pandemia, a guerra en Ucraína; aínda as incertidumes son maiores que as certezas, pero sabemos que o mundo que virá tras a pandemia e a guerra será diferente, volveremos a mirar cara dentro, falar do local antes do global, dos reparos da globalización, da importancia dos recursos de proximidade; o mundo terá que decidir de novo que quere ser, e nós, en Santiago tamén.

Porque os termos en que se definira o mundo ata os nosos días quedaron obsoletos coa invasión de Ucraína; as institucións internacionais, os acordos, a seguridade; a mesma certeza moral que producía a idea de democracia despois dos anos 50 parece sucumbir ao arrastre dos populismos que desbordan as lecturas programáticas e principistas das políticas.

A polarización, da que tanto se fala, é a guerra dentro da política, é recoñecer ao outro coma inimigo, é o rexeitamento a comprender as posicións dos demais, a circular por camiños que poidan encontrarse, a reducir as distancias e aceptar o risco de que o outro teña razón. Ese é hoxe o principal problema do noso mundo, falamos para ter razón, dialogamos para impor a nosa vontade, e acabamos compartindo solo con aqueles que concordan con nós.

Nunca o diálogo foi tan estéril, o físico e o dixital, porque no fondo temos unha certa fascinación pola discrepancia, pola diferencia, por mostrar a nosa particularidade, na política e na vida.

Pero o mundo que ven necesita exactamente o contrario; necesita que xuntemos forzas, que encontremos solucións conxuntas e que todos e todas nos sintamos parte desas solucións.

Ninguén vai poder atopar o camiño solo, porque a política xa non vai de dar resposta as necesidades obxectivas da xente; agora vai de que a xente perciba esas respostas como as que eles e elas necesitan. E iso, nin é obxectivo nin xa nunca será obxectivable.

No Século XXI, a política vai do que a xente sinte, e de como cadaquén constrúe a súa forma de sentir. Por iso hai tanto risco nos populismos, por iso tantas incertezas no futuro. E tamén por iso temos que construír o futuro de Santiago xuntos, para que tras estes anos de crises e pandemias, Santiago volva a fascinarnos a todos e todas; e tal vez, un día destes, outra moza coma min vexa nesta cidade a porta do mundo, e queira para sempre ser compostelá, santiaguesa e picheleira. Porque Santiago no vai de palabras, va de sentir.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito