Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Sector primario: novos
retos en tempos incertos

Vicepresidenta do Grupo Coren

Un ano máis, estas páxinas de El Correo Gallego invítannos á reflexión sobre a festividade do Día de Galicia e dos retos de futuro da nosa terra. Unha data para celebrar a nosa identidade galega que, neste ano -como parte do Xacobeo 2021-2022-, festexamos novamente acompañados dos milleiros de peregrinos que chegan de todas as partes do mundo para compartir este día especial con nós, que queren descubrir os encantos desta terra bela e hospitalaria, e gozar das nosas fermosas paisaxes, deliciosa gastronomía e xenerosas xentes.

Este 25 de xullo chega despois de dous anos de pandemia, que nos permitiron reflexionar sobre o valor das pequenas cousas e poñer no seu sitio o verdadeiramente importante, pero da que tamén seguimos arrastrando as consecuencias e os seus efectos. O clima de inestabilidade que trouxo a crise sanitaria agudizouse co estalido da Guerra na Ucraína, un conflito que nos levou a un escenario extremadamente complexo a nivel mundial e está a xerar unha fonda preocupación pola evolución da economía.

Nos últimos meses estamos a ver a inflación desbocada –os datos máis recentes sitúana por enriba do 10%- e as previsións apuntan a un descenso de consumo, o que levou a todos os grandes organismos económicos a revisar á baixa as súas previsións de crecemento.

O sector primario tamén está a ser especialmente afectado polos desafíos que plantexa este novo contexto. Certo que temos un grande potencial na nosa terra, óptimas condicións para a produción de alimentos de máxima calidade, un sector á vangarda e dotado coas últimas tecnoloxías, e as novas xeracións máis preparadas da nosa historia.

Non obstante, a suba das materias primas de alimentación animal no último ano e medio (que fixo que cereais como o trigo e o millo duplicasen os prezos) e os custes de electricidade e carburantes en máximos históricos están facendo perigar a viabilidade do sector agroalimentario, poñendo en risco a súa continuidade, xa que moitos produtores están a traballar por debaixo de custos.

É preciso, máis que nunca, garantir uns prezos xustos dos produtos no punto de venda, que permitan a viabilidade de toda a cadea de produción de alimentos. Non podemos depender de terceiros mercados nos que non se produce coas mesmas esixencias de calidade, trazabilidade, benestar animal e respecto ao entorno como se fai aquí. Sen esquecer a importancia de contar cun sector de produción de alimentos propio e de cercanía, que garanta o subministro á poboación, que se demostrou esencial en crises como a do confinamento polo Covid-19.

Non son os mellores tempos pero, a pesar de todos estes desafíos, o noso traballo será, unha vez máis, garantía de futuro. Dende as nosas orixes, en Coren estamos convencidos do potencial que ten o campo galego e, por iso, levamos 60 anos traballando para construír un futuro para as novas xeracións na nosa terra. Estamos orgullosos de todo o que levamos conseguido, un grupo do que hoxe forman parte máis de 7.000 familias, a maior cooperativa agroalimentaria cárnica de España. Sobre os nosos valores de benestar animal, respecto ao medio ambiente, calidade, trazabilidade e I+D, hoxe estamos preparados e dimensionados para competir nun mercado globalizado e que, de feito, xa leva o nome de Galicia a máis de 55 países de todo o mundo. Sobre estas premisas seguimos traballando, sempre coa firme defensa duns prezos xustos para os nosos produtores, e co fin de levar a mellor calidade á mesa dos nosos consumidores.

O futuro pasa polo compromiso de cada un de nós por acadar unha Galicia mellor e máis próspera. Pero este día tamén debe servir para reflexionar sobre o camiño que queremos andar nos próximos anos. Porque aquí tamén temos que facer camiño.

Feliz Día de Galicia!

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito